Luminosa penumbra

mafvQuero dicir hoxe do Miguel Anxo Fernán Vello poeta, do escritor que leva máis de trinta anos iluminándonos cos seus versos, do creador que ten loitado arreo pola dignificación socioliteraria da lingua do seu pobo, da xente nosa que é máis nosa, entre outras cousas, mercé a que autores co seu compromiso estético e idiomático fan da comunidade un territorio con maior estimanza do seu.

Non procede detallar agora os múltiples recoñecementos dos que foi merecente a súa longa andaina e tampouco non percorrer os moitos títulos memorables que poden sinalarse entre as dúas decenas de poemarios e a media ducia de pezas teatrais que deu á luz. Abondará con lembrar que, como unha das voces máis senlleiras da súa xeración, a el teñen sido dedicados volumes colectivos e monografías e mesmo existen teses de doutoramento que analizan, exhaustivamente, as bondades do seu verso.

Daquela, conformareime nesta ocasión con cursar un convite: o da lectura de Duración da penumbra, o seu máis recente libro de poemas, unha tiara versal que coroa a súa intensa e sobresaliente traxectoria.

A corentena longa de composicións desta obra resulta un fulgurante epítome da súa escrita previa e, asemade, é unha substantiva e poderosa proposta en por si. Estes versos ofrecen os principais sinais da identidade poética de Fernán Vello, quen regresa aquí á lúcida reflexión sobre a paixón, os corpos e os seus claroscuros en fluír amatorio, como acontecía en Do desexo en corpo e sombra ou Seivas de amor e tránsito. Mais tamén hai nestas páxinas unha evidente presenza da “luz branca que queima”, como en Memorial de brancura; da “pel contemplando/ o seu instante/ como se o tempo fose/ o propio corpo”, tal nos Poemas de lenta nudez ou Capital do corpo; da variabilidade e seguranza de todas as atmosferas, como en As certezas do clima; e, xaora, do espasmo ante o nada e o fuxidío que se debuxaba en Territorio da desaparición e Dicionario do estremecemento.

Mais o que distingue Duración da penumbra de anteriores achegas é a súa condensación expresiva, a torsión que a palabra produce ata alcanzar niveis comunicantes extremos, convertendo o poema moitas veces nunha cadea sentenciosa na que se suceden os versos, lapidarios, certificando frechas de definición conceptual, anímica ou vivencial.

penumbraAs composicións destas planas recoñecen a epifanía do lóstrego elotiano; saben do oracular oficio do poeta e o seu ollo que todo o ve, mesmo o invisible; non esquecen os horizontes lacunares da infancia; teñen palabras para a realidade pedestre do frigorífico ou o quirófano; comprenden a alta simbólica do vento, a música, a serpe ou a neve; son solidarios coa contemplación dos sábados e a teoría dos domingos; recoñécense no tránsito dos emigrantes e na esperanza fanada dos campos de refuxiados; trazan retratos de pos-paisaxes e acuarelas urbanas, mesmo autorretratos; en fin, supoñen a asunción radical da procura da irradiación absoluta, dese morrer debruzado nun mar de luz, iluminación transcendente e definitiva, tan cara a outros poetas chairegos por el benamados.

Convén aprehender Duración da penumbra, matinar verbo da súa fonda mensaxe, ser conscientes da verdade que encerra: “Hai que cambiar as cousas, din os sabios. Talvez no futuro este poema/ conserve un sopro de arrepío entre as súas fendas,/ un arreguizo branco nos seus acordes líricos”. Aí estamos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 30-10-2016]

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a                                    

Oración pola Beleza

Había un certo tempo que Miguel Anxo Fernán Vello non nos daba a alegría de publicar un novo libro. Os seus últimos traballos —o poemario Dicionario do estremecemento (2007) e mais a antoloxía Astro interior (2008)— fican xa un lustro atrás, así que a aparición de Habitación de asombro, o título co que se fixo acredor do XXVIII Premio de Poesía Cidade de Ourense, é sen dúbida unha magnífica nova, máxime cando ve luz na casa que o propio escritor capitanea, Espiral Maior, durante os pasados meses un tanto apagada, mais, ao que se ve, renacida con vibrante pulo a través desta publicación e doutras obras de Marisol Gándara Sánchez, Cristina Ferreiro Real e Roi Vidal que tamén saíron do prelo por estes mesmos tempos.

A nova achega do da Terra Chá adórnase cunha sutil composición de cuberta asinada por Isabel Pintado, magnífico limiar visual ás dúas ducias de poemas que compoñen un conxunto de textos de meridiana extensión tecidos a base de versos longos e versículos, todos con reveladores títulos, antededicados amais a bos amigos e mesmo compañeiros de angueiras editoras como Amparo Manteiga e José Antonio Blanco.

A poesía de Fernán Vello en Habitación do asombro é un clamor silencioso, un berro afogado que laña nos límites do dicible. O poeta defróntanos co limes do baleiro absoluto, un deserto perante o que só pode mediar o pensamento vertido no poema, a palabra que nos ata como un fío á vida e a esperanza, todo o demais é non-espazo, extinción, crepúsculo e ruína.

A chuvia cae nestes versos impenitente, como unha condena eterna. Déixanse tramar polo asombro as imaxes destes textos, co fragor silandeiro dun futuro apenas albiscado dende un presente de cemiterio de coches, de turistas vacuos e desnortados, de desprazados.

Mais hai tamén en Habitación do asombro espazo para o diálogo cos poetas benamados, chámense estes César Vallejo, Rosalía de Castro ou Emily Dickinson, por suposto tamén para a memoria dos represaliados, representados aquí por Juana Capdevielle e, por que non, para a lembranza de Pizarnik, de Nietzsche, de Celan…

Polo medio, autorretratos de muller, écfrases, luces animais e inquisitoria corporal, tamén si soidades do poema, prazas baleiras, loitas agónicas de poeta, óperas e salmos, anatemas necesarios e interrogantes abertas aos días que han de vir, que xa van sendo.

Os poemas de Fernán Vello teñen un aquel neosurreal con dicción heroica, enunciativos e de alucinada revelación a partes iguais, mais sempre de extraordinaria plasticidade na imaxinería, ese campo inzado de cinza, luces, rosas negras, desertos, corpos, memoria, silencio, palabras salvíficas.

Sempre paga a pena regresar ao poeta chairego, deixarse asolagar pola súa verba fértil, lonxincua, sonora. Un territorio suxestivo que nace do tremor, do espasmo da incerteza, do abraio universal no tránsito inefable da vida á morte, dos interludios que habitamos. Porque na Habitación do asombro sempre haberá lugar para unha “última oración/ pola Beleza”.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 28-7-2013]

Miguel Anxo Fernán Vello na espiral inmóbil do tempo

Coinciden no tempo dúas publicacións que sitúan no centro da actualidade literaria galega o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Dunha parte, a prestixiosa editorial castelá Huerga & Fierro publicou hai pouco na ben coñecida colección Signos o seu poemario Territorio de la desaparición. Doutra banda, Edicións Laiovento acaba de dar á luz Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello, volume colectivo que, a modo de homenaxe, profunda no estudo dos textos líricos do autor.

A recente edición de Territorio de la desaparición pon ao alcance do público castelán un magnífico libro de versos, que xa no seu día (2004) fora distinguido co Premio da Crítica de Poesía en Lingua Galega outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios. Volve agora á circulación, pois, nunha edición bilingüe galego-castelá da que se fixeron cargo o tamén poeta Xulio L. Valcárcel e o profesor e crítico Luciano Rodríguez.

Os versos de Fernán Vello locen espléndidos na tradución de Valcárcel e Rodríguez, quen non só amosan unha moi fina captación de todos os matices semánticos e expresivos do orixinal na súa translación, senón que alí onde foi preciso establecen pontes de acomodación para termos ou imaxes singularmente enxebres que só os grandes tradutores son quen de resolver con ben.

Se son lectores na lingua de noso e no seu día non se achegaron á edición primeira do libro ou se o seu idioma de lectura é preferentemente o castelán, neste Territorio de la desaparición han atopar unha poética de fondura e lucidez reveladoras, mesmo dunha clarividencia lacerante por veces, que ergue, clamorosa, a voz dun excelente autor en plena madurez creativa.

Complementariamente, Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello nace como unha empresa de recoñecemento plural ás dúas décadas cumpridas polo escritor chairego no eido da promoción da poesía galega a través da referencial Espiral Maior Edicións. Con tal motivo, novamente Luciano Rodríguez coordina un nutrido grupo de ensaístas (a meirande parte deles tamén poetas e mesmo compañeiros de singradura xeracional do propio Fernán Vello) que se debruzan analiticamente sobre dos diversos poemarios que, ao longo de máis de trinta anos de escrita pública, o autor de Cospeito foi dando ao prelo.

Seguir lendo