Un soño de vogais

ilustracion luz belosoTempo hai que lle tiña botado o ollo ao moi fermoso O soño de Esther, mais non foi ata este día que puiden ter nas mans tan delicado coma imaxinativo álbum.

Os pinceis de colorido rebordante de Luz Beloso e os versos musicais de Miguel Ángel Alonso Diz tiran do fío dun relato protagonizado pola nena Esther —ben próxima aos autores— que, desidiosa para a aprendizaxe das vogais, soña unha historia na que, sen ela se decatar, vai descubrindo ao seu redor elementos da natureza e a contorna coa morfoloxía das letras que tanto lle custa aprender: unha casa con tellado de moitas augas (tal un A maiúsculo), unha randeeira en forma de E xigante, un campo cheo de lanzais lirios (esguíos como un I), un vello velocípedo coa súa roda maior a xeito de inmenso O e os restos dunha edificación en media lúa que recorda un U.

o soño de estherO soño de Esther reflexiona sobre a capacidade de aprender, verbo da necesidade de integrar as ensinanzas da vida no proceso de maduración e de como todo o que nos rodea está a darnos unha lección impagable, pois ningún sentido ten o ensino regrado de costas ás grandes mestras que a natureza e a propia existencia son.

Non me cansarei de recomendar encher os ollos da Luz de Beloso, esas súas texturas que aloumiñan a vista e vidran un relato no que Alonso Diz debroca toda a sutileza emotiva á que nos ten afeitos.

Para primeiriños lectores aos que introducen na maxia da palabra os seus maiores, este O soño de Esther é un ideal convite para aprender o mundo con feliz curiosidade, estimable proposta coa que acerta Nova Galicia Edicións.

O SOÑO DE ESTHER from AlonsoBeloso on Vimeo.

Advertisements

Luz de Anxo

Como a luz dun anxo da ilusión e a esperanza. Así cómpre ler A nena á que non deixaban ser feliz, delicada e positiva narración xurdida do maxín creador de Miguel Ángel Alonso Diz e a maxia dos pinceis de Luz Beloso que toma corpo agora nos tórculos de A Porta Verde do Sétimo Andar.

Poucas veces se atopa nunha única obra tanta rebordante afirmación da beleza e a bondade. Os valores positivos que inzan nestas páxinas fan delas unha lectura ideal para @s nov@s que anden a aprender o mundo, mais tamén para @s adultos que queiran reconciliarse con el.

A ledicia, a autoestima, a capacidade de soñar e ilusionarse, a alegría de vivir, o aprecio polas artes e a creación, o desprezo do capitalismo feroz, o rexeitamento fronte ao autoritarismo ―manifesto ou encuberto, tanto ten―, a insubornable defensa da liberdade para pensar e obrar, o arredamento da neoescravitude tecnolóxica, o cultivo da amizade fonda, o noxo pola gula que condena á fame doutros, a reivindicación da pluralidade, a complementariedade e a diversidade tanto no colectivo coma no persoal, a devoción polas verbas; nunha palabra: o amor fraterno e universal como única vía posible para a felicidade individual e comunal é o que zumegan todos os poros deste emotivo A nena á que non deixaban ser feliz, precioso relato que, no ronsel de moitos outros textos clásicos, se concreta aquí na historia dunha neniña, Sabela, que ten a ousadía de declarar que é feliz nun mundo autocrático no que as autoridades e elites privilexiadas decretaron que a xente do común non pode vivir gozosamente e debe resignarse a esmorecer de tristura.

Alén da oportuna dedicatoria da “Soleira” á nena que foi (e segue a levar no corazón) María do Carme Krukckenberg, máis alá da acaída cita a un John Lennon que con cinco anos declarou que, cando medrase quería ser… feliz!, incluso alén do sentido poema “Epílogo” (todo un canto cordial e de contaxiosa esperanza), non quero deixar de destacar as magníficas ilustracións de Luz Beloso, que fai aquí un traballo visual de primeira orde, iluminando coas cores dos seus trazos todas e cada unha das palabras de Alonso Diz, que cobran con estes debuxos deliciosa vida icónica.

A nena á que non deixaban ser feliz será, segundo os casos, un perfecto libro regalo para lectorado novo, literatura medicamento para aqueles que tantas veces desconfiamos do xénero humano e sempre grata compaña para amantes da literatura de xenerosos sentimentos e moi fermosas imaxes.

Nove por sete

Da man da factoría literaria A Porta Verde do Sétimo Andar ve luz a antoloxía poética Sétimo andar, coa que esta plataforma creativa celebra a chegada ao sétimo número da súa colección Q de Vian Cadernos.

Para distinguir tal ocasión, nove dos colaboradores habituais deste colectivo creado no 2005 achegaron unha breve selecta dos seus versos inéditos coa que conformar un volume abondo plural, no que tan só o vencello da amizade e a común participación en iniciativas grupais xurdidas no seo do propio colectivo contribúe a unificar unha obra, insisto, absolutamente heteroxénea.

Iolanda Aldrei, Miguel Ángel Alonso Diz, Rosa Enríquez, Alfonso Láuzara, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, Manolo Pipas e Ramiro Vidal Alvarinho son @s galeg@s que, xunto ao portugués Virgilio Liquito, asinan o cento escaso de páxinas das que se compón esta escolma.

Canto ás poéticas ensaiadas hai, xaora, de todo: dende os versos libertarios de alento melancólico de Aldrei ata os simbólicos poemas en prosa, plurilingües e de forte carga xenérica, de Enríquez, pasando pola escrita patriótica, idiomático-reivindicativa e rosaliófila de Alonso Diz, a delicadeza elexíaca, sinestésica e aliterativa de Láuzara, a poesía agre e rupturista dun Liquito sempre ironicamente subversivo, a historia de amor pronominalizado e contrapuntístico de Martínez Delgado, o xenio chuviñento e bicheiro dun Momán alegórico, a afirmación metapoética e discursiva de Pipas ou aínda os adeuses á infancia e a denuncia do presente louco que estordega a musa de Vidal Alvarinho.

Como os propios coordinadores de Sétimo andar declaran, esta antoloxía abéiranos “7 anos e nove voces que forman un retrato interesante dun espazo en constante expansión, no que non ten cabida a indiferenza dos cordeiros”. Seinos a vostedes moi arredados da familia ovina, así que non me cabe dúbida de que curiosearán nesta valiosa escolma.

Versos cullarapos

Descubro o verso amable de Miguel Ángel Alonso Diz e as coloristas ilustracións de Luz Beloso a través do álbum O cullarapo Croque, delicado volume para lectores noviños que ve luz da man do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, selo que o incorpora á moi interesante colección Q de Vian Cadernos.

O libro de Alonso Diz e Beloso, cordialmente prologado por Xosé Neira Vilas, envólvenos nun mundo de tenros animaliños (paxaros, gatos, xoaniñas…) onde os elementos da natureza (o sol, a lúa, as augas, as fragas) son o escenario propicio para a irrupción de sereas, barquiños viaxeiros e, xaora, cullarapos faladores, pois é un gracioso cágado a voz guiadora das aventuras que aquí se cantan.

Na lembranza do pioneiro Manuel María dos soños engaiolados e de tantos outros mestres actuais (dende Fina Casalderrey ata Antón García Teijeiro, pasando polos máis recentes Elvira Riveiro Tobío ou Fran Alonso, sen esquecer tampouco os Antón Cortizas, Antonio Reigosa, Miro Villar e un longo e espléndido etcétera), os poemas de Alonso Diz cobran vida plena da man dos debuxos de Beloso, rebordantes de luminosidade, vizosísimos na paleta, sutís e evocadores nos trazos que acompañan unha tipografía abondosa en cores, ideada para o conveniente fascinio de pequenas e pequenos que se verán mergullados nun microcosmos de versos musicais e suxestivas imaxes.

Se tedes que facer un galano este tempos a unha rapaciña ou rapaciño de entre os catro ou cinco e os sete ou oito anos, O cullarapo Croque será unha magnífica elección, a ledicia de vivir e a ollada agradecida que sobre todos os seres deitan Alonso Diz e Beloso aseguran unha positiva lectura para os que comezan a gozar da mesma e, tamén si, para aqueloutros que hai tempo que a temos como inseparable compañeira.

Visopoesía

Un bo amigo pon no meu coñecemento a aparición dunha nova entrega da interesante revista Atenea, voceiro do histórico Ateneo Ferrolán que chega con este ao número 42 dos publicados na súa xa longa andaina, comezada por volta de 1999,  o que converte esta cabeceira trimestral nunha das máis solidamente asentadas no actual panorama literario galego.

Nesta ocasión Atenea dedica as súas páxinas monograficamente ao mundo da poesía visual, eido que, malia todo, non gozou nunca de excesivo cultivo entre nós, o que fai esta entrega aínda máis valiosa.

O discurso icónico-textual que desenvolven os diversos creadores que participan da iniciativa dá boa idea do pulo e a calidade que este tipo de creación vai alcanzando nos últimos tempos. Técnicas variadas (dende o collage ata a fotografía con inserción textual, dende o caligrama ata a instantánea de instalacións, entre moitas outras), conceptualizacións diverxentes (visopoesía intervencionista, evocadora, paródica…) fan desta antoloxía de traballos un máis que interesante mosaico de propostas dun amplo abano de artistas galegos e foráneos, pois amais de visopoetas da Terra participan no monográfico autores dos Països Catalans e a capital do Estado.

Velaquí a nómina completa: Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos, Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.

Dinamitando fronteiras, implementando a comunicación da poesía discursiva e abríndose á experimentación, os colaboradores deste novo número de Atenea conseguiron unha suxestiva entrega que os amigos do Ateneo Ferrolán quixeron democratizar poñéndoa ao alcance de todos na Rede. Aqueles aos que vos proa a curiosidade, sabede que podedes saciala aquí.