A caza do oso

Hai libros que se oen, que engadan cunha lectura que devagariño vai amolecendo nos oídos, xogando cos acordes e harmonías da imaxinación. Son obras que teñen a súa propia banda sonora, a súa impresión auditiva que vai acompañando as páxinas, como acontece con Imos cazar un oso, a tradución galega que Sandra e Óscar Senra Gómez realizaron do volume Going on a Bear Hunt, escrito por Michael Rosen e ilustrado por Helen Oxenbury, recoñecidos e moi populares profesionais británicos con máis de trinta anos de brillante entrega nos eidos da literatura infantoxuvenil, polos que recibiron moi numerosas distincións e o aplauso unánime tanto por parte do lectorado coma dos profesionais dos eidos didácticos e tamén literarios.

Imos cazar un oso non é senón a literaturización dunha moi coñecida canción infantil homónima que aprenden as nenas e nenos de fala inglesa como un xogo para desenvolver destrezas léxicas e que está inzada de estruturas repetitivas, rimas e onomatopeas:

We’re goin’ on a bear hunt,
We’re going to catch a big one,
I’m not scared
What a beautiful day!
Oh look! It’s some long, wavy grass!
Can’t go over it,
Can’t go under it,
Can’t go around it,
Got to go through it!
 
We’re goin’ on a bear hunt,
We’re going to catch a big one,
I’m not scared
What a beautiful day!
Oh look! It’s a mushroom patch.
Can’t go over it…
 
We’re goin’ on a bear hunt,
We’re going to catch a big one,
I’m not scared
What a beautiful day!
Oh look! It’s a wide river.
Can’t go over it…
 
We’re goin’ on a bear hunt,
We’re going to catch a big one,
I’m not scared
What a beautiful day!
Oh look! A deep, dark cave.
Can’t go over it…
 
Uh, oh! It’s dark in here.
I feel something,
It has lots of hair!
It has sharp teeth!
It’s a bear!
 
Hurry back through the river,
Back through the mushroom patch,
Back through the long grass
Run in the house and lock the door.
Phew! That was close!
 
I’m not afraid!

a

Como se deduce da letra da canción, esta divertida historia relata a xeira dunha familia que se lanza á aventura de dar cun oso pero, cando finalmente o atopan, o medo polo mesmo fai presa deles e escapan a correr ata que regresan sans e salvos ao seu fogar.

Ideal para lectorado que principia co exercicio das primeiras destrezas lectoras, Imos cazar un oso é un álbum co que aprender tamén sobre os medos, a vida do campo e os animais, os fenómenos meteorolóxicos e, sobre todo, fomentar o tempo de lecer en familia. Unha obra que, amais, figura magníficamente ilustrada polas acuarelas ora en branco e negro ora a toda cor de Oxenbury, quen realiza aquí un fermoso percorrido visual polo relato de Rosen, co que moi ben se complementa.

Imos cazar un oso, editado en cartoné e formato álbum por Kalandraka, é un libro para perderse nas reviravoltas dos seus sons e debuxos e deixarse sorprender, gratamente, pola maxia dunha aventura familiar altamente sensorializada.