Un inédito de Cunqueiro no segundo aniversario de Criticalia

Hoxe Criticalia chega aos dous anos de vida. Para celebralo cos seareiros e amigos habituais, darei conta agora dun texto especial: unha carta inédita de Álvaro Cunqueiro ao seu bo amigo Ricardo Carballo Calero.

A carta foi escrita en 1957 e nela Cunqueiro remítelle a Carballo Calero a edición castelá do Merlín e familia co convite de, se o ten a ben, emitir un xuízo público sobre a mesma. Logo, xa no terreo do amigable, envía saúdos á esposa do ferrolán, María Ignacia Ramos, e á súa filla, María Victoria, na lembranza dunha visita que non había moito os Carballo Ramos fixeran a Mondoñedo.

Baixo estas liñas figura a carta. Se clicades na imaxe poderedes vela en maior tamaño para mellor lectura.

É importante facer notar que as “historias merlinianas, postas por min en romance castelán, aumentadas con novas maxinaciós”, como lle aclaraba Cunqueiro a Carballo, son, en efecto, un libro novo parcialmente. Neste sentido, cómpre lembrar que a primeira edición de Merlín e familia i outras historias veu a luz en 1955 na editorial Galaxia, de Vigo. Esta versión incluía unha “Nota” en letra cursiva que enmarcaba estruturalmente as trece historias que a continuación se reproducían. O libro remataba cun epílogo, tamén en cursiva e con función diexeticamente enmarcadora, e un “Índice Onomástico” dos personaxes, lugares etc. da obra, que supuña igualmente parte da ficción narrativa. Agora ben, dous anos despois da aparición da primeira edición galega do Merlín… saía ao mercado a versión castelá do mesmo, editada en Barcelona pola Editorial AHR. Esta nova publicación amosaba notables cambios tanto no contido coma na estrutura do libro. Así, amén da dislocación dalgúns fragmentos textuais (como o do “Final”), o texto castelán incorporou a maiores todo un segundo bloque narrativo baixo o título de “Aquel camino era un viejo mendigo”, dous “Apéndices” (un dos cales, “La novela de mosiú Tabarie” xa figuraba na edición galega, mais non así o titulado “Pablo y Virginia”), e un terceiro conxunto de historias baixo o epígrafe común de “Noticias varias de la vida de Don Merlín, mago de Bretaña”.

Canto á recepción crítica do texto por parte de Carballo que Cunqueiro insinuaba, foi puntualmente atendida polo autor de Scórpio, quen publicou pouco despois, en 1958, un longo comentario —evidentemente positivo— que figura recollido no volume Libros e autores galegos. Século XX co título “Segunda saída do señor Merlín” (pp. 280-283).

Fique, pois, como testemuño desta longa e frutífera amizade entre dous dos grandes nomes das nosas letras esta breve misiva, coa que quixen distinguir este día de aniversario para vós, tamén fieis amigos desta casa.