Dourada medianía

leobaldeMercedes Leobalde (A Coruña, 1967) é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, o que lle asegura o coñecemento razoable da nosa tradición literaria e dos recursos gramático-retóricos básicos para a escrita. Tamén axuda ao feito que se tivese desempeñado no pasado como docente e, na actualidade, como tradutora, o que facilita o traballo coas palabras e a súa ductilidade. Por tanto, tales condicións fan dela unha frecuentadora da ferramenta dende o anco do expresivo-creativo que posibilita a produción en condicións de aceptable corrección.

Outra cousa é a capacidade para sorprender literariamente cunha voz propia, cun selo na escritura que identifique unha obra cunha man. Aí é onde a Mercedes Leobalde aínda lle resta un longo camiño por andar, a xulgar polo recente Funambulistas, distinguido co Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole (estou seguro de que o xurado escolmou o mellor entre o que se lle presentou) e publicado por Xerais.

Funambulistas é un volume de historias breves nas que predomina o minirrelato. As narracións teñen só ocasionalmente que ver entre si, polo que a multiplicidade de tramas e situacións é a tónica. Hai, porén, unha certa tendencia á primeira persoa, á confesión protagónica, e á temporalización actual ou próxima aos nosos días. Polo demais, a variedade de propostas é doadamente comprobable.

Funambulistas“O monxe en plena crise espiritual, o náufrago no medio do océano, a muller maltratada que reúne forzas para se rebelar” ou “a nai adolescente, o home con tendencias suicidas, a enferma terminal disposta a espremer os seus últimos meses de vida” son os orixinais argumentos que dende o texto de contracuberta do libro se nos advirte podemos ler neste volume. É máis, fáisenos ver tamén alí unha reflexión que nin sequera os máis sabios orientais de hai dous mil anos conseguirían desentrañar: “Que é vivir se non camiñar pola corda frouxa?”. Seica aí está o xermolo do propio título. Un título, remata o cuarto de cuberta, co que “Mercedes Leobalde móstrase como unha hábil narradora para descifrar os camiños da vida”.

Hábil, si. Pero resulta que a creación non é unha fontanería da escrita. Non abonda con dispoñer, unha tras doutra, secuencias gramaticalmente correctas, nin describir seguindo un libro de tópicos, nin presentar un argumentario tan previsible que nas tres primeiras liñas xa é posible saber como acabarán moitas das situacións e de que maneira e por que. A vida é moito máis complexa que o maniqueísmo do branco e negro, que as situacións de resolución efecto-causa, que o efectismo gasto dun título aparentemente ocorrente que pretende causar novidade no engastado cunha historia de remate imprevisto que, xustamente nese preanuncio antitético, está xa defuntada, o que non sería problema se, dende o estético, a proposta subise a aposta, procurase romper o teito de dourada medianía polo que transitan estas páxinas.

Nada novo achega Mercedes Leobalde neste Funambulistas que Xerais suma á colección Narrativa. Non hai aquí ren que non fose contado, con máis ambición e esplendor, por moitos outros e en ben diversos lugares. Mais é indubidable que a autora ten a ferramenta, ten o material e ten a vontade. Posúe, por tanto, o necesario para que futuras propostas alcancen unha excelencia que desta volta non soubo ofrecernos.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 5-4-2015]

A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.