Nesta semana na que celebramos o Día dos Namorados, presta especialmente saudar a aparición dunha antoloxía na que amor e muller van de mans dadas: Amor en femenino.
A selecta asínaa o profesor Maximino Cacheiro, quen xa a publicara en galego no 2006 e ve agora como toma corpo a súa edición en castelán na Editorial Manuscritos en tradución de Ánxeles Penas.
Amor en femenino reúne case unha ducia de poetas con versos que cantan o amor. Rosalía de Castro é a voz primeira e fundacional e, tras dela, diversas autoras das xeracións que foron sucedéndose no pasado século: Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán e Helena Villar Janeiro entre as máis experimentadas; Ánxeles Penas, Marica Campo, Pilar Pallarés, Ana Romaní e Marta Dacosta entre as autoras máis recentes.
Como é doado deducir, as visións do amor e as poéticas ensaiadas son ben diversas, pois trátase de creadoras con estéticas complementarias, froito de camiños autoriais tamén diferenciados e de etapas literarias igualmente diverxentes. Doutra parte, a escolma que do conxunto da produción de cada autora leva a cabo Cacheiro tamén direcciona nun sentido determinado a lectura e a visión do amoroso e o poético en xeral, o que imprime aínda un selo máis persoal á proposta que se ofrece.
Secasí —e malia a diferente extensión da obra antologada en cada caso—, o libro resulta un mostrario posible de abordaxes amorosas en verso por parte dalgunhas das escritoras máis recoñecidas dos últimos cento cincuenta anos. Certamente, haberá quen detecte ausencias notables, mais esta é unha antoloxía de autor, Maximino Cacheiro, e, polo mesmo, unha selección de voces que provén dunha peneira crítica coa que pode coincidirse ou non, pero que, á fin, debe respectarse por ser da enteira responsabilidade do editor.
O libro conta cun prólogo de Camiño Noia e unha nota da tradutora. O primeiro é un apuntamento abondo sucinto e panorámico, mais o texto de Penas revela procesos e decisións sobre o seu óptimo traballo de traslado poético que todo degustador literario agradecerá.
Editado con pulcritude e limpidez, este volume ofrécenos os versos maiores da Rosalía de Cantares gallegos e Follas novas e, ao seu carón, a escrita dos 90 codificada no Livro das devoracións de Pilar Pallarés, Das últimas mareas de Ana Romaní ou Crear o mar en Compostela de Marta Dacosta, pasando por outros títulos imprescindibles como Códice calixtino de Luz Pozo Garza, Despertar das amantes de María Xosé Queizán, Amor deshabitado de Ánxeles Penas ou Pedinche luz prestada de Marica Campo.
Xeneroso aplauso merece esta valiosa antoloxía, á que poida que non deba demandárselle máis, pois non é pouco o que ofrece. Porén, postos a pedir, seguro que lle terían vido ben actualizar algúns datos biobibliográficos, sopesar a posibilidade de incorporar novos versos escritos polas autoras nos últimos doce anos e talvez incorporar unha sintética ficha autorial pensando no público castelán, que ao mellor non coñece tanto algunhas destas voces para nós referenciais.
Moito debe agradecerse o esforzado labor de Ánxeles Penas, mercé á cal o lectorado castelán poderá achegarse á escrita dunha ducia de galegas (once poetas e a prologuista) que no seu día, felizmente, puxo por xunto o tamén poeta e ensaísta Maximino Cacheiro neste Amor en femenino, tan apetecible dende a mesma cuberta deseñada por Antonio Fernández Heliodoro.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 17-2-2019]