A vida múltiple de Sebastian Nell

máscaras-rotas“Señorita Graham, xa é noite pecha, a xornada maratoniana rematou. Xa non quedan fíos polos que tirar. Desenguedellou por completo o nobelo. Está desfeito. Fun todo o sincero que quixen, conteille o que puiden”.

Quen así se expresa é o protagonista de Máscaras rotas para Sebastian Nell, un célebre actor da escena teatral británica que, nos seus últimos días de vida, concede unha longa entrevista á xornalista Rebecca Graham (xefa de cultura do The Guardian) na que decide relatarlle todo o seu pasado antes de que o fantasma do alzhéimer o borre para sempre.

A entrevista ten lugar na primavera do 2000, pero Sebastian Nell acaba morrendo catro días despois dos atentados do metro de Londres en xullo do 2005. Apenas un ano máis tarde, a White Howl Press publica a biografía conversacional póstuma entrambos, a mesma que, traducida, le o lector galego, co que o círculo ficcional literario acaba por pecharse.

No entremedio, catrocentas páxinas de demorada interview que, lonxe de facerse de difícil dixestión, resultan do máis estimulante, pois Alberto Ramos, o autor de tal artefacto literario, coñece ben, como periodista que tamén el é, cales son as armas do oficio e onde reside o misterio da intriga sostida.

A vida de Nell ábrenos unha tripla perspectiva de lectura que se corresponde cos distintos planos que na narración se entrecruzan: dunha parte, son a testemuña dun periplo vital que leva o personaxe dende a tenra infancia aprendendo o oficio de reloxeiro ata chegar a ser un sir das táboas dos máis importantes escenarios. Nacido en Londres en 1932, vive de neno a Segunda Guerra Mundial e as súas funestas consecuencias, entre elas o ingreso de seu irmán nun orfanato. Con 24 anos ingresa en Cambridge e traba amizade con outros destacados actores, como Derek Jacobi (o seu antagonista vital, verdadeira besta negra co que chega a se obsesionar, ata o punto de que moitas das decisións da súa existencia as toma en función de prexudicalo), Ian McKellen ou Trevor Nunn. Debuta o 23 de abril de 1957 formando parte do elenco universitario que interpretou A tempestade de Shakespeare. A partir dese momento, o seu camiño é o do éxito e a gloria, na National Theatre Company, na BBC e, xaora, en Hollywood. E tamén o do trato con Peter O’Toole, Laurence Olivier e tantos outros aos que non ten reparos en crucificar, pois a envexa competitiva de Nell alcanza dimensións patolóxicas.

alberto ramosA carón desta descrición do vieiro propio e da historia actoral británica do último século vai tamén a caracterización sociohistórica do tempo que lle tocou vivir, que Nell sublima dende o seu tacherismo convicto, facendo unha lectura tan nesgada coma suxestiva de toda unha época.

Por último, o intenso desencontro que o vencella coa entrevistadora, Rebecca Graham, serve tamén para darnos a coñecer a quen dá réplica, en feminino, ao personaxe central, revelándonos ancos máis persoais que axudan a mellor explicar o mundo da escena e, sobre todo, do xornalismo inglés e de todo lugar, co que iso supón para a perspectivización e visibilización dos feitos sociais das esferas nas que ambos se desenvolven.

Agrada en Ramos a habelencia para trufar gran cantidade de información contextual do xeito máis natural posible, conseguindo que o relato esponxe en derivacións sociais dende as vivencias individuais e logrando que o diálogo se volva áxil, lostregueante e poliédrico entre dous caracteres para os que a esgrima verbal non ten segredos, pois eles saben ver, transparentemente, tras das Máscaras rotas para Sebastian Nell.

[Faro de Vigo, ‘Faro da Cultura’, 12-2-2015]

Radiocrítica 2-2-2015

Nazaret López e Armando RequeixoVelaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 2 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos  (00.20), Dominio público, de Ramón Neto (8:45), O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970), de Calros Solla (15:18) e de Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado (22:40).

Audio

Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

Entre novelas na terra de García Barros

Once e media da mañá dun dezasete de xullo, día morno de verán. Na porta do Concello da Estrada cinco compañeiros de angueiras lectoras e críticas saúdanse: Inma Otero Varela, Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Carlos Loureiro e servidor. A xornada anúnciase longa, pois son nada menos que trinta e tres as obras que cómpre xulgar para decidir quen ha ser o gañador do XXVI Premio de Novela Manuel García Barros.

As dependencias municipais ven pasar os membros do xurado cangados coas caixas dos orixinais. O destino é unha das salas de reunións, na que, en previsión, hai xa derriba da mesa folios e bolígrafos. Comeza o labor. Quedan aínda por diante dúas horas de intenso diálogo.

As roldas sucesivas axudan a ir filtrando títulos. Cada vez se reduce máis o número dos que gañan o apoio dos responsables da peneira. Finalmente, dúas son as obras que fican encol da ampla mesa rectangular. E principia unha extensa e frutífera conversa derredor delas.

Á fin, logo de analizar os diferentes aspectos definitorios de ambas as dúas, a maioría do xurado decídese por unha das novelas, a presentada baixo o título provisorio de “Sebastian Nell”. O técnico de Normalización, Enrique Vázquez, vai na procura da plica correspondente, avisando o alcalde José C. López Campos e aos colegas dos medios que vai empezar a rolda de prensa na que se comunicará o gañador.

O alcalde toma a palabra. Saúda os presentes e congratúlase da celebración dunha nova convocatoria dun premio de ben longa traxectoria que, como demostra a alta participación deste ano, goza dunha inmellorable saúde. Lembra o apoio incondicional que presta ao galardón a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a casa editora, Galaxia, representada no membro do xurado Carlos Lema, e, a seguir, procede á apertura da plica. Desvélase o misterio: o nome do afortunado é o de Alberto Ramos (Compostela, 1986), xornalista e narrador, recoñecido xa con diversos outros premios nos últimos anos, entre eles o Premio Biblos 2006 por Dor pantasma, o Certame de Novela por entregas de La Voz de Galicia 2009 por Acuse de recibo ou o Premio Vicente Risco de Creación Literaria no 2012 por Todos os días. O alcalde revela tamén outro dato de interese: o título final da novela será o de Máscaras rotas para Sebastian Nell.

Lema, en representación do xurado e da editora e a petición do alcalde, pronuncia unhas palabras para parabenizar o premiado, amosar a súa satisfacción pola vitalidade do certame e o apoio do Concello e mais da Secretaría Xeral e, tras apuntar brevemente algúns dos principais trazos que caracterizan a obra, anuncia que esta verá luz ao longo do mes de novembro próximo e que será presentada nun acto que terá lugar no Teatro Principal da Estrada nunha data a concretar dos primeiros de Nadal.

Complementado o exposto por Lema, interveñen logo algúns outros membros do xurado, como Otero Varela. Estes engaden información valiosa para os xornalistas, que fatigan os roller e cámaras por igual.

Máscaras rotas para Sebastian Nell é unha novela complexa e vizosa, chea de estratos de lectura, estruturalmente moi elaborada e cun perfilado do personaxe principal admirable. Un actor nos seus derradeiros días de vida, afectado por un alzheimer que avanza imparable, decide conceder unha moi longa entrevista a unha periodista de The Guardian para contarlle a súa versión do pasado. Recalcitrante, soberbio e iracundo, Sebastian Nell relata nesta sorte de confesión-interview todo un avolto mundo de miserias, competencias profesionais e envexas, de episodios de dubidosa moralidade e, sobre todo, deixa entrever as bambalinas máis escuras dun mundo, o do teatro e o espectáculo británicos, dun glamour aparente, que esconde tras de si non pouca iniquidade humana e tamén algunhas grandezas.

Como pano de fondo, a sociedade inglesa da segunda metade do pasado século, o papel do xornalismo nos nosos tempos e tamén o mundo editorial, pois na propia trama anúnciase por parte da periodista un libro froito da entrevista que levará como título, xustamente, o da novela premiada, excelente reflexión sobre o papel do individuo e o artista fronte á sociedade que o rodea, condiciona e limita.

gb2014Un, que xa é veterano nestas lides, vólvese satisfeito á casa sabendo que un título de mérito ha poder ver a luz mercé a un galardón como este e fica á espera de que outras obras presentadas a concurso, tamén de valor, teñan igualmente a súa oportunidade. Só así gañará a Literatura, que é tanto como dicir que gañaremos todos os que acompañamos os días coa verba.