Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 22 de setembro en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López sobre Liña azul, de David Pobra (I, 00:50), O achado do castro, de Manuel Núñez Singala (I, 5:40), Ana xa chegou, de María Canosa e Dani Padrón (II, 2:10) e Boca de gárgola, de Mariña Pérez Rei (II, 5:25).
Arquivo por etiquetas: Mariña Pérez Rei
Gárgolas de Compostela
Dende que se dera a coñecer vai para dez anos, a carreira literaria de Mariña Pérez Rei enraizou con forza no noso panorama literario. Tres novelas (Canícula, 2007; Costa Necrópole, 2010; e mais Contrapicados, 2012) e outros tantos poemarios (Fanerógama, 2006; Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, 2009 e Paquidermo, 2010) confírmana como unha escritora xenericamente ambidextra, que xa foi recoñecida con prestixiosos galardóns como o Eusebio Lorenzo Baleirón de Poesía, o Manuel Lueiro Rey de Narrativa ou o Avilés de Taramancos de Relato de Aventuras.
A todo este intenso currículo únese agora Boca de gárgola, o único de todos eles autoeditado baixo o selo de servizos de impresión da Editorial Círculo Rojo, o que favoreceu a total supervisión do produto final pola autora, quen dá así ao seu lectorado un volume moi coidado que inclúe suxestivas fotografías de cuberta e interiores da autoría de Martín Pérez Fernández e mais un prólogo do xornalista Manuel Gago Mariño a canda unha moi agradable escolla nas tipografías, papel e cubertas, que fan do libro un obxecto ben manexable e apetecible ás mans.
Boca de gárgola é un poemario xeolocalizado, un libro de versos sobre Compostela, como cidade física e horizonte vivencial, tamén como enclave simbólico e crisol de mundos en peregrinaxe, como territorio histórico e referencia presente.
Os poemas de Pérez Rei van deluvando paseniño unha historia de rúas e edificios, de gárgolas e parques, de pináculos e prazas nas que a Compostela de onte e hoxe conflúen e se retroalimentan nunha sorte de infinda remuda da cidade, que ve pasar os séculos ancorada ao milagre da vida.
No medio e medio dese ir e vir de xentes e memoria, nesa contemplación ás veces case extática e outras descrida de xentes e recantos, Pérez Rei incardina o seu transo persoal, tinguido polo amor só en ocasións, mais sempre admirativo dese ventre matricial que é o territorio urbano polo que transita.
Todo deita na voz da poeta forma e substancia urbanas propicias ao descubrimento da ollada reveladora: as bibliotecas, a auga que cae sobre as avenidas e ruelas, as fachadas hieráticas, os locais de restauración e as rotondas, as altas torres e os semáforos, os claustros e os predios dos arrabaldes, realidades que compoñen un escenario de lembranzas recuperadas que amalgama coas experiencias máis actuais para compor unha sorte de universo en síntese no que o eu poemático se define por adhesión ou evasión respecto do contemplado ou evocado.
Compostela foi materia do canto de moitos e moi significados poetas no pasado, polo que Pérez Rei non pretende orixinalidade neste sentido, senón a súa particular visión desa mesma realidade, tan literaria ela. Así se explica que proliferen as citas e alusións a outros autores por todo o libro adiante e que nel convivan os versos de Airas Nunes, Federico García Lorca ou Manuel Álvarez Torneiro cos de Allan Ginsberg e Ada Salas, mesmo as letras de Caetano Veloso ou Chico Buarque.
Posuidora dunha imaxinería na que o vizoso lexical está sempre ao servizo do expresivo sen barroquismos innecesarios, Pérez Rei déixase arrastrar por veces en xogos de disposicións visopoemáticas abondo visitados que, na súa obviedade, non acaban de lograr o efecto perseguido que si transmite, pola contra, a forte cohesión estrutural que ao conxunto engade a circularidade do libro, que comeza onde acaba, cos versos iterados de saúda ao lugar, peticionarios dun acubillo matriz dende o que producir a sinfonía versal, unha invocación á deusa cidade para a fertilidade da voz.
Boca de gárgola, de Mariña Pérez Rei, pode atoparse nalgunhas das máis nutridas librerías do país e tamén demandarse no enderezo dixital www.editorialcirculorojo.com. Sexa por unha vía ou por outra, os amantes da secular e cosmopolita Compostela teñen neste libro unha visita case obrigada, pois a vella cidade é tamén, por extensión, memoria e xubileu do ser de todo un país que aquí abrolla, a golfaróns, dende o bico pétreo das gárgolas.
[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 30-8-2014]
17 poetas do 21
Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.
Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.
A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.
Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.
Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.
Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.
As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.
Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.
A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.
Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.
Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]
A propósito do X Certame Literario Concello de Ames
Hoxe pola tarde, ás oito, o auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro acollerá a entrega do X Certame Literario Concello de Ames, un premio que nesta súa primeira década de vida conseguiu xa algo esencial para calquera galardón que se prece: estar perfectamente referenciado no circuíto literario, no que é ben coñecido e valorado, e tamén ter servido de trampolín a novas voces que a través del se descubriron e que, así, uniron o seu nome ao doutros creadores con maior traxectoria que foron igualmente distinguidos ao longo das convocatorias.
Os premiados nesta décima convocatoria foron escollidos o pasado martes día 7 por un xurado composto pola poeta e narradora amiense Mariña Pérez Rei, o ensaísta e tradutor santiagués pero radicado en Bertamiráns Xosé Antonio López Silva e mais quen isto escribe. Aos tres acompañounos actuando como secretaria con voz e sen voto Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de Normalización do concello convocante.
Logo dunha longa e animada deliberación na que foron considerados máis dun cento e medio de orixinais nas seis categorías a concurso, a relación de premiados foi a seguinte:
—Narrativa 1ª Categoría (ata 13 anos): 1º Premio para Ana López Martínez (Bertamiráns, 2000) polo conto “Cousas de rapaza”; 2º Premio a Xián Pazos González (Vigo, 2001) pola historia “O dragón Felipe” e 3º Premio para Blanca Barros Rubines (Cuntis, 2000) polo relato “A miña viaxe”.
—Narrativa 2ª Categoría (de 14 ata 18 anos): 1º Premio para Sara Riveiro Capeáns (Negreira, 1997) polo conto “Monstros de tinta”; 2º Premio a Nerea Pérez Cerquides (Bugallido, Negreira, 1995) por “Contos de medo ao atardecer” e 3º Premio para Daniel Santos López (natural de Icod de los Vinos, Tenerife, 1995, pero veciño de Corcubión).
—Narrativa 3ª Categoría (18 anos en diante): 1º Premio para Mario Caneiro Ameneiros (orixinario de Narón, 1969, pero santiagués por residencia) polo relato “Un bolso chic”; 2º Premio a Luz Cures Vázquez (nacida en Coristanco en 1979 e hoxe veciña de Bertamiráns) polo conto “Sinestesia” e 3º Premio para Rocío Leira Castro (Cee, 1979) polo texto “Fetichismo”.
—Poesía 1ª Categoría (ata 13 anos): 1º Premio para María López Gabián (Vigo, 2003) polo poema “As amigas”; 2º Premio a Irene Rico Gómez (Burela, 1999) polo poema “Dereito a soñar” e 3º Premio para Iria Freire Agra (Negreira, 2001) por “A fada, o reiseñor e unha canción de amor”.
—Poesía 2ª Categoría (entre 14 e 18 anos): 1º Premio para Claudia María Cives Caamaño (Noia, 1996) por “Nihil”; 2º Premio a Marcela Porto Mato (A Estrada, 1997) por “Imaxes” e 3º Premio para Ana Souto Villanustre (nacida en Ames en 1995, aínda que residente en Brión) por “Cárcere dos pesadelos”.
—Poesía 3ª Categoría (18 anos en diante): 1º Premio para Alba Cid Fernández (Ourense, 1989) polo poemario “O teu nome é Éufrates”; 2º Premio a Luís Rodríguez Rivera (Biduído, Ames, 1971) por “O anxo breve” e 3º Premio para Ismael Ramos Castelo (natural de Mazaricos, 1994, pero radicado en Noia) polo conxunto “Fragmentos para C.”
Como sería abondo prolixo detallar aquí todas e cada unha das achegas literarias d@s diferentes gañador@s das varias categorías, conformareime con salientar apenas unhas breves notas dos adultos premiados, non sen antes chamar a atención tamén sobre o feito de que nas categorías para creador@s máis nov@s teñan sido distinguid@s algúns nomes xa familiares noutros concursos e mesmo con algunha publicación tras súa, como, poño por caso, os de Sara Riveiro Capeáns (quen xa obtivera o ano pasado o primeiro premio no VII Certame de contos infantís ‘Cóntame un conto’ de Negreira), Ana Souto Villanustre (que se fixera cun diploma no II Concurso de Relatos ‘O lugar onde vivo’ convocado pola ADEGA) ou Marcela Porto Mato (multigalardoada nos Premios Minerva, Francisco Añón, Xela Arias ou o Varela Buxán e coautora, xunto ás súas irmás Andrea e Lara, do volume Elas teñen a Palabra), dándose tamén a circunstancia de que algún dos premiados fora igualmente recompensado en anteriores convocatorias do certame amiense, como acontece, por exemplo, con Xián Pazos González ou a amentada Porto Mato.
Mario Caneiro, autor do recente Homiños e tamén premiado en convocatorias previas deste certame, propón no seu relato “Un bolso chic” unha historia con protagonismo infantil, de ton rememorativo e inserción dun personaxe de glamouroso fascinio que cativa a nena arredor da cal xira a narración, lazada de retrincos líricos que fan deste texto unha prosa exquisita e evocadora.
Da súa parte, Luz Cures Vázquez, lingüista e tradutora, achega en “Sinestesia” unha prosa rebordante de percepcións sensoriais exacerbadas, que levan a protagonista desta historia a redescubrir o mundo dende sentires nunca antes experimentados e fondamente reveladores.
Xa por último no que á narrativa respecta, Rocío Leira Castro, docente matemática de profesión, poeta gañadora do Díaz Jácome e narradora no moi actual Universo Pitágoras, evidencia as obsesións dos fashion victims para xogar co vouyerismo e a complexidade das relacións e os sentimentos no telegráfico e suxestivo “Fetichismo”.
Memorables son os versos ourensaos de Alba Cid Fernández, filóloga premiada en numerosos certames narrativos e poéticos, colaboradora habitual de revistas de creación e outro xorne e habitual en recitais e obras colectivas, quen con “O teu nome é Éufrates” gañou ao xurado pola forza das súas imaxes, a capacidade de recreación e fusión de herdos culturais ben diversos e a sabia asunción de voces e homenaxes que metaliteraturizan os seus versos.
Luís Rodríguez Rivera agradou polo laconismo case afóristico dos poemas de “O anxo breve”, singularmente definitorios e balizados por unha imaxinería atrevida e directa que non descoida tampouco a arquitectura do conxunto.
Por remate, Ismael Ramos Castelo, tamén el abondosamente premiado en moitos concursos e con versos seus xa impresos nalgún volume colectivo, deixou bo sabor de boca con “Fragmentos para C.”, onde os poemas en prosa alternan con outros de corpo verbal mínimo e deixan fluír polas súas liñas a tinta das lecturas devocionadas, pegadas autorreferenciais e unha sutil disección na ollada do real.
Excelente colleita, por tanto, a deste X Certame Literario Concello de Ames do que esta mesma tarde se entregarán os galardóns. Imponse, xa que logo, parabenizar os premiados, animar os promotores para que sigan alentando a iniciativa por moitos anos e felicitar a Rosa Moreiras Cuñarro por organizalos a cada volta con maior acerto e saber.
Vidas hospitalarias
Entremesturando novas de prensa, reflexións filosóficas orladas de prosa poética e un portentoso teselado de vidas hospitalarias Mariña Pérez Rei perfila Contrapicados, unha novela na que o musical e o cinematográfico son tamén esteos indispensables para ben comprender o mundo narrativo que aquí se ofrece.
As vivencias, sentimentos, percepcións e pe(n)sares de moi diversos personaxes que permanecen ingresados nun centro médico son a materia que alimenta estas páxinas, onde tamén cobran protagonismo os coidadores e sanitarios e, por suposto, os acompañantes dos pacientes.
Todo ese fresco de vidas paralelas axuda a ir tecendo un mosaico no que teñen cabida as angueiras de adolescentes apáticos, séniores que agardan a morte, primíparas deprimidas, fumadores compulsivos, doentes psíquicos e aínda outros de difícil diagnose. O conxunto de carácteres convida a meditar sobre as luces e sombras das diferentes idades vitais, así como tamén verbo das moi complexas e mudables relacións persoais.
Narrada con firme pulso, fina ironía e delicada greca lírica cando cómpre, Contrapicados resulta unha moi estimulante lectura, que confirma a Mariña Pérez Rei como unha das autoras máis interesantes desta hora.
[Publicado no xornal Faro de Vigo, 27-9-2012]