Calidade a bandadas

Nada novo digo se digo que o labor levado a cabo dende hai anos por Kalandraka Editora merece acendido aplauso. Mais coido que nestes últimos tempos esta liña xeral de excelencia ten alcanzado as máis altas cotas.

Como mostra do que afirmo podo aducir o álbum ilustrado Bandada, escrito e debuxado por María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Hernández, ilustradores mexicanos que foron vertidos ao galego por Manuela Rodríguez.

Bandada é unha historia da Humanidade en clave de fábula. Uns paxaros antropomorfizados desenvolven idénticas angueiras, soños, perversións e dramas que os que a nosa propia especie exemplifica ao longo da Historia. Importa, por tanto, o simbolismo que este relato encerra, pois nel reside a mensaxe asemade instrutiva e liberadora do libro.

Distinguida co V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, esta obra é un acabado exemplo de virtuosismo técnico no dominio das imaxes a carbonciño e escrita esperanzadora e reflexiva, non por iso exenta de tenrura e delicadeza. Unha auténtica alfaia visotextual que moito prestará en calquera biblioteca que se prece.