Unha ducia de galegas

anxelespenasNesta semana na que celebramos o Día dos Namorados, presta especialmente saudar a aparición dunha antoloxía na que amor e muller van de mans dadas: Amor en femenino.

A selecta asínaa o profesor Maximino Cacheiro, quen xa a publicara en galego no 2006 e ve agora como toma corpo a súa edición en castelán na Editorial Manuscritos en tradución de Ánxeles Penas.

Amor en femenino reúne case unha ducia de poetas con versos que cantan o amor. Rosalía de Castro é a voz primeira e fundacional e, tras dela, diversas autoras das xeracións que foron sucedéndose no pasado século: Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán e Helena Villar Janeiro entre as máis experimentadas; Ánxeles Penas, Marica Campo, Pilar Pallarés, Ana Romaní e Marta Dacosta entre as autoras máis recentes.

Como é doado deducir, as visións do amor e as poéticas ensaiadas son ben diversas, pois trátase de creadoras con estéticas complementarias, froito de camiños autoriais tamén diferenciados e de etapas literarias igualmente diverxentes. Doutra parte, a escolma que do conxunto da produción de cada autora leva a cabo Cacheiro tamén direcciona nun sentido determinado a lectura e a visión do amoroso e o poético en xeral, o que imprime aínda un selo máis persoal á proposta que se ofrece.

Secasí —e malia a diferente extensión da obra antologada en cada caso—, o libro resulta un mostrario posible de abordaxes amorosas en verso por parte dalgunhas das escritoras máis recoñecidas dos últimos cento cincuenta anos. Certamente, haberá quen detecte ausencias notables, mais esta é unha antoloxía de autor, Maximino Cacheiro, e, polo mesmo, unha selección de voces que provén dunha peneira crítica coa que pode coincidirse ou non, pero que, á fin, debe respectarse por ser da enteira responsabilidade do editor.

O libro conta cun prólogo de Camiño Noia e unha nota da tradutora. O primeiro é un apuntamento abondo sucinto e panorámico, mais o texto de Penas revela procesos e decisións sobre o seu óptimo traballo de traslado poético que todo degustador literario agradecerá.

Editado con pulcritude e limpidez, este volume ofrécenos os versos maiores da Rosalía de Cantares gallegos e Follas novas e, ao seu carón, a escrita dos 90 codificada no Livro das devoracións de Pilar Pallarés, Das últimas mareas de Ana Romaní ou Crear o mar en Compostela de Marta Dacosta, pasando por outros títulos imprescindibles como Códice calixtino de Luz Pozo Garza, Despertar das amantes de María Xosé Queizán, Amor deshabitado de Ánxeles Penas ou Pedinche luz prestada de Marica Campo.

Xeneroso aplauso merece esta valiosa antoloxía, á que poida que non deba demandárselle máis, pois non é pouco o que ofrece. Porén, postos a pedir, seguro que lle terían vido ben actualizar algúns datos biobibliográficos, sopesar a posibilidade de incorporar novos versos escritos polas autoras nos últimos doce anos e talvez incorporar unha sintética ficha autorial pensando no público castelán, que ao mellor non coñece tanto algunhas destas voces para nós referenciais.

Moito debe agradecerse o esforzado labor de Ánxeles Penas, mercé á cal o lectorado castelán poderá achegarse á escrita dunha ducia de galegas (once poetas e a prologuista) que no seu día, felizmente, puxo por xunto o tamén poeta e ensaísta Maximino Cacheiro neste Amor en femenino, tan apetecible dende a mesma cuberta deseñada por Antonio Fernández Heliodoro.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 17-2-2019]

Poetas nas Illas

Nos últimos tempos teñen sido varios os volumes nos que a literatura de noso foi vertida á lingua inglesa. Así sucedeu, poño por caso, coas amplas escolmas de Jonathan Dune (Anthology of Galician Literature, 2010) ou Antonio Raúl de Toro Santos (Breogán’s Lighthouse: An Anthology of Galician Literature, 2010). Nesta mesma liña, implementada coa achega de translacións gaélico-irlandesas, avanza To The Winds Our Sails, volume coordinado pola poeta Mary O’Donell e mais a profesora Manuela Palacios, que foi publicado pola prestixiosa editora insular Salmon Poetry.

O que O’Donell e Palacios propoñen fica ben definido no propio subtítulo da obra: Irish Writers Translate Galicia Poetry; é dicir, unha tradución de poesía galega realizada por escritoras irlandesas. E emprego o feminino deliberadamente, pois esta é unha tradución xenericamente marcada, onde as voces galegas antologadas foron mulleres e tamén as súas tradutoras se procuraron maioritariamente entre colegas das illas, nun intento de reivindicar a visibilidade da poesía de muller tanto na nación irlandesa coma na nosa propia.

Deste xeito, seleccionáronse de entre as poetas galegas vivas unha decena de nomes que representasen a pluralidade de xeracións e liñas de creación que na actualidade conviven no noso espazo literario. Así, xunto a veteranas de promocións precedentes como Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg e Xohana Torres, escolmáronse escritoras que se deron a coñecer principalmente a partir dos anos 80 do pasado século (Marilar Aleixandre, Ana Romaní e, un pouco máis tardiamente, Chus Pato e Luz Pichel) e, por remate, autoras que se revelaron ben andados os 90 e mesmo xa ultrapasado o milenio (María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias).

Seguir lendo

Voz transparente

Poucos, moi poucos escritores galegos poden presumir de levar máis de medio século en activo. Entre os que se contan nese moi escolleito club estaría o nome de María do Carme Kruckenberg, autora de recoñecida traxectoria que hai uns meses daba ao prelo A voz da auga.

Publicado por Barbantesa, o libro figura estacionalmente dividido, correspondéndose cada unha das catro partes que presenta con cadanseu período anual: “Poemas nun grido de luz. Primavera”, “Meditacións á beira da noite. Verán”, “Os tempos da razón. Outono” e mais “Na procura da sorpresa. Inverno”.

Aínda que dun a outro bloque a voz poética reperfila a súa modulación, o certo é que todo o conxunto responde a unha estética unitaria na que a depuración, a brevidade no dicir e a transparente densificación das imaxes o presiden todo.

Estes versos ancoran na plenitude da madureza, axuízan o mundo dende a atalaia do moito vivido e agochan en cada liña a lucidez do sapiencial, unha inusual aceptación da historia propia, do complexo presente e do devir esperable.

As composicións deste libro imprégnanse dunha serenidade diáfana, un cendal de luz calma reconciliada co pasado, amorosamente comprensiva e consciente do imprescindible de manter ergueita a bandeira da esperanza e os soños, engados da lectura que moito prestarán a quen a eles se achegue.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 27-9-2011 e La Opinión, 15-10-2011]

Kruckenberg, complexa marea

A longa e importante traxectoria de María do Carme Kruckenberg, a súa intensa actividade como persoeira da cultura de noso, chamaba a berros por un recoñecemento en forma de monografía. Pois ben, esa atención veu da man dunha das nosas máis competentes estudosas, Mercedes Queixas Zas, quen en Vivir, unha aventura irrepetíbel, acomete a tan difícil coma necesaria tarefa de biografar a autora viguesa.

Polas páxinas deste libro van desfilando os episodios máis puramente persoais en alternancia con aqueloutros de maior relevo público. Sabemos, así, da infancia e a mocidade da autora, do difícil transo da guerra e do primeiro amor, mais sobre todo dos faladoiros compartidos con Pimentel, Manuel María, Iglesia Alvariño, Novoneyra, Avilés de Taramancos, Celso Emilio ou os Álvarez Blázquez e aínda da súa vivencia suramericana e o trato con Lorenzo Varela, con Pita, con Seoane.

Relacións e feitos que proxectan, en segundo plano, toda unha radiografía da cultura e a literatura galegas do pasado século, contada, merece subliñarse, con total amenidade, evitando deliberadamente a profusión de citas ou de datos técnicos, dando a palabra á propia Kruckenberg a cada paso e deixándose mergullar nunha prosa fluída, estilisticamente vizosa, que se le con sumo agrado.

Non quero rematar sen salientar debidamente a valiosa inclusión dun número estimable de instantáneas no volume, razón que, sumada ás anteriores, xustifica a pertinencia dunha publicación como a presente, acerto editorial e, sobre todo, excelente labor de Mercedes Queixas Zas que axuda a facer xustiza á complexa marea de vida e obra dunha escritora referencial nas nosas letras.

[Co título “A aventura de vivir”, publicado no xornal Faro de Vigo, 16-6-2011]