Ana xa chegou é o novo fillo de papel de María Canosa, proxenie que nace, xustamente, para acompañar unha outra descendencia extraliteraria coa que non oculta unha correspondencia.
Aparecido na Everest Galicia que comanda a laboriosa Irene Penas Murias e magnificamente ilustrado por Dani Padrón, este álbum de pequeno formato da colección Ler é Vivir vai dirixido a lectores de a partir de cinco anos, se facemos caso da recomendación de contracuberta da editora. Secasí, teño o convencemento de que, con axuda das nais e pais, esta fermosa historia pode moi ben ser lida a nenos de tres anos en diante que a recibirán con agrado.
En Ana xa chegou cóntasenos como un novo membro se incorpora a unha familia, un bebé que vén ao mundo e que vai, aos poucos, descubrindo todas as marabillas que o rodean á luz do amor dos seus proxenitores. Ata aquí a narración non engade sorpresas, mais o peculiar do relato ancora na súa ollada, pois é a visión dun boneco de peluche que lle será regalado ao naipelo a que modaliza todo o que se nos transmite, polo que o punto de vista do que chega a nós como lectores figura filtrado por ese particular xeito de ollar e, xustamente aí, reside, ao meu ver, o maior achado desta obra.
Chea de valores, ideal para socializar e transmitir saber arredor dunha cuestión tan transcendental para as familias e as persoas en xeral como é a vinda dun novo ser, este Ana xa chegou ten a fortuna de encarnarse nas imaxes que para el creou Dani Padrón, un portento de imaxinación, cores e formas que fai máis atractivo, se iso é posible, un relato no que María Canosa verteu toda a tenrura do mundo.