Teatro reunido de Manuel María

Nordesía (Manuel María, 2-12-2018)Falar de Manuel María é falar dun dos poetas máis coñecidos e recoñecidos da literatura galega do último medio século e, nese sentido, sobra calquera recordatorio. Mais o que talvez se lembre menos do que debería é que o de Outeiro de Rei foi tamén un interesante narrador, un laborioso articulista e, sobre todo, un entregado dramaturgo, faceta esta última que adoita pasarse por alto e na que agora me gustaría determe.

Dáme a escusa a aparición da súa Obra teatral completa, editada, introducida e anotada por unha das súas mellores coñecedoras: a profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro, quen dispuxo esta magna obra de máis de setecentas páxinas para a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, responsable da súa impresión.

Poida que aos menos versados os sorprenda saber que Manuel María escribiu máis dunha trintena de obras teatrais. Foi esta unha querenza que cultivou dende a primeira hora, pois con tan só vinte e oito anos publicou Auto do taberneiro, ao que seguiron unha morea de títulos e que rematou coa aparición no 2001 da peza Auto do Alugado ou O encanto de Raboces, cando tiña xa setenta e dous anos, un texto, por certo, que ideou expresamente para que fose representado polo grupo de teatro Coto do Faro de Nois, en Foz.

Entre un e outro foron xurdindo esas tres decenas de obras de innegable valía non só polo que respecta á súa propia traxectoria autorial, senón tamén por seren pezas fundamentais na vertebración histórica do noso teatro de Posguerra, Transición e Democracia.

Quen lea este teatro escrito por Manuel María descubrirá ben pronto trazos definitorios comúns coa súa obra poética e ensaística, nomeadamente a notoria implicación crítico-social, o afondamento nas circunstancias histórico-simbólicas que nos definen como nación e, tamén si, o reflexo das vivencias persoais que o foron conformando como autor e como individuo. En palabras da editora: “todo un universo psíquico-sentimental, en paralelo a un decorrer histórico da Galiza nun tempo decisivo. Soidade, amor, esperanza no futuro, patriotismo, peso da censura, españolización crecente, represión da lingua e combate pola súa normalización, abandono do campo, emigración, movimentación social, recuperación da historia específica da nación”.

Toda esta produción —na que sobrancean as fórmulas do auto e, en menor medida, a farsa e o entremés— recóllese nesta Obra teatral nuns casos para volvela pór en circulación ou actualizala, mais en moitos outros constitúe unha auténtica recuperación, pois non poucos títulos foran publicados en edicións venais ou de escasa circulación, por veces mesmo fóra do noso territorio ou en suplementos de prensa ou editoriais hoxe desaparecidas, polo que a súa compilación adquire un valor documental e de consulta innegable.

De todas estas cuestións dá cumprida noticia García Negro na luminosa introdución que dispón ao volume, onde non só explica o porqué da edición, senón que tamén traza unha certeira síntese arredor da restauración do xénero teatral na inmediata Posguerra e incide na importancia desta escrita como autobiografía literaria e espello histórico.

O volume complétase coa reprodución, en apéndices, dun texto redactado por Manuel María para a celebración do Día Mundial do Teatro o 27 de marzo de 1994 (un auténtico manifesto en defensa da nosa dramaturxia), dous amplos e rigorosos artigos a propósito de “O Teatro de Manuel María” (asinado este pola propia editora) e “Os primeiros autos de Manuel María no contexto do teatro galego dos anos 50 e 60” (da autoría de Henrique Rabuñal), amais dunha ben larga “Escolma bibliográfica sobre o Teatro de Manuel María”, responsabilidade de Camilo Gómez Torres.

Cumprimentos para a Fundación Manuel María por promover esta destacada publicación, ás deputacións de Lugo e A Coruña e mais á Xunta de Galicia por axudar á súa execución e, sobre todo, parabéns á súa editora María Pilar García Negro polo excelente labor levado a cabo na actualización, recuperación e posta en valor desta parte fundamental da grande obra do inesquecible Manuel María.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 2-12-2018]

 

Os soños na gaiola 50 anos despois

Os soñosNeste ano no que andamos cúmprese medio século da publicación de Os soños na gaiola, o libro co que Manuel María fundou a nosa tradición poética infantil.

É certo que antes da aparición desta obra referencial houbera algúns antecedentes máis ou menos sinalados. Entre eles non poden deixar de amentarse as Fábulas galaico-castellanas (1897) de Amador Montenegro Saavedra, as Cantigas de nenos (1944) de Emilio Pita Romero ou a Roseira do teu mencer (1950) de Xosé María Álvarez Blázquez. Agora ben, aínda recoñecendo o seu carácter pioneiro, non foi ata a chegada da obra de Manuel María que se combinou nun volume a mestría lírica coa vontade de espallamento entre o lectorado máis novo dunha idea de país, de cultura e de idioma.

Os soños na gaiola foi un pequeno milagre que inflexionou o momento socioliterario galego. Non hai que esquecer que a escrita para a nosa mocidade era, na Galicia da Posguerra, case un ermo, entre outras razóns porque o potencial público receptor era exiguo: as familias galegofalantes, moitas veces economicamente menos avantaxadas, non adoitaban mercar libros na nosa lingua e, doutra parte, as que si podían facelo eran, habitualmente, familias desexosas dunha rápida asimilación co castelán ben visto polas autoridades e, polo mesmo, nada proclives a que os seus fillos andasen entre escritos en galego.

E, secasí, Os soños na gaiola alcanzou unha notoria aceptación.

A primeira edición fora, en realidade, unha publicación non venal, tecnicamente modesta, tirada do prelo dunha imprenta lucense, Cartonaxes Anmi, empresa sensible á causa da literatura galega que chegou a editar outros traballos de mérito no noso idioma.

Non foi ata a segunda edición, publicada catro anos despois, que o libro comezou a popularizarse en centros de ensino e espazos de toda Galicia, pois aquela primeira edición que agora conmemoramos apenas se fora un texto pensado para agasallo das familias amigas da imprenta editora.

A edición de 1972 saíra xa baixo o selo da Celta de Lugo, acompañada de ilustracións a cor que fixeran para o libro o alumnado do Instituto de Ensino Medio e mais o Colexio Rosalía de Castro de Vigo. Nese mesmo ano apareceu unha terceira edición e cinco anos despois a súa tradución ao portugués: Os sonhos na gaiola. Mais a que se considera edición definitiva non chegou ata 1990, publicada desta volta por Xerais, tras da que viñeron moitas outras ata o presente.

Os soños na gaiolaÁ sona definitiva do poemario contribuíu de xeito decisivo a versión musical que do mesmo realizou en 1978 Suso Vaamonde nun álbum dobre de título homónimo, logo revalidada por outras musicacións que viñeron da man de Fuxan os Ventos ou María Manuela.

A pegada que Os soños na gaiola deixou na poesía infantil galega dos anos setenta e posteriores foi enorme, non só polas numerosas promocións que o leron nas aulas, senón tamén pola influencia que exerceu noutros moitos escritores ata os nosos días.

Neste 2018, co gallo do cincuentenario, a Fundación Manuel María deu á luz un facsímile da primeira edición. O volume pode ser unha ocasión inmellorable para que, aqueles que aínda non o coñezan, descubran a modernidade atemporal deste clásico, maxistral na incorporación dos sinais da nosa mellor literatura de tradición oral, mais tamén exemplar no xogo métrico-rítimico, na finísima sonoridade léxica e na versatilidade no emprego de figuras ou tropos por repetición e especial ordenamento. Técnicas depuradas que, en todo caso, fican sempre ao servizo da mensaxe e que nos legaron versos tan rotundos como eses que nos recordan que: “Galicia somos nós:/ a xente e mais a fala./ ¡Si buscas a Galicia,/ en ti tes que atopala!”

Toda a nosa fauna, mais tamén os fenómenos celestes e atmosféricos, os elementos da paisaxe, os oficios e mesmo as festas e divertimentos máis xenuínos teñen cabida neste libro. E velaí como aquí son a “vella muiñeira,/ alma de Galicia”; o sol Lourenzo “un señor moi finchado”; “o vento e o seu alento” que son “cousa que non se ve”; “o tractor tractoreiro” con “forza de xigante” ao que “¡nin cen parellas de bois/ lle poñerán o pé diante!”; o lume novo da festa de San Xoán, cando “¡As ledas fogueiras/ acesas están…!”; e ata “a señora Vaca” que “traballa sen tasa,/ mantén a súa cría,/ dá leite pra casa”.

Ben está recordar e celebrar o medio século de Os soños na gaiola, para o que Manuel María escribiu unhas palabras liminares nas que, de paso que daba razón do seu existir, expresaba un desexo que abofé se cumpriu, verbas coas que me presta rematar: “Un servidor, que xa ten canas e un gran bigote que lle comeza a pesar, vai para vello. Nas súas horas de soidade lembra a súa lonxana infancia campesiña. Desas lembranzas foron nacendo os versos que seguen. Os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher, en parte, ese oco. Perdoádeme se non acertei”.

[Faro de Vigo, 14-6-2018]

A escrita múltiple de Manuel María

manuel_maria (retrato)Non son poucos os que, cando lembran a figura literaria de Manuel María, actualizan mentalmente versos patrióticos e de intervención, poemas socialrrealistas e de compromiso que o singularizan como un dos autores máis combativos e entregues da longa noite de pedra.

Esa vertente literaria de Manuel María é, con certeza, unha das máis notorias cuantitativamente falando. Mais, alén desta lírica abondo ideoloxizada e, por veces, mesmo programática, o escritor de Outeiro de Rei cultivou outras estéticas que fan del un poeta de ben amplo rexistro, moi versátil, admirable polas súas achegas en moi diferentes sentidos.

Máis aínda: o Manuel María poeta é tan só unha das caras do poliedro literario que conforma o conxunto da súa produción, que tamén inclúe a narrativa, o teatro, o ensaio xornalístico, a investigación e a crítica literaria e a tradución, o que o converte nun dos escritores máis prolíficos da literatura galega moderna.

Como poeta, a traxectoria manuelmariana describe unha sorte de espiral que comeza cos versos entre o existencialista e o surrealista, de poderoso pulo e imaxes alucinatorias, de libros como Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre e Advento; continúa cunha etapa máis plural nos contidos e as formas, que van dende o telúrico e paisaxístico ata o intimista e transcendental, máis sempre co goberno da sinxeleza expresiva e claridade de obras como Terra Cha, Documentos personaes, Libro de pregos ou Mar maior; prosegue cunha xeira inequivocamente social e reivindicativa, que predomina dende mediados dos sesenta ata finais dos setenta en volumes como Proba documental, Versos para un país de minifundios, Informe para axudar a alcender unha cerilla, Cantos rodados para alleados e colonizados ou Poemas para construír unha Patria; e volve á atmosfera inicial a partir dos oitenta coa aparición de Poemas da labarada estremecida, versos amatorios aos que seguiron outros de lirismo confesional, evocacións das paisaxes e paisanaxes chairegas e doutros espazos por el benqueridos e frecuentados, como se percibe nos Versos do lume e o vagalume, O camiño é unha nostalxia, Ritual para unha tribo capital de concello, Compendio de orballos e incertezas ou os Sonetos á Casa de Hortas.

adventoMais Manuel María foi tamén un importante narrador, autor dun dos primeiros libros de prosa galega na Posguerra, Contos en cuarto crecente (1952), ao que seguiron algúns relatos publicados en Grial e os volumes O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971) e Krikoi, Fanoi e D. Lobonís (1973), ademais doutros títulos compilatorios e infantoxuvenís xa en tempo de Democracia.

Do mesmo xeito, non pode esquecerse a súa contribución ao xénero de Talía, no que se iniciou tamén ben novo, pois en 1957 publicou na revista bracarense Quatro Ventos o seu Auto do taberneiro, ao que pronto se sumaron outros autos, o Barriga verde (1968), as ben famosas Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979), a Farsa do bululú (1992) e aínda outra vintena de breves pezas.

Doutra parte, o chairego estivo vencellado aos medios como colaborador toda a vida, ata o punto de dirixir emisións radiofónicas cando novo, participar asiduamente en entrevistas e programas televisivos e documentais varios e, xaora, ser columnista habitual de varios rotativos, particularmente de A Nosa Terra e nas cabeceiras irmás Galicia Hoxe e mais El Correo Gallego. Algunhas destas colaboracións poden lerse nas colectáneas Andando a terra. 1977-1987 (1990) e Homes, feitos e palabras (1996), mais son só unha pequena parte dos case dous milleiros de artigos que chegou a publicar.

Se ao anterior engadimos os seus ensaios sobre a poesía de Fermín Bouza-Brey, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Crecente Vega, Castelao ou Luís Amado Carballo e as edicións das obras de Ánxel Fole ou Ánxel Johán decatarémonos da amplitude do espectro autorial do que foi capaz.

remolAsí pois, amais do “Terra Cha” e o “O carro”, do “Galiza” ou “Acuso á clase media”, Manuel María deitou unha estesa e irisada voz, que se verteu en modulacións e xéneros varios, que fixo chegar a súa palabra aos discos da Nova Canción Galega, aos impresos clandestinos en ciclostil e a ducias e ducias de palestras de recitación e lectura ao longo de todo o país. Non sería xusto que neste ano no que o conmemoramos ficase del unha imaxe reducionista. Aí está a vizosidade da súa obra para confirmalo como o que é: un laborioso e infatigable amador da verba literaria en todas as súas formas, escrita múltiple cantada, contada, recitada e traducida que forma xa parte do noso acervo máis xenuíno.

[Faro de Vigo, 17-5-2016]

Manuel María de primeira man

Manuel María-Carmen BlancoComo cada ano, o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela publicou un volume dedicado ao autor homenaxeado coas Letras Galegas deste maio e, tamén como cada anualidade, esta obra resultou ser unha das máis interesantes entre as nacidas por mor efeméride.

 Manuel María. Día das Letras Galegas 2016 é o título do libro en cuestión, asinado pola profesora e ensaísta Carmen Blanco, especialista na escrita do de Outeiro de Rei.

Unha das singularidades deste volume anual editado pola USC é que nel se recollen sempre materiais fóra do circuíto bibliográfico adoito, textos por veces inéditos, outras esquecidos e mesmo non compilados ou reeditados, que ven así luz para ledicia de investigadores e curiosos.

Tamén nesta ocasión a colleita literaria foi de proveito. Blanco achega na súa edición a reprodución facsimilar do manuscrito autógrafo dos Poemas da luz resucitada, o mecanoscrito da Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño e nove debuxos realizados polo propio Manuel María.

Todos os materiais son, na concreción coa que aquí se presentan, inéditos. No caso do manuscrito dos Poemas da luz resucitada porque reproduce o caderno orixinal que logo serviu para a impresión de A luz resucitada (1984), pero que na súa versión primixenia posuía dous poemas máis e non figuraba escrito en norma reintegracionista.

Pola súa banda, a Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño traslada o mecanoscrito orixinal, o mesmo que se empregou como base para a edición impresa que se incluíu no número da revista Xistral do 2001, onde se exhumou este texto que, en realidade, fora escrito xa en 1962.

MM-DLG 2016Finalmente, os nove debuxos que por vez primeira ven lume son deseños de feitío inxel que parecen pertencer a diferentes épocas e foron estampados a tinta negra sobre cartolina e papel. Só tres deles teñen data e pé de ilustración: “O romántico”, “Arlequín” e o “Anxo” (1951) e un cuarto engade un substantivo latino alusivo “Musa, ae”.

Esta e moita outra información, amais dunha reveladora análise dos materiais, pode lerse no ilustrado estudo introdutorio que a profesora Blanco dispuxo á edición baixo o poético rótulo de “Escoitar o calar das calandras”. Este traballo, sumado ao epílogo ―tamén ben lírico― “Será o amor a luz do mundo” no que se transcriben as dúas composicións de Poemas da luz resucitada que no seu día non se inseriran en A luz ressucitada, constitúe un inmellorable anel co que pechar o facsímile.

Quero destacar a curia que o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Luis Blanco Valdés, pon decote nestes volumes da serie Letras Galegas. Poucas obras impresas ―debidas a institucións públicas ou privadas ou a editoras comerciais, tanto ten― poden presumir da pulcritude técnica e mais a elegancia estética que nos regalan os diferentes libros que foron facendo medrar todos estes anos tal serie.

Se ao anterior sumamos a finura das análises de Carmen Blanco a propósito destes valiosos materiais, fica claro que Manuel María. Día das Letras Galegas 2016 é un título que merece significarse, pois logra o difícil reto de acercarnos unha perspectiva bibliográfica descoñecida dun autor ben referenciado.

Velaí, pois, o convite para a descuberta: a dun libro especial, que gustará por igual ao crítico e investigador que procure novos materiais e ao lector afecto que queira ocupar o seu lecer cun prato de gourmet literario co que regalar o padal. Non son poucas as bondades.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-7-2016]

Manuel María narrador

o xornaleiroManuel María é dos poetas referenciais da literatura galega da pasada centuria. A súa abondosa produción neste xénero e a gran popularidade que adquiriu coa musicalización dalgún dos seus versos fixeron del un autor de perpetua actualidade, que acompañou coa súa palabra varias xeracións ao longo de máis de medio século de intenso labor creativo.

Mais o que talvez non se salienta tanto ―e debería― é a importancia que tivo noutros eidos, como a escrita teatral, o ensaio e o xornalismo e, sobre todo, a narrativa, xénero este no que desenvolveu un amplo quefacer durante máis de catro décadas.

Deixando á parte as prosas infantoxuvenís e algún relato solto que publicou nos anos noventa, o groso da súa obra narrativa concéntrase nun período de vinte anos, que vai dende os comezos dos cincuenta ata os anos inmediatamente anteriores á chegada da Democracia. Neste tempo apareceron catro historias no volume colectivo Presencia de Curros y Dª Emilia (1951) ás que sumou outras tres para compor Contos en cuarto crecente (1952). Logo viñeron outros dous relatos longos dados á luz en Grial en 1965 e 1966 e, finalmente, o libro O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971).

Na Posguerra a narrativa galega triangulou en tres vértices: a prosa realista, a fantástica e o cambio de ritmo que achegou a chamada Nova Narrativa Galega. A escrita de Manuel María responde, en maior ou menor medida, dependendo dos casos, a algunha destas tendencias. Mesmo por veces hibridou nalgún libro varias ou todas elas. Por tanto, o de Outeiro de Rei foi un narrador do seu tempo, sensible ás modulacións literarias que naquela altura se conformaron.

En síntese, poden distinguirse tres etapas no Manuel María narrador: unha primeira que iría dende os inicios en 1951 ata andados os anos sesenta; unha segunda que coincide cos comezos dos setenta e unha derradeira etapa con historias aparecidas nos noventa.

contos en cuarto crecenteO Manuel María narrador de primeira hora concrétase nos Contos en cuarto crecente e mais nos relatos longos “As augas van caudales” e “Os alugados”. Os textos do libro comparten un mesmo gusto pola prosa de filiación poética, as descricións paisaxísticas, a presentación de amores románticos e, en xeral, un tecido reflexivo puramente adolescente, sempre a debaterse entre a madureza da dúbida existencial e a inxenuidade xuvenil. Da súa parte, as historias da revista ancoran máis na reflexión filosófica e a crítica social, non estando exentas dun marcado telurismo e mesmo dun descritivismo en ocasións etnográfico.

Consonte á profusa produción poética socialrealista e patriótica das décadas dos cincuenta e sesenta, Manuel María practicou en O xornaleiro e sete testemuñas máis e Kricoi, Fanoi e Don Lobonís unha escrita que se caracteriza pola decidida vocación de compromiso e denuncia social, o que concorda co forte activismo político que o chairego desenvolveu nese tempo. Alén diso, estes relatos zumegan tamén un intenso lirismo, o que converte moitas das súas pasaxes máis descritivas en verdadeiros poemas en prosa, rebordantes de metáforas, símiles, anáforas e cadencias fonosimbólicas.

A última etapa, a dos anos noventa, rexistra tres textos breves: a Novena a Santa Isabel (1995) ―unha prosa de difícil adscrición, que resulta ser unha singular recreación do novenario canónico relixioso pero con adicións de pequenos relatos ficticios de milagres obrados por Santa Isabel no seu Outeiro de Rei natal―; o conto “O milagre de Santiago Apóstolo que non figura no Códex Calixtino” ―onde se xoga, novamente, co relixioso e mais co lendario― e a historia “Discurso de ingreso nunha das reais academias galegas do numerario electo M.H.V. que trata de un dos sucesos máis memorábeis acontecido na histórica e ben amada vila de Outeiro de Rei da Terra Cha”, de título abondo descritivo, puro sarcasmo e polarización política.

kricoiEn conclusión, pode afirmarse que a obra narrativa do autor é unha faceta de relevo no conxunto da súa escrita, pois ofrece unha variedade de fórmulas ben estesa na que predominan temas como o amor, o universo da infancia, a comuñón do ser humano cunha paisaxe e unha terra vitais e, ante todo, o compromiso social, adapte este os subtemas concretos do mundo da emigración, da crítica ao caciquismo ou de calquera outro abuso de poder. Canto á técnica, as preferencias pasan polo acusado lirismo, o gusto pola prosopopea e a fábula e mais o emprego do recurso epistolar. E por remate, salienta tamén o autobiografismo que percorre e informa moitas das súas historias, cheas de elementos reais ficcionados ou, por veces, reproducidos máis testemuñalmente, elementos todos que confirman o interese do Manuel María narrador.

[El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 17-5-2016]