Mitoloxía da Gallaecia

vento e chuviaGocei coma o pícaro grande que sigo sendo ao ler Vento e chuvia, a Mitoloxía da Antiga Gallaecia novelada por Manuel Gago, un auténtico todoterreo do ensaio e divulgación entre nós, que tanto avanta no ciberxornalismo de vangarda dende o seu referencial Capítulo 0 e as aulas da USC como escava poboados coordinando iniciativas arqueolóxicas ou escribe libros para foodies e gourmets.

Tal portento natural de curiosidade non podía menos que desembocar nunha minuciosa e fascinante pescuda das nosas divindades da Idade do Ferro e, valéndose de rigorosas investigacións históricas e arqueolóxicas, fabular unha cosmogonía da que participan os dez deuses de Vento e chuvia, obra que ilustra Manuel Cráneo e edita Xerais.

As historias sagras que puideron ser contadas na noite dos castros, as andainas e fazañas dos deuses galaicos son a materia coa que se constrúen os soños deste volume, agora publicado por Xerais na súa colección Libro X e dous anos atrás avanzado como grande álbum polo mesmo selo.

Os dez relatos mitolóxicos que nos presenta Gago narran as orixes e principais heroicidades de Reue, deus maior, señor do gran cabalo branco Ecoine; de Bandua, o deus amigo dos homes, “caxato para os pobos”; do terrible Cossue, belicoso e vingativo; da fluvial e irimega Nauia, señora de todas as augas; de Lugoue o habelencioso, o mellor conselleiro; de Berobreos señor das illas e augas ártabras, príncipe abisal; de Poemana a que corre libre, natura de forza extraordinaria e piadosa nai; de Bormánico o custodio das fontes Tamáricas, fillo de Berobreos e a ninfa Sula; das arcanas Sulas Nantugaicas (Sula Abana, Sula Ebura e Sula Conventina), señoras dos destinos, vontades da noite das idades, as que todo o ven; e de Vestio Alonieco, proxenie de Bandua e Nauia, sangue das dúas idades, viaxeiro do mundo e do outromundo.

manuel gagoO libro complétase cun longo capítulo de “material adicional” no que se achega un ameno ensaio sobre “Os pobos de Ferro” e uns valiosos “Roteiros para explorar o mundo de Vento e chuvia”, pois cada remate de relato mitolóxico ofrece unha explicación dos vestixios arqueolóxicos e coñecementos históricos sobre os que se fabulou a narración, mesmo abrindo a posibilidade por veces de consultar novas informacións con códigos QR.

Un exhaustivo índice onomástico e toponímico, unha extensa bibliografía especializada e unha ben útil xenealoxía das familias, sangue e descendencia destes deuses completa a obra, concibida como unha “edición de campo”, máis manexable como guía coa que andar os camiños da nosa mitoloxía e, neste sentido, complementaria á edición de consulta que a propia editora publicara hai un par de anos en gran formato e da que pode saberse máis en ventoechuvia.com

Unha delicia ler Vento e chuvia de Manuel Gago, o noso mellor Tolkien.

[Faro de Vigo, 19-11-2015]

Radiocrítica 16-12-2013

Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45),  os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez  (7’15), a ‘Antoloxía de referencia. Etapa de expansión’ que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).

Boa audición!

        http://www.goear.com/embed/sound/7d31504