Valente último

Nordesía (Valente vital, 25-2-2018)Dei no seu día noticia da aparición do primeiro volume da serie Valente vital, unha publicación da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC que analizaba a biografía literaria do grande escritor ourensán. Aquel libro inicial repasaba a infancia e mocidade galegas do autor, a súa estancia como estudante universitario en Madrid e a súa presenza como profesor na Universidade de Oxford. Tempo despois dei conta do xurdimento do segundo volume da serie, centrado nesa ocasión na súa andaina literaria mentres era funcionario tradutor de diversos organismos internacionais tanto en Xenebra coma en París e tamén nas súas vivencias na Alta Savoia.

Pois ben, complétase agora a serie coordinada por Claudio Rodríguez Fer co terzo volume de Valente vital, desta volta cun subtítulo parentético que guía sen perda: Magreb, Israel, Almería.

Son xusto estes tres espazos percorridos polo poeta e, nalgún caso, domicilio de seu os que serven de epicentro para a análise dos seus últimos anos. Consecuentemente, a obra subdivídese en tres grandes capítulos analíticos, nos que se vai dando conta de aspectos que teñen que ver coas viaxes e vivencias do autor neses lugares e tamén coa asunción e posprocesado das súas culturas na súa escrita.

En “Del Magreb a Israel: Semillas semitas” é o editor da obra, o profesor Rodríguez Fer, quen se ocupa da querenza arabista dende novo do poeta, así como das súas múltiples viaxes a Marrocos e Tunisia e tamén da súa simpatía pola cultura xudaica e as súas visitas a Israel.

Pola súa banda, o estudoso Manuel Fernández Rodríguez analiza en “Las vías de la cábala al sufismo: Dos movimientos, una quietud” o moi complexo e vizoso mundo espiritual que imbuíu a escrita de Valente, chea de símbolos e ritos, de tradicións e estratos culturais que remiten, unha e outra vez, á cábala e o sufismo, así como ao Sefarad e o seu legado.

Valente vital (Magreb, Israel, Almería)Rematando o libro disponse o traballo de Fernando García Lara, profesor almeriense que se ocupa, precisamente, da etapa levantina do poeta en “Almería 1985-2000”. Na rememoración destes derradeiros anos evócase a súa radicación naquelas terras, o coñecemento da cultura andaluza en xeral e da flamenca en particular e as diferentes pegadas que ese mundo foi deixando na súa produción. Por xunto, estas tres longas e moi documentadas análises do máximo rigor académico fornecen un volume de case medio milleiro de páxinas, que dá cabo a unha serie definitiva para a biografía literaria dun dos máis destacados poetas do XX, amais senlleiro ensaísta, tradutor e prosista.

Cómpre, pois, saudar con aplauso este Valente vital (Magreb, Israel, Almería) editado por Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago, institución que dá á luz a obra co primor que nos ten acostumados o seu Servizo de Publicacións, quen ofrece aquí unha coidadísima edición en tea, recuberta por unha elegante camisa que incorpora a reprodución dun cadro da excelente pintora almeriense Lola Valls, El vuelo y la sombra.

Valente dedicou un fermoso poema a Rosalía. Nel deixou dito: “Se fue en el viento, volvió en el aire./ Le abrí en mi casa la puerta grande./ Se fue en el viento. Quedé anhelante./ Se fue en el viento, volvió en el aire./ Me llevó adonde no había nadie./ Se fue en el viento, quedó en mi sangre./ Volvió en el aire.” Tamén o de Ourense regresa agora no ar, na límpida membrana do vento dos que o len e o devocionan, profundando no sentido último dos seus textos. Leámolos, pois da súa man entraremos pola porta grande da casa do poeta.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 25-2-2018]

O primeiro Valente

A Cátedra José Ángel Valente fundouse hai agora doce anos no seo da Universidade de Santiago, institución na que en 1999 o gran poeta ourensán fora nomeado doutor honoris causa. Dirixida dende entón polo tamén poeta e investigador Claudio Rodríguez Fer, vén publicando regularmente monografías e volumes de asedio analítico á produción autorial do escritor.

Pois ben, no marco dese encomiable labor de estudo da figura do escritor acaba de se editar Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford), primeira entrega dunha magna biografía do poeta que terá continuidade e remate cun futuro traballo no que se repasarán os seus anos xenebrinos, parisienses e almerienses.

Coordinada polo propio Rodríguez Fer, esta aproximación ao primeiro Valente repasa o que foron as etapas de crianza, formación e inicios creativos do autor. Son, por tanto, os tempos nos que naceu e medrou en Ourense, estudou en Santiago e logo en Madrid para despois residir en Oxford, a onde chegaría en 1955 como lector de español da súa universidade.

Esta primeira entrega divídese en tres grandes bloques que se corresponden con cada un dos eixes xeovitais do poeta: “Valente en Galicia: quedar para siempre”, da que se fixo cargo o mesmo Rodríguez Fer; “Valente en Madrid: crónica de un aprendizaje”, responsabilidade da investigadora madrileña Marta Agudo e mais “Valente en Oxford: del rumor a la voz”, da man do estudoso, tamén lugués, Manuel Fernández Rodríguez.

Todas tres son moi amplas prospeccións na biografía valentiana (son textos que superan longamente o cento de páxinas, pois por xunto constitúen un volume de medio milleiro de planas), mais por proximidade física e, tamén si, cultural, detereime agora un tanto nas iniciais dedicadas ao periplo galego de Valente, non sen deixar de recomendar tamén con afán as excelentes achegas da doutora Agudo e o profesor Fernández Rodríguez, imprescindibles para completar o perfil do escritor neses anos.

Para a súa contribución biográfica Rodríguez Fer sérvese en non pequena medida das informacións que el mesmo lle tirou ao poeta nunha ampla conversa publicada na revista universitaria Moenia en 1999 baixo o título “Entrevista vital a José Ángel Valente: de Ourense a Oxford”. Xa alí estaba, en xermolo, moito do que aquí foi ampliado e complementado con outras moitas referencias, especialmente de tipo documental (escritos da primeira hora, textos galegos ou con referencia a Galicia) e socioliterario (relacións con autores de noso e xentes do mundo da intelectualidade e cultura galegas). Un vai sabendo, así, da nacenza e primeiros anos de escola do poeta en Ourense, da ascendencia familiar deste, das súas vivencias infantes na guerra, da paradigmática devoción que na súa casa había pola figura de Basilio Álvarez, dos seus contactos co galeguismo da man do círculo de Vicente Risco, das colaboracións no vespertino santiagués La Noche, das súas xeiras universitarias por Compostela e de todos e cada un dos contactos que, unha vez emigrado, tería ao longo dos anos con Galicia e, particularmente, coa súa terra ourensá de orixe.

Non quero deixar de advertir unha circunstancia que me parece fundamental: lonxe do que puidese sospeitarse, o traballo de Rodríguez Fer (en menor medida o dos outros dous estudosos) non se presenta como o típico texto académico trufado de datos técnicos e fonduras analíticas abstrusas impermeables ao lectorado común. Moi pola contra, estas planas (nas que non hai nin unha soa nota a pé de páxina) son un modélico exemplo de biografía documental narrada, é dicir, de relato vital no que importa o que se conta, mais sen desatender o estilo que se imprime na escrita do que se comunica. Podería estenderme en consideracións sobre este punto, pero coido que unhas palabras da primeira das páxinas do biógrafo abondarán para facer comprender o que tento expresar: “En el antiguo reino gallego de la lluvia y la savia nació, pues, el hombre que pudo haber sido musgo, lobo, roca, hongo y sobre todo agua. Y nació en el lugar de las aguas pluviales y termales que motivan el nombre de Augas Calientes”. Velaí o rigor documental feito narración de altura.

Para todos aqueles interesados na figura do inmenso poeta que foi José Ángel Valente, este Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) ten de ser lectura obrigada e libro do que moito gozarán, pois nel non só se documenta toda unha andaina vivencial singular, senón tamén os precisos textos e contextos que a acompañaron na informada aproximación de tres dos seus mellores coñecedores, un volume para regalarse nestas datas.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 16-12-2012]