Literatura galega en italiano e maxiar

Sempre me presta traer a estas páxinas noticia da tradución de obras literarias galegas a outras linguas. O motivo é duplo: dunha banda, entendo que pode ser unha información útil para aquelas persoas que, provindo doutros ámbitos culturais e idiomáticos, estean interesados en coñecer a nosa escrita; doutra parte, coido que este tipo de novas terían que axudar a que as galegas e galegos comprendamos mellor o valioso patrimonio que supoñen as nosas letras, polas que se interesa lectorado de todo o mundo, o que debería de enchernos de satisfacción e contribuír a aumentar a nosa decote depauperada autoestima.

Nesta ocasión satisfaime anunciar a aparición da tradución de tres voces fundamentais da poesía galega do pasado século: a versión húngara dos poemas de De catro a catro (1928) de Manuel Antonio e os Seis poemas galegos (1935) de Federico García Lorca e o translación ao italiano dunha ampla escolma da poética de Uxío Novoneyra.

Co título Horizontkoktél két hangra [Cóctel de horizontes para dúas voces] o tradutor e poeta húngaro Árpád Mohácsi reúne nun único volume o referencial De catro a catro do rianxeiro Manuel Antonio e mais os célebres Seis poemas galegos do granadino Federico García Lorca. Complementariamente, o libro incorpora tamén unha breve descrición sobre a linguas dos poemas asinada pola profesora Ildikó Szijj, que foi quen, xunto coa filóloga Réka Dorcsák, preparou esta edición bilingüe para Eötvös, o selo editor da Universidade Eötvös Loránd de Budapest, á que ambas están vinculadas.

Dáse a circunstancia, ademais, de que no caso dos versos de Manuel Antonio é a primeira vez que se trasladan á lingua maxiar, non así no caso de García Lorca, pois versións anteriores poden lerse no segundo volume das súas obras completas a este idioma (García Lorca összes művei, Magyar Helikon, Budapest, 1967, onde foron traducidos polos destacados poetas István Eörsi e Zoltán Jékely) e máis recentemente na revista en liña Újnautilus (onde os trasladou Attila Botár no 2013).

Esta ledicia de ver a Manuel Antonio e o García Lorca trasladados ao húngaro vese aumentada ao saber que Uxío Novoneyra pode tamén lerse agora en italiano mercé aos bos oficios tradutores do filólogo e poeta Marco Paone, quen en Poesie della chiara certezza. Antologia 1955-1999 reúne unha extensa escolma dos seus versos vertidos á lingua do Dante.

Xurdida a partir do traballo do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia e publicada por Aguaplano (casa editora na que o propio Paone dera a coñecer non hai tanto a Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995) de Lois Pereiro), esta Poesie della chiara certezza antologa composicións extraídas de Os eidos e Os eidos 2 (1955 e 1974), Poemas caligráficos (1979), Muller pra lonxe (1986), Do Courel a Compostela (1988), Tempo de elexía (1991), Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994), Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes (1999) e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999).

Tan xenerosa recolleita en edición bilingüe vai precedida dunha sucinta mais diáfana análise da poética do courelao asinada por Paone (“Uxío Novoneyra: un poeta tellurico fra amore e libertà”) e unha “Bibliografia essenziale” na que figuran compendiadas valiosas referencias para que o público italiano saiba como navegar no caudaloso mar literario do autor.

Nova ben feliz, sen dúbida, esta de que a nosa mellor poesía alente noutros idiomas, proba evidente de que a vella fala da Gallaecia segue a ser lingua de reis da palabra.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 7-6-2020]

Actualidade de Manuel Antonio

É verdadeiramente asombroso que todo un clásico da poesía galega como Manuel Antonio, tan lido e gabado, case a un século de distancia do seu pasamento continúe deparándonos sorpresas coa descuberta de textos, imaxes e documentación da súa breve pero intensa andaina vital.

Logo de múltiples edicións, traducións e extensas monografías analíticas seguiamos sen coñecer algúns socalcos decisivos da súa produción, que só na presente década foron desvelándose.

Así, existían aínda composicións poéticas inéditas, moitos textos en prosa que descoñeciamos, creacións noutras linguas das que ben pouco sabiamos e abonda correspondencia da que non se tiña noticia.

De por parte, os especialistas atoparon marxe para profundar nos contextos nos que xermolou a súa obra, nas lecturas comparativas con outros creadores, no fornecemento de fontes e influencias posibles e na exésese concreta de certos textos, ancos todos sobre os que foi preciso volver decote ao longo do que levamos de década.

Este decenio estreábase coa aparición de dúas interesantes monografías de moi diferente enfoque. Dunha banda, Fidel Vidal publicaba no 2010 en Espiral Maior O sol da tristeza, un ensaio transparentemente subtitulado “A figura do pai na obra de Manuel Antonio”, onde, servíndose de teorías psicoanalíticas realizou unha revisión da poética do rianxeiro na que a figura paterna —tamén si a materna— lle serviu para reinterpretar moitos dos máis coñecidos símbolos da escrita do autor.

Nese mesmo ano, Manuel Castelao daba á luz en Laiovento Manoel-Antonio. De catro a catro, un longo ensaio no que, amais de analizar un a un todos os textos do poemario, incidía especialmente no seu valor dentro da corrente vangardista e tamén na importancia da figura e a obra do rianxeiro a prol da loita emancipadora galeguista.

Como non podía ser doutro xeito, neste tempo foron numerosos os artigos, notas e comentarios que xiraron arredor do rianxeiro, así como as reedicións e escolmas da súa escrita. Secasí, o proxecto de maior envergadura foi, sen dúbida, o acometido por Xosé Luís Axeitos, estudoso manuelantoniano ao que debiamos anteriores traballos imprescindibles sobre o poeta e que publicou en tres grosos volumes a súa opera omnia; a saber: Obra completa. Prosa (2012), Obra completa. Poesía (2014) e mais Obra completa. Epistolario (2015). Mercé á colaboración editorial da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, pero, sobre todo, grazas ao esforzo de anos de investigación do profesor Axeitos recuperáronse versos do de Rianxo; coñecemos a súa escrita en castelán e francés; sumamos as súas traducións de Apollinaire, Éluard, Peret, Verlaine, Poe e outros; reuníronse case unha corentena de prosas literarias e ensaísticas; e pasamos de coñecer 237 cartas súas a 421, case o dobre.

A este admirable labor levado a cabo por Axeitos cómpre engadir aínda outra aproximación de mérito: a exhaustiva e reveladora revisitación da súa biobibliografía que acometeu Xosé Ramón Pena no terzo volume da súa Historia da Literatura Galega, publicada o pasado outono. Neste encomiable ensaio o profesor betanceiro dedica todo un longo capítulo a repasar (e sopesar) o que sobre o rianxeiro se leva dito ata o de agora, ao tempo que achega orixinais lecturas a moitos dos seus versos que nos axudan a mellor entender a importancia do seu legado literario.

Pois ben, en rematando o ano chegou ás librerías un outro volume que, sen medo a equivocarme, podo afirmar é un dos achados documentais máis importantes deste século: a exhumación, en impecable edición facsimilar, nada máis e nada menos que do manuscrito orixinal de De catro a catro.

Este inédito manuelantoniano foi recuperado polo profesor Anxo Tarrío, responsable da transcrición, anotación e estudo do manuscrito que publicou Alvarellos Editora coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago.

A pulcritude coa que foi editado o facsímile fai que teña sido reproducido no seu formato orixinal de caderno contable, con cubertas que imitan as tapas de cartón forradas en azul mariño e lombo beixe deste caderno apaisado, que foi a que Ánxel Casal empregou para a edición que imprentou en Compostela o “vintesete de Marzal de MCMXXVIII” e que permanecía en mans dos herdeiros de Domingo García-Sabell.

Por tanto, esta recuperación é dun valor incalculable non só porque a través dela podemos coñecer a materialidade (letra, tintas, xogo de marxes e disposición textual) desta obra emblemática, senón porque tamén é posible observar agora as vacilacións e riscaduras na súa confección, detectar as variantes de imprenta introducidas ―de alta significación ecdótica― e comprobar cales foron as variacións estruturais na ordenación final dos poemas.

Todos estes pormenores son anotados con rigor filolóxico extremo por Tarrío, quen nos devolve, así, á fonte límpida do que foi a escrita matriz manuelantoniana, nunha edición absolutamente modélica que incorpora, ademais, algunhas fotografías descoñecidas do autor que engaden maior interese a un volume que, se mire por onde se mire, merece o aplauso pecho.

Cústame imaxinar que alegrías nos reserva o futuro respecto do xenial poeta, mais o que estes últimos anos nos ensinou é que sempre hai espazo para a marabilla e alá onde menos se pensa un encontro fortuíto axuda a alumar un tesouro oculto. Oxalá así siga sendo e que non apartemos nunca as nosas devotas mans de Manuel Antonio.

[Faro de Vigo, 19-1-2017]

Versos ‘De catro a catro’

De catro a catroA primeira edición de De catro a catro (Follas d’un diario d’abordo), impresa en “Nós, pubricacións galegas e imprenta”, data do vinte e sete de marzo de 1928 e foi a única corrixida polo autor. En 1940 publicouse na Arxentina unha edición bilingüe galego-castelá, con tradución e limiar de Rafael Dieste e ilustracións de Colmeiro. A obra contou con numerosas reedicións e mesmo traducións e en 1972 saíu á luz co primeiro volume das obras completas.

Precisamente por tratarse dun clásico o seu é verse imprentado unha e outra vez, o que explica que aínda hai pouco El Patito Editorial dese á luz unha nova edición, para máis sinais bilingüe.

O que ofrece de novo este De catro a catro é, ao meu ver, tres engádegas de valor: primeiramente, a tradución ao castelán asinada polo poeta e narrador Luís Rei Núñez, cun resultado ben lucido que acomoda con habelencia a complexa poética do rianxeiro á fala cervantina; en segundo lugar, o feito de que esta edición se vexa vestida polas ilustracións a toda plana de Pablo Otero, que arroupan no visual uns versos ben suxestivos para o diálogo interartístico; e, finalmente, o primor material na execución do libro, un volume impreso a toda cor sobre papel cor óso de alta calidade e encadernación en cartoné.

Por tanto non poden brillar con máis relustro as composicións de Manuel Antonio, pois son idóneos tanto o ventrílocuo castelán que se procurou para a ocasión coma o artista encargado de trasladalo a imaxes e, por suposto, o artesán da ourivería fina do papel.

Propicia circunstancia esta nova edición do poemario para volver a un universo poético singular, vertebrado a modo de navegación, de viaxe marítima que devén unha aventura introspectiva, unha singradura na que o mar e a paisaxe, o tempo, a soidade, a noite e a morte son presenzas recorrentes.

De catro a catro convídanos a un periplo marítimo, un percorrido por un mar íntimo, unha viaxe iniciática de Ulises que é tamén unha aventura mítica á procura do descoñecido.

Manuel AntonioE este mar é o horizonte paisaxístico case único, un cárcere onde o ser humano vive o arredamento e o tedio. Manuel Antonio chega a identificarse con esta paisaxe, xa que a través dela comunica os seus estados de ánimo. Poucos elementos rompen a monotonía da viaxe: algún navío, o Sol, a Lúa, un bar costeiro. A paisaxe plana carente de cromatismo e a soidade cósmica transmiten unha sensación de estatismo, de tempo que non flúe, de viaxe cíclica, recordando o motivo do eterno retorno, e aí reside a grandeza destas páxinas.

O tempo circular, o mar cadaleito e os astros non indican xa o paso dos días, senón a constatación da volta ao punto de partida. É así que o tempo non existe e a vida é unha sucesión de navegacións lentísimas ata a morte. Este esencial antivitalismo, esta visión pesimista e triste que anuncia un certo extravío existencial configúrase nunha contemplación da noite que trae consigo a soidade cósmica (velaí “Sós”) e a presenza do barco en alta mar ao pairo. Porque o naufraxio é símbolo do fracaso, da decepción, do desencanto, por iso asistimos a un constante aceno de desgarrada despedida en cada cousa e, malia a todo, tamén hai intres para a saudade do mar (así en “Recalada”), pois o mar atrapa o eu lírico e unha parte del quédalle dentro.

Galano precioso, para facer ou facerse, esta edición bilingüe galego-castelá de De catro a catro, un arte-facto, un obxecto poético de estética admirable.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 25-10-2015]

Casas-Museo Literarias

casa-museo manuel mariaO pasado venres 11 de setembro conversei con Lourdes Abuíde sobre casas-museo literarias para o programa ‘Aquí en la Onda. Gente viajera de Galicia’ de Onda Cero Galicia. Convidei á visita das casas-museo de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Emilia Pardo Bazán e Manuel María. Deixo aquí o audio da entrevista co convite a unhas rutas literarias que ben pagan a pena.

Audio

 

Manuel Antonio carta a carta

Manuel AntonioCase parece mentira que dun clásico como Manuel Antonio, tan lido e gabado, aínda non tivésemos en circulación todos os textos que produciu. Logo de múltiples edicións, traducións e sisudas monografías analíticas seguiamos sen coñecer, polo fino, a integridade da obra poética, descoñeciamos gran parte da escrita en prosa e apenas se sabiamos da metade da correspondencia. Así as cousas, o labor levado a cabo por Xosé Luís Axeitos na edición da súa Obra completa como publicación da colección Clásicos da Academia conveniada coa Fundación Barrié de la Maza é, con certeza, loable, pois hai un antes e un despois no coñecemento profundo do mundo literario manuelantoniano mercé aos seus esforzados traballos.

No seu día saudei con ben a aparición dos volumes dedicados á Poesía e á Prosa. Non quero deixar de facelo agora na saída da terceira e última entrega, centrada no Epistolario, sobre a que quero chamar a atención xustamente hoxe, que se fan os cento quince anos do nacemento do rianxeiro.

Abondaría un dato para decatármonos da importancia deste rescate epistolar: das 237 cartas que se coñecían ata agora do Rianxo na edición que hai trinta e cinco anos dera a luz Domingo García-Sabell pasáronse agora a 421, case o dobre.

E non só no cuantitativo se produciu un decisivo avance, senón tamén no cualitativo, pois hai agora un elenco de máis de sesenta interlocutores, con misivas que van dende novembro de 1911 (cando o futuro autor era aínda un escolar de apenas once anos) ata a derradeira de xaneiro de 1930, poucos días antes do seu pasamento. Son, estas, cartas nas que un pode percorrer moitos dos socalcos vitais e autoriais de Manual Antonio, coñecer a progresión na súa formación, o trato con outros escritores, os proxectos propios e colectivos nos que participou, a relación que mantivo con revistas e xornais, os posicionamentos ideolóxicos e socioestéticos que defendeu. En fin, que este Epistolario ha resultar, por forza, o viveiro documental ao que terán de se achegar os futuros biógrafos e estudosos do poeta, que aparece iluminado dende novos ángulos a través deste súa faceta como epistológrafo.

manuel antonio. obra completa. epistolarioA magnífica edición do profesor Axeitos enriquécese coa inclusión dunha “Introdución” que sitúa perfectamente a circunstancia epistolar do autor, á que engade unhas nótulas contextualizadoras ao comezo da correspondencia de cada ano que guían a lectura das cartas na súa circunstancia biográfica, sociohistórica e doutro tipo. A maiores, o volume inclúe tamén un “Álbum” fotográfico con instantáneas en moitos casos inéditas e reproducións de manuscritos, o que engade valor documental ao conxunto, pois eran ben poucas as imaxes que ata o presente coñeciamos do persoeiro.

Por remate, este Epistolario insire tres índices (cronolóxico, de interlocutores e temático), moi útiles para situar temporalmente os feitos e localizar transversalmente os temas de interese. Secasí, a disposición primeiro de toda a correspondencia activa (a escrita por Manuel Antonio) e só despois toda a pasiva (a recibida por el) dificulta grandemente o seguimento do diálogo epistolar entre autores, pois é enfastioso en extremo andar saltando dunha páxina a outra para rexistrar as respostas e retruques que emisor e destinatario se dan en cada caso.

Moi boa nova, por tanto, a da publicación deste Epistolario como volume terceiro da Obra completa en edición de Xosé Luís Axeitos, a quen hai que lle agradecer desvelos e traballos por devolvernos a imaxe máis integral posible dun poeta que ha seguir acendendo, e por moitos anos, unha estrela nova en cada constelación.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-7-2015]