O agasallo da lectura

Nos últimos meses viron luz un número importante de obras literarias en galego que encheron os andeis das nosas librerías de interesantes posibilidades para os agasallos destas datas. Nas seguintes liñas anotarei algunhas delas, pois tanto nos eidos da narrativa coma nos da poesía, igual nos do ensaio que nos da escrita infantoxuvenil hai volumes máis que recomendables.

Varios narradores ben recoñecidos e de longa traxectoria nas nosas letras deron a coñecer este ano as súas novas propostas. É o caso de Anxo Angueira en Iria, unha novela na que o universo ribeirán da Arousa o domina todo no medio dunha trama onde agurgulla a loita clandestina contra o tardofranquismo, nunha sorte de natural continuación da súa moi celebrada Pensa nao. Do mesmo xeito, tamén se remite a un tempo histórico decisivo —o dos debates entre os galeguistas partidarios da loita culturalista con Piñeiro ao fondo e o dos que preferían un activismo político máis intervencionista en pleno franquismo— Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena. E camiña tamén polo vieiro da novela histórica A noite branca, de Francisco Xosé Fernández Naval, intenso e moi emotivo relato a catro voces dun galego que formou parte da División Azul e viviu o desastre da tentativa de invasión nazi a Rusia.

Capítulo á parte merece As voces baixas de Manuel Rivas, non só por constituír un híbrido xenérico entre o puramente narrativo e o libro de memorias, senón por ser esta súa ‘literatura do eu’ un dos títulos mellor escritos polo autor, quen deita aquí algunhas páxinas absolutamente antolóxicas, modélicas evocacións poéticas e intimistas duns tempos (os anos sesenta e os da Transición) tan decisivos, por diferentes causas, para a nosa historia recente.

De diferente natureza son narracións como a moi alegórica 15.724 de Xesús Constela, parábola dunha sociedade limitadora dos individuos aos que aboca a unha existencia agónica e privada de verdadeira liberdade, o mesmo que acontece, mais polos camiños da fantasía épica, en O país adormentado, do chairego Xabier P. Docampo, obra esta na fronteira da escrita infantoxuvenil, o que tamén acontece nos notables relatos de terror de Agustín Fernández Paz en As fronteiras do medo, inzado de imantadoras historias nas que a sombra do mestre Lovecraft é homenaxeada.

Pensada igualmente para un público novo, Palabras de auga de Marcos Calveiro formúlase como unha novela curta ambientada na África suahili para evidenciar, con excelente pulso narrativo non exento de puntais tinturas líricas, a dificilísima arte de vivir na que tantiños pasan os seus días neste continente.

Moi diferente é a proposta de Pemón Bouzas no relato A estrela de Oriente, este si un texto que, podendo lerse tanto por pequenos coma por maiores que conserven espírito neno, será sen dúbida un galano perfecto para redescubrir a lendahistoria dos Reis Magos nunha clave decididamente intercultural onde non faltan os aires celtocalaicos.

A aqueloutros máis inclinados ao verso, non quero deixar de recomendarlles tres poemarios maiores e moi diferentes entre si: Os ángulos da brasa, do veterano Manuel Álvarez Torneiro, alta lírica de brunido clásico e impecable dicción; Calado testamento, o reflexivo e recapitulador regreso, tras vinte anos de silencio, do poeta lucense Xavier Rodríguez Barrio, e As pontes invisibles, o libro-cd do performanceador e neovangardista Xelís de Toro.

Finalmente, os máis devotos da escrita de pensamento han poder regalar(se) textos tan diversos como o gastronómico e enciclopédico Abecedario das mantenzas, de Fausto Galdo; o memorialístico e narrativo O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, con certeza unha das mellores obras deste ano; o ensaísmo sociopolítico de Antón Baamonde en A derrota de Galicia ou a dicionarística paródica e subversiva de Manuel Veiga en Do G ao Z.

Como se ve, non falta onde escoller. Anímense e obsequien algún destes libros ás súas xentes queridas. Un bo libro é sempre unha aposta segura de éxito, pois hai nas obras ás que convido moita e boa literatura para acompañar os días.

[Publicado na revista Bahía Sur, 64, xaneiro-febreiro do 2013]

Vórtice de cinzas

Manuel Álvarez Torneiro regresa á actualidade literaria cun poemario memorable: Os ángulos da brasa.

Nos versos do poeta coruñés arde a memoria dun tempo gris, os estertores dun mundo roubado, afogado, naufragado, aqueles anos da posguerra nosa, tan famentos e infames. Mais tamén hai espazo para o amor salvífico, para as crebas amables da esperanza, os restos da marea que as lecturas taumatúrxicas agasallan: a compaña amiga de Avilés de Taramancos, a voz irmá de Valente, as presenzas evocadas de Hölderlin, Rilke, Whitman, Saint John-Perse, Shakespeare, Vallejo, Pound, Guillén ou Juan Ramón e, ao carón, a música envolvente, harmónica, epifánica de Schubert, Mozart, Vivaldi, a luz toda de Veermer, Caravaggio, Brueghel, Chagall…

Poemas como incendios da lembranza, brasidos que calcinan a mirada do neno orfo que foi e se foi, ese cativo admirado da deriva do Tempo que dende o presente avolto recorda e trata de cauterizar os estigmas, de reconciliarse coas sombras do pasado, de esconxurar os seus fantasmas interiores.

Os ángulos da brasa: vórtice de cinzas no ar do canto.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 3-5-2012]