Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 18 de agosto en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva sobre As escaleiras do Gran Hotel, de Rubén Martínez Alonso (I, 00:15); As covas de aceiro, de Isaac Asimov, traducido por Alejandro Tobar (I, 5:30 e II, 00:00); Onde nunca é mañá, de Manuel Alvarez Torneiro (II, 3:10) e a revista Suroeste (III, 00:21).
Arquivo por etiquetas: Manuel Álvarez Torneiro
Versos coma brasas
A boa poesía, a escrita de verdade grande, acaba por traspasar as fronteiras.
Desa extraordinaria condición son os versos de Manuel Álvarez Torneiro, un clásico da literatura galega do último medio século que recentemente veu recoñecido o seu labor co Premio Nacional de Literatura polo poemario Os ángulos da brasa, editado orixinariamente por Faktoría K no 2012 formando parte da colección Tambo.
Os poemas de Torneiro han poder ser apreciados agora en lingua castelá mercé á publicación dos mesmos por parte da prestixiosa Colección Visor de Poesía, que os dá a luz nunha edición bilingüe con tradución de Teresa Seara.
Non é detalle menor que sexa, precisamente, Visor quen publique Os ángulos da brasa/ Los ángulos de la brasa. En corenta anos de andaina e con máis de oitocentos cincuenta títulos ás costas, tan só outros dous poetas vivos viron impresos os seus versos na que, seguramente, é a colección histórica máis importante do Estado.
O nome de Torneiro vén unirse así aos de Luís González Tosar, quen viu traducido en 1998 Madeira do meu canto/ Madera de mi canto, e mais Yolanda Castaño, quen conta con nada menos que dous títulos versionados: Libro da egoísta/ Libro de la egoísta (2006) e Profundidade de campo/ Profundidad de campo (2009).
No seu día escribín sobre o libro para contar que había nel toda unha poética de madurez, unha escrita melancólica que olla o pasado e fai balance, que se interroga polo que ata aquí nos trouxo e non lle treme a man para denunciar a iniquidade cainita que aniña no peito de moitos.
A memoria, como vértebra do tempo elástico, a infancia como abrollo fronte ás galernas da vida adulta e o amor (tamén a amizade) como salvífico bálsamo son presenzas que acompañan un Torneiro de voz arestada e dolorida, decote clamante e ben poucas veces celebrativa.
Hai nos poemas do autor coruñés unha sinfonía interna que envolve o oído, que adoza o terrible dunha escrita de ruínas, crónica da decadencia, da emoción que arde e se consome e da que só a esperanza anuncia o vagalume do futuro.
Grande nova a de ver os textos de Manuel Álvarez Torneiro traducidos. Oxalá o exemplo se estenda e veñan logo outras versións a outras linguas, porque a Poesía é patrimonio universal e ben está que as pontes da palabra unan os pobos, a beleza ardendo nas brasas anguladas.
[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 23-2-2014]
Radiocrítica
Dou comezo hoxe a unha nova sección do Criticalia á que decidín chamar ‘Radiocrítica’. Nela irei recuperando as emisións que se inseriron no espazo de comentario de libros de Ames Radio (107.2 FM).
En conversa coa xornalista Nazaret López e baixo o control técnico de Juan Luis Silva, en luns alternos co bo amigo e investigador Xosé Antonio López Silva, trazo unha panorámica do máis salientable, para o meu gusto, entre os títulos recentes e, cando a actualidade así o demanda, comento tamén outro tipo de circunstancias literarias.
Desta volta, na emisión do 11 de novembro, quixen determe en textos de Manuel Álvarez Torneiro, Berta Dávila (Parte I, 7’), Olalla Cociña (I, 8’15), Xavier Seoane (I, 9’20), Luís Rei Núñez (I, 9’50), Miguel Anxo Fernández (I, 12’30), Manuel Veiga (II, 0’45), Raúl Dans (II, 2’10), Xosé Ramón Pena (II, 3’25), Suso de Toro (II, 4’15), Valente (II, 5’), a revista Oink! (II, 6’15), Ramón Caride Ogando (II, 9’20) e Antonio García Teijeiro (II, 10’).
http://www.goear.com/embed/sound/57b0470
http://www.goear.com/embed/sound/68ceb01
Agardo que esta nova sección sexa do voso agrado. Boas (radio)lecturas!
Esplendor Torneiro
Manuel Álvarez Torneiro é un optimista ben informado; isto é, un realista que aborrece da realidade pero aposta pola vida, o que vale tanto como dicir un utópico irremediable.
Coido que na súa xenuína idiosincrasia teñen moito que ver os días largacíos de Neira de Rei, matria lucense da tribo de seu, logo abeirada ás paisaxes herculinas. E sen dúbida tamén as vivencias de neno ao que lle marchou ben cedo a nai fixeron del un adolescente tan sentido coma rexamente fráxil, un auténtico coleccionista de tomogramas do real que, andando o tempo, posprocesou versalmente nunha alquimia áurea e incomparable.
Xa choveu dende que, a mediados do pasado século, aquel rapazolo esguío, aborrecido dos tecnicismos da Escola Superior de Altos Estudos Mercantís, decidira que era ben máis apaixonante a conversa tabernaria cos confrades literarios Miguel González Garcés, Antón Avilés de Taramancos e varios outros para, na gris Coruña que apenas o pincel do xenial Urbano Lugrís era quen de iluminar, acabar fundando o grupo poético Amanecer, unha sorte de club creativo para espíritos sensibles que non estaban dispostos a deixarse aleixar pola mediocridade imperante na pétrea posguerra.
Foron, entón, as lecturas en cadoiro de Pablo Neruda, César Vallejo, Vicente Aleixandre, Rosalía de Castro, Federico García Lorca e tantos outros. E tamén os primeiros poemas, moitas veces en castelán, xermolos da poderosa voz que veu despois.
Esa voz, torrencial, límpida, clasicamente temperada, abrollou cando o poeta andaba xa na metade do seu camiño, con medio século xusto ás costas, por volta de 1982, cando veu luz Memoria do silencio.
A este seguiron unha chea de libros, case sempre en galego, con títulos que forman parte xa da nosa máis brillante historia poética última, moitos deles reunidos na compilación Os reinos do fulgor. Antoloxía esencial (1982-2002), un volume de máis de medio milleiro de páxinas sabiamente introducidas por Concepción Delgado Corral.
Agora ben, talvez o mellor Torneiro sexa o que acrisolou na última década, cando materializaron doas de esplendor como Epicentro (2003), Setembro Stradivarius (2004), Parábola do incrédulo (2006) e o aínda recente Os ángulos da brasa (2012), o poemario máis distinguido da nosa escrita recente: Premio da Crítica Española, Premio da AELG, Premio Ánxel Casal e, estes días pasados, Premio Nacional de Poesía, o único que obtivo ese recoñecemento nunha terra que leva un século demostrando que se de algo pode presumir é de ser fértil en poetas.
Nos versos de Torneiro a sensibilidade do social marida co intimista e existencial, a dor e a dureza da vida, por veces mesmo a súa descarnada crueldade, vense amornadas por unha incombustible fe na esperanza, na luz que o ser humano é quen de proxectar cando o pretende. A súa é unha poesía fastosa, de léxico exuberante sen chegar a abafar, fulgor estilístico e vizosidade simbólica que fractalizan as connotacións e que tecen o máis fino liño para o abrigo da mensaxe, abaneante entre o complexamente escuro e nidiamente inxel.
A reflexión sobre a existencia, a dialóxica individuo/sociedade, a memoria en todas as súas irisacións, significadamente na do paraíso rememorado da infancia, tamén si as paisaxes da ánima e as xeografías do cor, por descontado, as eróticas próximas e o amatorio sublime. Todo ten lugar acaído na palabra reveladora de Manuel Álvarez Torneiro, un poeta sempre alén do horizonte, superando libro tras libro o seu propio limes, abríndonos ao misterio da palabra que conquista o Tempo para detelo sequera un instante, ese fugaz espellismo de eternidade, laica parusía que só algúns mestres son quen de facernos contemplar.
[Publicado no Faro de Vigo, 17-10-2013]
Premios da Crítica
Un ano máis, a Sección Crítica da Asociación de Escritor@s en Lingua Galega (AELG) fallou os seus galardóns, concedendo o Premio da Crítica da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) na modalidade de Narrativa en Lingua Galega á escritora viguesa Begoña Caamaño pola novela Morgana en Esmelle (Galaxia Editorial) e o correspondente na modalidade de Poesía en Lingua Galega ao autor coruñés Manuel Álvarez Torneiro polo poemario Os ángulos da brasa (Kalandraka Editora).
Ambos os dous son creadores ben coñecidos no panorama literario de noso e alcanzan con esta distinción un recoñecemento ao seu bo quefacer, concretado nos dous destacados títulos que agora se premian e dos que podes informarte cumpridamente neste e mais nestoutro enlace.
Dáse a circunstancia, amais, de que Morgana en Esmelle obtivo tamén o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores (AGE) ao Mellor Libro de Ficción do ano pasado e, do mesmo xeito, Os ángulos da brasa recibiu idéntico galardón como Mellor Libro de Poesía ou Teatro. Da súa parte, Álvarez Torneiro vira xa recoñecido o seu excelente labor poético coa concesión do Premio da Crítica na convocatoria de 1999 ao libro Luz de facer memoria.
A Sección Crítica alcanzou estes fallos durante a reunión que mantivo o pasado venres día 5 ás cinco da tarde na Aula 6 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, decisión que foi oportunamente comunicada á AECL, que a fixo pública no día de onte en Ponferrada, durante o transcurso da xuntanza anual que esta asociación leva a cabo para tal fin, reunión á que asistiu como representante da Sección Crítica galega Xosé Manuel Eyré.
Á xornada de deliberación celebrada en Compostela acudiron un conxunto de dez critic@s que, en sucesivas roldas de votación, decidiron as obras gañadoras. Os nomes dos alí reunidos, aos que tiven a sorte de acompañar, son: Alfredo Ferreiro, Olivia Rodríguez, Francisco Martínez Bouzas, Chus Nogueira, Inma Otero Varela, Montse Pena Presas, Dolores Vilavedra e mais Laura Caveiro e Xosé Manuel Eyré, estes dous últimos en calidade de membros da Xunta Coordinadora, tamén integrada por Inmaculada López Silva, que escusou a súa presenza por motivos persoais, como tamén o fixo a investigadora infantoxuvenil Blanca Ana Roig Rechou.
Sexan parabéns para Begoña Caamaño e mais Manuel Álvarez Torneiro, dúas destacadas voces do noso momento literario aos que animo vivamente a ler.