Nove por sete

Da man da factoría literaria A Porta Verde do Sétimo Andar ve luz a antoloxía poética Sétimo andar, coa que esta plataforma creativa celebra a chegada ao sétimo número da súa colección Q de Vian Cadernos.

Para distinguir tal ocasión, nove dos colaboradores habituais deste colectivo creado no 2005 achegaron unha breve selecta dos seus versos inéditos coa que conformar un volume abondo plural, no que tan só o vencello da amizade e a común participación en iniciativas grupais xurdidas no seo do propio colectivo contribúe a unificar unha obra, insisto, absolutamente heteroxénea.

Iolanda Aldrei, Miguel Ángel Alonso Diz, Rosa Enríquez, Alfonso Láuzara, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, Manolo Pipas e Ramiro Vidal Alvarinho son @s galeg@s que, xunto ao portugués Virgilio Liquito, asinan o cento escaso de páxinas das que se compón esta escolma.

Canto ás poéticas ensaiadas hai, xaora, de todo: dende os versos libertarios de alento melancólico de Aldrei ata os simbólicos poemas en prosa, plurilingües e de forte carga xenérica, de Enríquez, pasando pola escrita patriótica, idiomático-reivindicativa e rosaliófila de Alonso Diz, a delicadeza elexíaca, sinestésica e aliterativa de Láuzara, a poesía agre e rupturista dun Liquito sempre ironicamente subversivo, a historia de amor pronominalizado e contrapuntístico de Martínez Delgado, o xenio chuviñento e bicheiro dun Momán alegórico, a afirmación metapoética e discursiva de Pipas ou aínda os adeuses á infancia e a denuncia do presente louco que estordega a musa de Vidal Alvarinho.

Como os propios coordinadores de Sétimo andar declaran, esta antoloxía abéiranos “7 anos e nove voces que forman un retrato interesante dun espazo en constante expansión, no que non ten cabida a indiferenza dos cordeiros”. Seinos a vostedes moi arredados da familia ovina, así que non me cabe dúbida de que curiosearán nesta valiosa escolma.

Poesía de aquén e alén Miño

Co suxestivo título de Pegadas, os responsables do selo A Porta Verde do Sétimo Andar publicaban non hai moito unha nutrida antoloxía de poesía actual na que reunían algunhas das máis interesantes voces da escrita lusa e galega do momento.

É traballo abondo complicado tentar resumir en poucas liñas o espírito que anima a trintena de creadores participantes, entre outras cousas porque por estas páxinas desfilan poéticas do amatorio, o contestatario, o neosurreal cotiá, o simbólico-alegórico, o sentimental, o patriótico, o absurdo, o extático ou o transreal, entre outros territorios líricos.

Nada teñen que ver, pois, as estéticas dun Alberto Augusto Miranda ou un Baldo Ramos coas dun Alberte Momán ou unha Lucía Novas, en pouco converxen un Aurelino Costa, un Ramiro Vidal ou un Lino Braxe cunha Ana Cibeiras, un Lois Magariños ou unha Rosa Enríquez e outro tanto podería dicirse de todos e cada un dos poetas representados —que aparecen exhaustivamente etiquetados ao final desta entrada—, posuidores de fórmulas moi dispares que van dende a prosa poética ata o haiku, pasando polo poema en prosa, o poema visual ou o verso rimado, con universos referenciais e mesmo lingüísticos tamén complementarios (portugués estándar a canda galego oficialista e reintegrado).

Un mosaico verdadeiramente heteroxéneo e representativo de tendencias e autores este Pegadas, que convén ler se se quere estar ao día da máis labrada verba de aquén e alén Miño.