Madriña coraxe

Nordesía (Maica Caramés Gorgal, 11-3-2018)“Hai un vencello moi especial entre a madriña e mais eu, un vencello que transcende do físico, do terreal, unha auténtica comuñón que non precisa palabras (…) Ela sempre foi o niño, o fogar (…) Nunca nada nin ninguén me dá tanta paz como os ollos da madriña: limpos, azuis como un ceo de agosto, coa dozura fresca dos chuchameles. Nada me reconforta tanto como cando repite, dende os seus ollos azuis, sen mácula, sen a máis mínima sombra de dúbida, que «todo ten remedio menos a morte»”.

Quen así se expresa é Tareixa, unha das protagonistas de A madriña, a novela da xalleira afincada en Compostela Mª Carme Caramés Gorgal, obra que acaba de publicar Edicións Fervenza. A destinataria de tales palabras é Lola, a súa avoa e madriña, a outra personaxe principal desta historia que se erixe como unha homenaxe narrativa á muller rural galega.

Estruturada en dous grandes bloques nos que a voz narrativa se corresponde con cada unha das personaxes amentadas, A madriña é un relato dúplice no que se conxuga pasado e presente, tradición e modernidade, lembranzas e realidades palpitantes do hoxe. Dunha banda, Lola, a madriña, unha muller nacida nos tempos da Gran Gripe, que padeceu a Guerra Civil e a desaparición do seu home nela, que tivo que sobrevivir a unha durísima Posguerra e que, sen perder o ánimo, soa ante o mundo, aínda ten folgos para arroupar e aconsellar a neta. Doutra parte, Tareixa, a neta, muller medrada no rural, chegada logo á cidade, vítima dun casoiro fracasado que rematou derivando nun episodio de maltrato psicolóxico continuado que a obrigou ao divorcio, do que tenta recuperarse regresando á aldea, ao carón da avoa e madriña.

Xunta estas dúas admirables mulleres, exemplo de loitadoras senlleiras, emancipadas, que son quen de se sobrepoñer aos máis duros golpes da vida e proseguir o seu camiñar en solitario, con afouteza e decisión, comparecen outros moitos personaxes que serven de complemento ou contrapunto ás súas historias: veciñanza, vellos namorados, outros parentes.

Mais o que importa en A madriña é o que nela hai dos sinais de identidade da escrita xenuína de Caramés Gorgal, que leva anos construíndo un macrotexto con trabes mestras ben definidas: a importancia da memoria, o papel decisivo da familia, a escrita de sensibilidade social, a problemática da liberdade e, polo mesmo, da identidade, en fin, a complexa articulación do individual e o colectivo.

A madriñaTodo espella nesta novela, que tivo o seu xermolo en dous contos previos (“Días de namorar”, 2009 e “Lola”, 2011) que foran distinguidos no Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares, historias que aquí se viron amalgamadas, amplificadas e diversificadas, ofrecendo unha obra de ambición maior, que soubo tamén recoller as augas doutros textos seus de motivos, temáticas, figuras e símbolos converxentes, como a escrita poética e narrativa previa na que o eido familiar foi central (velaí “No nome da nai”, 2007, Cuarto minguante, 2009 e “Ai, padriño”, 2011) ou a violencia de xénero constituíu o cerne (así en Dos días escuros, 2015).

A medio camiño entre a Mutter Courage brechtiana e o herdo de Te doy mis ojos de Bollaín, esta A madriña de Mª Carme Caramés Gorgal lémbranos a débeda impagable que a sociedade galega ten con tantas e tantas mulleres do noso rural, auténticas heroínas silandeiras, que foron a pedra angular das súas familias, resistindo contra vento e marea mil e unha penurias para sacar adiante a súa xente. De porparte, a novela é tamén un manifesto a prol da liberdade da muller, contra os abusos do machismo imperante, en xusta demanda dunha vida arredada de calquera imposición xenérica, digna e empoderada.

Quen se anime a A madriña descubrirá axiña a prosa de recendos líricos da autora, a súa habelencia para narrar seguido e ben, para afondar nas máis avesías espenucas psicolóxicas, retratar a Galicia do pasado século en diferentes épocas e recrear un fresco de personaxes, lugares e sucesos que se deixa ler con sumo agrado. Unha estrea novelística de mérito, que agardamos siga a cobrar forza en futuras entregas narrativas da autora.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 11-3-2018]

Advertisements