Versos ‘De catro a catro’

De catro a catroA primeira edición de De catro a catro (Follas d’un diario d’abordo), impresa en “Nós, pubricacións galegas e imprenta”, data do vinte e sete de marzo de 1928 e foi a única corrixida polo autor. En 1940 publicouse na Arxentina unha edición bilingüe galego-castelá, con tradución e limiar de Rafael Dieste e ilustracións de Colmeiro. A obra contou con numerosas reedicións e mesmo traducións e en 1972 saíu á luz co primeiro volume das obras completas.

Precisamente por tratarse dun clásico o seu é verse imprentado unha e outra vez, o que explica que aínda hai pouco El Patito Editorial dese á luz unha nova edición, para máis sinais bilingüe.

O que ofrece de novo este De catro a catro é, ao meu ver, tres engádegas de valor: primeiramente, a tradución ao castelán asinada polo poeta e narrador Luís Rei Núñez, cun resultado ben lucido que acomoda con habelencia a complexa poética do rianxeiro á fala cervantina; en segundo lugar, o feito de que esta edición se vexa vestida polas ilustracións a toda plana de Pablo Otero, que arroupan no visual uns versos ben suxestivos para o diálogo interartístico; e, finalmente, o primor material na execución do libro, un volume impreso a toda cor sobre papel cor óso de alta calidade e encadernación en cartoné.

Por tanto non poden brillar con máis relustro as composicións de Manuel Antonio, pois son idóneos tanto o ventrílocuo castelán que se procurou para a ocasión coma o artista encargado de trasladalo a imaxes e, por suposto, o artesán da ourivería fina do papel.

Propicia circunstancia esta nova edición do poemario para volver a un universo poético singular, vertebrado a modo de navegación, de viaxe marítima que devén unha aventura introspectiva, unha singradura na que o mar e a paisaxe, o tempo, a soidade, a noite e a morte son presenzas recorrentes.

De catro a catro convídanos a un periplo marítimo, un percorrido por un mar íntimo, unha viaxe iniciática de Ulises que é tamén unha aventura mítica á procura do descoñecido.

Manuel AntonioE este mar é o horizonte paisaxístico case único, un cárcere onde o ser humano vive o arredamento e o tedio. Manuel Antonio chega a identificarse con esta paisaxe, xa que a través dela comunica os seus estados de ánimo. Poucos elementos rompen a monotonía da viaxe: algún navío, o Sol, a Lúa, un bar costeiro. A paisaxe plana carente de cromatismo e a soidade cósmica transmiten unha sensación de estatismo, de tempo que non flúe, de viaxe cíclica, recordando o motivo do eterno retorno, e aí reside a grandeza destas páxinas.

O tempo circular, o mar cadaleito e os astros non indican xa o paso dos días, senón a constatación da volta ao punto de partida. É así que o tempo non existe e a vida é unha sucesión de navegacións lentísimas ata a morte. Este esencial antivitalismo, esta visión pesimista e triste que anuncia un certo extravío existencial configúrase nunha contemplación da noite que trae consigo a soidade cósmica (velaí “Sós”) e a presenza do barco en alta mar ao pairo. Porque o naufraxio é símbolo do fracaso, da decepción, do desencanto, por iso asistimos a un constante aceno de desgarrada despedida en cada cousa e, malia a todo, tamén hai intres para a saudade do mar (así en “Recalada”), pois o mar atrapa o eu lírico e unha parte del quédalle dentro.

Galano precioso, para facer ou facerse, esta edición bilingüe galego-castelá de De catro a catro, un arte-facto, un obxecto poético de estética admirable.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 25-10-2015]

Radiocrítica 9-6-2014

Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 9 de xuño en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva sobre Estrela do norte, de Luís Rei Núñez (I, 00:47); Onde viven os monstros, de Maurice Sendak en tradución de Xosé Manuel González (I, 6:27), Contos peregrinos, de Pedro Miguel Rocha (I, 11:50 e II, 0:00) e a Poesía galega, de Eloy Luis André en edición de César Camoira Vega (II, 5:30).

a          http://www.goear.com/embed/sound/35caca7

a         http://www.goear.com/embed/sound/24fe2fd

A illa de Moebius

O escritor que un quere ser e o que os lectores recoñecen. A vontade autorial fronte á aceptación comunal. Nesa encrucillada habita Luís Rei Núñez, narrador recoñecido e aplaudido pola crítica que, porén, ten manifestado en máis dunha ocasión que se sente, ante todo, poeta. Un poeta que publica novelas e relatos si, que entende esa súa outra escrita como unha parte tamén inseparable do seu ser literario, mais, no fondo, unha segunda pel, baixo a que latexa o animal de versos que este coruñés de crianza muradá é.

Así definida a súa circunstancia como creador non debería estrañar que fose a poesía o eido no que se estreou como escritor Rei Núñez en 1982, vinte e catro anos que viron agromar Para matar ao tempo, obra primeira tras da que viñeron Arca dos faiados (1985), A rolda invisible (1988), A casa na brétema (1994) e Alma mareira (2003).

Regresa agora Rei Núñez ao verso con Estrela do norte (colección Tambo, Faktoría K, 2014), un libro singular por canto recolle materiais de anteriores traballos seus, que foron aquí revisitados e reescritos ata darlles nova e moi diversa forma, textos aos que se sumaron naturalmente outras composicións creadas para esta obra.

O resultado é un volume amplo, dividido en cinco seccións e que supera o medio centenar de composicións, varias delas agrupadas en series, conseguindo unha arquitectura trabada tanto dende o estilístico coma dende o temático.

Hai nos versos de Estrela do norte vectores que ordenan o universo poético e conceden unidade ao conxunto. Un deles é o constante diálogo con outras voces líricas da nosa tradición e de espazos alleos. Rosalía, Pimentel, Iglesia Alvariño, Manuel Antonio, Álvarez Torneiro ou Díaz Castro, por citar só algúns nomes significados, conviven con Lorca, Eliot ou Whitman nunha camaradería literaria que inza os poemas de citas en homenaxe.

Doutra parte, tamén é un poderoso vector de forza o emprego de solucións versais que asentan na métrica de longa tradición, o emprego de xogos de rimas e estrofas ben definidas, que tanto aceptan o hendecasílabo de gaita galega coma o soneto amais moitas fórmulas de rítmica pautada, que achegan á materia creativa unha musicalidade evidente.

Tamén si, espazos temáticos como o mundo da infancia, os eidos do amoroso ou o intimismo radical e reflexivo acompásanse nesta Estrela do norte cunha dicción en non poucas ocasións de ambientación mareira, evocación nostálxica e pulo elexíaco.

Alalás, poemas sobre o cinematográfico, nenias en recoñecemento e mesmo acrósticos alternan entre cartas mariñas, bivaques de memoria e cómputos vitais nun estourar de suites, sonatas e muiñeiras que tenta atrapar os acordes e as estridencias dunha vida ora harmónica ora cacofónica, unha auténtica banda de Moebius onde todo vai e vén nun bucle complexo, espiral e labiríntico no que todos precisamos dun astro nordestino, unha Polar que nos guíe nesta noite da experiencia na que a procura dos diamantes que fulguran no escuro xustifica o vivir.

Estrela do norte, escrita de alento clásico e inusitada intensidade que nos lembra que hai en Luís Rei Núñez un poeta a considerar.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 10-6-2014]

No Condado do Crepúsculo

«Tengo la sensación de que en lugar de todo esto, a fin de cuentas una secuela, debería andar por el territorio ignorado de una novela nueva. Pero surgió antes la idea de una oxigenación viajando al País del Confín (…) En Tal, un servidor intenta poner ahora orden en el magma de apuntes de siete cumplidos días de observación. ¿Y la unidad del sistema métrico de la literatura no es la observación? ¿Y no nace la observación, a su vez, de la duda, que es, por tanto, la verdadera provincia de la literatura? De las dudas, pues, es la observación y de ésta al papel: he ahí la verdadera Ítaca de este viaje».

Con estas palabras reflexiona Luís Rei Núñez verbo do sentido último de Cita en Fisterra, o libro de viaxes de autor que no 2011 publicaba en galego Xerais e agora ve luz en castelán da man de Pulp Books, o selo cangués para o que o propio escritor traduciu o texto.

Cita en Fisterra é un septenario viaxeiro e, nese sentido, quen percorra as súas páxinas atopará cumprida razón da historia, actualidade e valor da monumentística e a paisaxística do ‘Condado do Crepúsculo’, vale dicir a ‘Costa da Morte (do Sol)’. Mais o libro de Rei Núñez é tamén unha esculca interior, escrita de radicación fisterrá, recordar dos amigos que a ese territorio se asociaron, tamén das historias, vivencia e memoranzas que, dende o individual ao colectivo, foron gravando a lume o adn dunha terra singular.

Lonxe de finchadas prosas en primeira persoa, hai na dicción de Cita en Fisterra un autor que acompaña e sabe ocultarse cando o relato, a historia ou a anécdota que se contan o precisan, un escritor que observa silandeiro, fidel cronista dun mundo avolto, complexo e fascinante que é, amais, o seu berce, a matria ou mandorla na que toda a súa existencia cobra sentido.

En galego ou en castelán, Cita en Fisterra de Luís Rei Núñez é unha aposta segura pola narrativa de calidade sobre paisaxes e paisanaxes xenuínas. Unha ledicia ver que Pulp Books tivo a sensibilidade de ofrecelo aos lectores da lingua veciña. Ogallá se visibilice como debe e cumpra o seu natural destino de buxola para novos viaxeiros ao condado crepuscular.

Radiocrítica

Dou comezo hoxe a unha nova sección do Criticalia á que decidín chamar ‘Radiocrítica’. Nela irei recuperando as emisións que se inseriron no espazo de comentario de libros de Ames Radio (107.2 FM).

En conversa coa xornalista Nazaret López e baixo o control técnico de Juan Luis Silva, en luns alternos co bo amigo e investigador Xosé Antonio López Silva, trazo unha panorámica do máis salientable, para o meu gusto, entre os títulos recentes e, cando a actualidade así o demanda, comento tamén outro tipo de circunstancias literarias.

Desta volta, na emisión do 11 de novembro, quixen determe en textos de Manuel Álvarez Torneiro, Berta Dávila (Parte I, 7’), Olalla Cociña (I, 8’15), Xavier Seoane (I, 9’20), Luís Rei Núñez (I, 9’50), Miguel Anxo Fernández (I, 12’30), Manuel Veiga (II, 0’45), Raúl Dans (II, 2’10), Xosé Ramón Pena (II, 3’25), Suso de Toro (II, 4’15), Valente (II, 5’), a revista Oink! (II, 6’15), Ramón Caride Ogando (II, 9’20) e Antonio García Teijeiro (II, 10’).

http://www.goear.com/embed/sound/57b0470

http://www.goear.com/embed/sound/68ceb01

Agardo que esta nova sección sexa do voso agrado. Boas (radio)lecturas!