Luís Valle gaña o Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

deliberacion III lueiro reyNa tarde de onte, na Sala A de traballo da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Carmen Carreiro, Luís Cochón, Mercedes Queixas e servidor xuntamos para decidir cal había ser o poeta distinguido este ano co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, certame mozo que, secasí, chega xa á súa terceira edición.

Carreiro é a alma deste premio, pois ela foi quen o ideou e quen o anima dende a presidencia da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe de Fornelos de Montes, terra do escritor, que tamén se comprometeu na organización dende o concello, pois é esta a entidade patrocinadora do mesmo coa axuda da Deputación Provincial e mais de Sotelo Blanco, selo que publica as obras gañadoras.

marcador lueiroXunto a ela, que actuou con voz e sen voto, Cochón, Queixas e eu deliberamos por espazo de dúas horas para ir peneirando entre os trinta e nove títulos que se presentaron nesta convocatoria, unha cifra que confirma a boa saúde do certame, no que se contou con poemarios de estimable altura.

Logo das correspondentes cribas, rematamos por escoller o orixinal presentado a concurso baixo o título As cicatrices do Sol e o pseudónimo Dylan Dog, curiosa máscara (remite a un famoso cómic italiano de Tiziano Sclavi considerado de culto entre os amantes do Fumetto Nero) tras da que, aberta a plica, resultou agocharse Luís Valle, poeta lucense cunha traxectoria importante que o levou a obter no 2008 o Premio de Poesía Caixanova coa obra A caída e no 2010 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor, aos que sumou ultimamente Caderno do mendigo, publicado por Barbantesa no 2012.

As cicatrices do Sol sorprendeunos pola forza simbólica dos seus textos. Hai nel un elaborado urdido no que van tecéndose fías dun a outro poema que remiten a conceptos clave que cómpre decodificar axeitadamente para a comprensión do conxunto: as raíces, os anxos, as espiñas, os cervos, os corvos e as pombas ou as babas e os caracois son algunhas presenzas que proporcionan a este territorio lírico unha consistencia significante alén do aparencial.

Gustou, tamén, a orixinalidade da imaxinería que sostén o poema, posuidor dunha singular dicción que moitas veces relanza os versos cara a unha entidade dialóxica intermedia á que a voz poética dirixe proclamas. Alentan as composicións nunha atmosfera oracular, mesmo por veces non dubidan en internarse nos eidos do profético, alzando a palabra para revelar verdades superiores que se enxergan ocultas e que desvelan a súa epifanía facendo que a plenitude solar disipe océanos de sombra.

luis_valleAs cicatrices do Sol déixase acompañar da mellor ascendencia, dende Iglesia Alvariño ata Blake pasando por Rilke, Eliot ou Montale. Hai aquí unha escrita que, xa dende o puramente gráfico, aposta polo desusado e que, vista na súa globalidade, transparenta unha sólida arquitectura onde as partes están ao servizo do todo e onde as remisións simbólicas e pragmáticas internas cohesionan fortemente o discurso.

Vai apenas unha mostra deste poderoso As cicatrices do Sol que o vindeiro 12 de abril se presentará, publicado por Sotelo Blanco, no marco da entrega do galardón ao gañador nas terras de Fornelos de Montes.

The lust of the goat…
William Blake

NA CUBA inclinada da verda-
de nos ósos acesos da
memoria, sangra a lingua-
xe. Unha ave cruza a paz do
libro en chamas; unha ave
sen plumas cruza o libro.
(Esfíase o nada, esgótase a
verdade) Avanzo en silen-
cio, coa pomba cravada na
espiña, e a espiña cravada
na terra, e a cova cravada
no libro. Vixío esa cabra
hipostática. O sentido da
luz ten o seu rostro.

Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Na tarde de onte tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.

Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.

Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.

Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.

Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos.

Para ir abrindo boca —pois o libro está previsto que sexa publicado por Sotelo Blanco Edicións en breve—, velaí vos deixo un dos poemas de Anamnese, boa mostra do faladoiro no que Ríos convoca os espectros de autores da súa predilección.

pecho as pantallas do computador e tento respirar o aire da realidade
ricoeur grita nos meus tímpanos
TI TAMÉN ES POSTHEGELIANA
a casa
o home esquecido
o can
a muller sen recordos
os nervios
o tempo
o poema
carver e tess
sentan nas cadeiras da cociña enfronte do portátil sen un convite formal
falan entre eles dos gritos nomes sabas e a ferida mortal como se non me visen
comprenden
explican
a recolección
a diseminación da intención motivo fin movemento causa acontecemento
coa naturalidade de quen se sabe eterno
beben o meu ribeiro en copas de champaña
e non me queda máis que sentarme a escoitalos no silencio do amencer
o fume do tabaco anubra a lámpada de baixo consumo
nas paredes esvaran pingas condensadas de palabras sen sentido
carver pide máis viño en cuncas de barro
o can quere unha tirita e o poema inacabado garda unha pausa
pregúntolle a tess se van quedar para abrir o sofá cama
e responde
eu só son unha convidada textual
viñen aquí para lembrarche os orgasmos do home esquecido
o tempo e a memoria deciden cando nos has escribir
  
 
 

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Na entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Este sábado 13 de abril, Fornelos de Montes, como París na célebre novela póstuma de Hemingway, era unha festa. Unha festa da poesía, da palabra entre amig@s, do pracer da lectura e do recordo polos que foron bos e xenerosos e sempre connosco van.

E velaí como dende ben cediño a banda de gaitas do concello percorreu as rúas da vila amenizando a xornada con seus acordes, música para os versos que logo resoarían nas lastras e casas grandes na celebración da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, organizado polo cámara municipal co seu alcalde Emiliano Lage Rodríguez á fronte e mais a benemérita Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, coa súa presidenta, a ubicua Carmen Carreiro, axudando a coordinalo todo para que nada fallase en tan sinalado día.

As moitas xentes que participaron das actividades tiveron tamén a oportunidade de adquirir novas lecturas, pois a pontevedresa Librería Paz desprazou un posto ata a localidade no que se ofertaron, amais do libro gañador do certame —o poemario As uñas crecen de Silvia Penas— todas as obras do escritor de Fornelos e moitas outras novidades editoriais de noso.

Os actos propiamente ditos deron comezo ás doce do mediodía, cando, no multiusos da vila, o alcalde, acompañado de parte da corporación, deu oficialmente a benvida aos asistentes e congratulouse publicamente pola ledicia que supuña poder presidir o acto de entrega da primeira convocatoria dun premio que, dende o seu propio nome, nacía coa vocación de lembrar e homenaxear a quen foi un dos máis senlleiros fillos do concello, que tiña na sala unha nutrida representación dos seus descendentes, entre a que se contaban varios dos seus fillos e netos.

A seguir, e logo da pertinente lectura da acta do xurado, tomou a palabra o profesor e ensaísta Luís Cochón, quen, en calidade de presidente do xurado do premio (que se completou cos nomes da crítica e investigadora Mercedes Queixas Zas e mais quen isto escribe, tamén presentes), fixo un completo retrato da figura de Lueiro Rey no que non faltaron as palabras que ao autor dedicaron outros compañeiros da escrita como, poño por caso, Uxío Novoneyra, facendo especial fincapé no que este representou para a sociedade a literatura galegas do seu tempo, memoria que se perpetúa con este premio que tan alta participación alcanzou xa nesta convocatoria primeira.

Inmediatamente despois, Olegario Sotelo Blanco, como editor responsable do volume gañador, quixo significar o mérito que para el supuña que un concello como o de Fornelos de Montes, no actual contexto, tivese feito o esforzo de botar a andar unha iniciativa coma esta, na que se honra un fillo querido do concello e un brillante escritor galego, á vez que amosou o seu incondicional apoio ao premio ao que desexou longa vida.

Acabada esta intervención, procedeuse á entrega do galardón a Silvia Penas Estévez, quen, amais do premio en metálico, recibiu tamén un diploma acreditativo e mais o primeiro exemplar de As uñas crecen, poemario acabado de saír do prelo de Sotelo Blanco Edicións co que a escritora se fixo acredora do premio. A viguesa pronunciou unhas palabras de agradecemento, nas que non esqueceu nin as entidades convocantes nin o xurado, pero que remansaron sobre todo no recordo do Lueiro Rey, a quen a poeta dixo admirar ata o punto de querer xunguir o seu nome ao deste co concurso no premio.

Tras a entrega, deuse paso á proxección dun valioso vídeo realizado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez e coordinado polo profesorado deste centro, con Óscar Martínez Iglesias á cabeza. Nel, os escolares da zona recitaron versos da obra de Lueiro Rey, confirmando coas súas voces noviñas que a escrita do seu paisano segue viva entre as novas xeracións daquel lugar.

Logo desta proxección, que gañou o aplauso acendido do numeroso público e familiares concorrentes, a gañadora deleitou á concorrencia co recitado, de cor, de dous longos poemas do seu libro, que tamén mereceron a admirativa resposta dos alí presentes.

Finalizadas as alocucións, e tras asistir á interpretación do himno galego por parte da banda de gaitas do concello, o alcalde despediu o acto animando a todos a apoiar coa súa asistencia vindeiras convocatorias do premio e convidou á veciñanza a un pequeno refectorio no que se serviu un viño galego e a os presentes tiveron tempo para falar de literatura en particular e de cultura en xeral na lembranza de Manuel Lueiro Rey, ilustre paisano que o pasado día 9 de abril estivo de aniversario natalicio.

Vaian os meus parabéns tanto para Silvia Penas, flamante gañadora do premio co excelente As uñas crecen que ben pronto estará en todas as librerías do país, coma tamén ao Concello de Fornelos de Montes e Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe quen, xunto a Sotelo Blanco Edicións, fan posible este pequeno gran milagre de dar á luz belidos versos en tempos tan sombríos.

Silvia Penas faise co I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Na tarde do mércores día 27 de febreiro reuníronse na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela o profesor e estudoso Luís Cochón, a ensaísta e investigadora Mercedes Queixas Zas e o titular deste blog como integrantes do xurado que decidiu o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, coorganizado polo Concello de Fornelos de Montes (municipio natal do escritor que dá nome ao certame) e mais a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, tamén da mesma terra. Coordinou a xuntanza Carmen Carreiro Montero, presidenta da amentada asociación, quen actuou como secretaria do xurado con voz e sen voto.

Logo dunha longa e intensa deliberación, chegouse ao fallo por maioría de votos, pois a calidade dos orixinais presentados —que alcanzaron a nada desprezable cifra de trinta e oito poemarios— fixo que houbese que acudir a sucesivas roldas de votacións ata declarar como gañador o traballo presentado baixo o título “As uñas crecen” e o pseudónimo “Rosa María Paramés”.

Tras a correspondente apertura da plica, a autora deste notable poemario resultou ser Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980), poeta galega que xa conta no seu haber con anteriores distincións en diversos certames e mesmo un libro de versos en coautoría con Elvira Riveiro Tobío titulado Biografía da multitude, volume co que obtivera o Premio Victoriano Taibo na convocatoria de 2009.

Tal como o xurado reflectiu na acta, o poemario de Silvia Penas “propón un discurso de fondo cuestionamento do eu lírico radicado nunha coordenada espazo-temporal ben próxima e identificable, onde a función social da escrita e as vivencias e pulsións sentimentais da voz poética se complementan acaidamente.”

Doutra parte, visto que as bases do concurso prevían a posibilidade de nomear un accésit, o xurado decidiu tamén distinguir como tal a obra presentada baixo o título “Sobol” e o pseudónimo “Difraccións”, recomendando a súa publicación.

A entrega do premio á gañadora levarase a cabo no transcurso dun acto que terá lugar no Concello de Fornelos de Montes a mediados do vindeiro mes de abril.

Pola súa banda, o texto gañador será publicado pola editorial Sotelo Blanco, selo que tamén dá á luz os galardoados do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, convocado este polo Concello do Grove, terra na que viviu durante moitos anos o escritor nado en Fornelos.

Vaia dende aquí a máis leda en hora boa a Silvia Penas e o saúdo agradecido @s restantes participantes, que tan gratos momentos de lectura proporcionaron neste I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.