A música das palabras

cedesliterariosPor fortuna, cada vez son máis numerosos os traballos nos que música e poesía galega se dan a man. Nos últimos tempos ten visto a luz unha notable cantidade de discos nos que son musicados temas literarios de noso, o que resulta unha agradecida sinerxía para ambas as partes, pois os músicos contan con letras de indubidable calidade artística para as súas pezas e, pola súa banda, as e os poetas poñen voz á súa escrita, vendo como cobran vida alén do papel.

Hoxe quero referirme a tres destes cedés nos que poesía e música son un todo lírico que nos lembra, máis unha vez, que, nas súas orixes, os versos todos dos diferentes pobos naceron para ser cantados e que é no canto onde se ven enfatizados os ritmos e cadencias que caracterizan harmonicamente os poemas.

Así acontece en Sedia la fremosa, o disco do grupo Manseliña que publica Lindoro, no que se recollen trece temas que recrean cantigas medievais e tradicionais do noroeste hispánico. Os catro compoñentes de Manseliña (a saber: María Giménez como voz do grupo e intérprete de fídula e percusión; Belén Bermejo co órgano portativo; Pablo Carpintero nos aerófonos tradicionais e percusión; e Tin Novio para o laúde e cítola) envolven en música varias cantigas de Martin Codax e Alfonso X e unha de Estevão Coelho, mais suman a esta lírica trobadoresca os ritmos da música tradicional incluíndo un alalá de Noia, unha cantiga de segada, un romance, un valse de Ribarteme, unha muiñeira de Ameixenda e unha cantiga do liño, entre outros. Por xunto resultan unha admirable fusión ou contrafacta que anoa músicas de diferentes ámbitos (o cortesán e o popular), reconstruíndo alí onde as partituras conservadas non ofrecían información como debían de soar estas cancións milenarias. Un traballo, xa que logo, para escoitar con deleitación, tanto pola magnífica voz de María Giménez coma pola sonoridade evocadora que todo o grupo consegue, transportándonos melodicamente ao fascinante mundo das cantigas de amor e amigo e dos cantos marianos.

Unha liña moi diferente é a que anima o disco Literaria, do cantautor ferrolán Miguel Alonso. Os once temas que compoñen o seu traballo parten de poemas de autoras e autores coetáneos, que van dende Marta Dacosta a María Castelo, pasando por Toño Núñez, Miguel Alonso Diz, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda Aldrei, Xavier Frias, María José Fernández e Xosé Iglesias. A música que os acompaña ensaia diferentes modulacións, que beben do pop e o blues, sen esquecer os toques rock e os aires soul. Un cedé, cómpre dicilo, no que á voz de Miguel Alonso (tamén guitarrista e intérprete de mandolina, piano, teclados, harmónica e loops) se suman a batería e percusión de Iago Blanco, o baixo de Suso Pereiro, o acordeón de Abel Pérez e coros e recitados de Irene Quinteiro, Óscar Martínez, X. M. Lago, Miguel Alonso Diz e Xosé Iglesias. Toda esta enerxía común e o crowdfunding previo fixeron posible que o disco cobrase vida nunha produción de autor, á que contribuíron tecnicamente Pequeno Desastre Records e mais Drum & Roll Studios.

Por remate, non quero deixar pasar a ocasión de recomendar tamén Lueiro, o álbum musical de Xardín Desordenado que edita Sul Producciones coa colaboración dos concellos de Fornelos de Montes e O Grove e mais da Deputación de Pontevedra. Neste traballo, os compoñentes de Xardín Desordenado (isto é: a prodixiosa voz de Marlene Rodrigues; Santiago Ferragud tamén na voz mais guitarra e composición musical; Isaac Garabatos á guitarra e nos arranxos, composición e produción musical; Lorenzo Boo co baixo; e David Outomuro nas percusións) poñen clave a oito poemas das escritoras e escritores distinguidos no Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e do autor que dá nome ao certame. Así, amais das deste, cántanse composicións de Eli Ríos, Silvia Penas, Isaac Xubín, Luís Valle, Antón Lopo e Marcos Abalde que forman parte dos poemarios cos que foron galardoados, o que asegura a variedade e calidade das letras que, con tanto ben como é adoito, interpretan os Xardín Desordenado.

Poesía para oír ou música para ler sonoramente, como se prefira. Moito e moi bo onde escoller mercé ás suxestivas e ben diversas propostas de Manseliña, Miguel Alonso e Xardín Desordenado, tres apostas gañadoras escóitense por onde se escoiten e léanse por onde se lean.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-4-2019]