Rituais

lorenasoutoUnha das voces das últimas xeracións poéticas que leo e releo decotío é a de Lorena Souto (O Páramo, 1983). O meu interese pola súa escrita naceu con Fase da trema, o poemario co que obtivo no 2012 o Premio Pérez Parallé, e continuou logo en infinidade de publicacións colectivas, revistas de creación e foros de expresión literaria nos que participa asiduamente. Revalido agora esa fruición lectora coa aparición de Coleópteros, a plaquette que publica Chan da Pólvora na súa colección Malaca de Fóra, capitaneada por outro imprescindible das nosas letras, Antón Lopo.

Coleópteros ofrece unha versión revisada dos textos cos que no 2017 Souto se fixera acredora do Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Unha ducia de composicións en verso longo ou versículo que “funciona como unha caixa entomolóxica de escenas, conversas e reflexións vinculadas á vida cotiá”.

E velaí. Hai na escrita de Souto unha ollada antisentimental da infancia no rural, un volver á orixe para explicar o corpo adulto que se (auto)disecciona, que se explora organicamente para entender o tempo, os ritos, a memoria.

Os poemas de Coleópteros son, pois, “improvisadas leccións de anatomía/ na miña infancia autárquica”, rituais oracións nas que a poeta confesa que “cando estou lonxe e volvo/ volvo sempre ao final dunha tarde de verán/ cando os coleópteros despregan as ás/ e as aves planean sobre a curvatura que deixou o río”.

A palabra aquí dinamítase. Procura o seu sentido na loita, agónica, co silencio. O micropoemario comeza e remata xustamente nesa clave: no principio, “aquí non hai palabras/ hai secreción hai terra os tempos do alcouve”; no remate, “aprendo a ler o silencio, o xesto quebrado, a ausencia”. O espazo que entre este comezo e peche de círculo media é a vida, as lembranzas, un eu que muda e se fai outro: “desfágome e aprendo a falar. outra vez/ a medida que rompo descoso reformo/ aquí. porque xa son outra”.

E velaí a razón do ritual, da metamorfose, da evisceración do ser para a refundación, a compresión omnímoda das raíces, do sangue da tribo que medra cauterizando as feridas, deixando á vista as cicatrices: “o mapa que che amoso está cuberto de palabras que non se din/ por iso teimo en traducirche a importancia dos rituais/ ti, a cambio, ensínasme a paladear ás escuras o tacto do que era ferida/ só por entender”.

Entender. O escuro. A voz outra, a voz do outro. Toda unha mitoloxía propia un “rastrexar as palabras”, un ir e vir de “vida a morte o alimento dos afectos” ata alcanzar o equilibrio telúrico da estirpe: “Eu recítoche en sagas mitolóxicas/ as maciras que plantou cada xeración/ e os nomes que delimitan espazos imaxinarios/ déixate estar/ mentres se esvaece a luz”.

Cun ben orixinal deseño gráfico, estes Coleópteros de Lorena Souto escintilan como xenuína etnoentomoloxía, un tratado dos recordos e as distancias, dos tempos e os lugares, do ser e a súa deconstrución e reconstrución. Rituais.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-2-2019]

Poetas no Pazo das Musas

Ateigado. Así estaba onte ás oito da tarde o refectorio do Museo Provincial de Lugo durante a celebración da nova convocatoria da revista oral ‘O Pazo das Musas’. Case dous centos de persoas encheron unha sala na que as cadeiras quedaron curtas e os corredores laterais e as portas de entrada ficaron literalmente invadidos por asistentes que, a pé firme, seguiron atentamente durante hora e media o transcurso desta nova entrega da revista.

Animada dende a Rede Museística da Deputación de Lugo e coordinada dende o 2004 por Antonio Reigosa, esta trixésimo primeira revista estivo dedicada monograficamente á lembranza e homenaxe de dúas figuras literarias que este 2012 viviron a súa efeméride centenaria; a saber: Manuel Leiras Pulpeiro, que nos deixou hai agora un século, e Celso Emilio Ferreiro, quen veu á vida xustamente cando o de Mondoñedo a abandonaba.

A música, o recitado, os videopoemas, as micropresentacións ou a radiofonía foron outras tantas artes que se deron a man para converter a xuntanza nun auténtico festival creativo, que fixo vibrar o público arrincando acendidos aplausos tras cada intervención.

Así aconteceu coa apertura musical de Pilocha, os seus diversos interludios entretecidos por entre as outras intervencións e mais a contraportada da súa voz, entoando temas de Celso Emilio nunha regalía sonora que emocionou a tod@s en composicións de Longa noite de pedra como “Espranza”, “María Soliña” ou o impresionante “Neno orfo con cabalos ao fondo”.

Do mesmo xeito, tamén agradou ao público a moi amena presentación que do proxecto ‘O son da nosa fala’ fixeron os locutores Tania Lombao e Paco Nieto, quen hai meses botaron a andar unha proposta de gravación de poemas recitados de Celso Emilio dende Radio Lugo na que acabaron por participar máis dun milleiro de persoas, non só do mundo da Cultura (que tamén), senón moitas xentes anónimas e mesmo persoas de fóra da nosa Comunidade que quixeron recitar, dende Xapón a Uzbekistán, os versos do autor de Celanova. Pois ben, tal como informaron Lombao e Nieto, todo este vizosísimo arquivo sonoro será entregado tras o día de Reis á Real Academia Galega, onde será custodiado como singular audiofondo.

Nesta mesma liña, aproveitando a presenza entre o público de bos coñecedores da obra de Leiras Pulpeiro e moitos lectores e admiradores da súa escrita, Lombao e Nieto convidaron os asistentes a ler un poema do autor co que principiar unha nova xeira do ‘Banco de Voces de Radio Lugo’, desta volta centrado na figura do mindoniense.

As múltiples lecturas gravadas que dos textos do de Mondoñedo se fixeron agromaron tamén da participación do alumnado e o profesorado do IES Leiras Pulpeiro lucense como rapsodas dos seus cantares e poemas longos, nun recital mozo que moito prestou a tod@s os alí reunidos.

O rexistro videocreativo non podía faltar na revista, así que o alumnado de 3º Ciclo do CEIP da Barqueira, en Cerdido (A Coruña), preparou unha entrañable montaxe de dous minutos de duración a partir do poema celsoemiliano ‘Deitado frente ao mar’. Esta achega complementouse co visionado do moi orixinal videopoema ‘Monólogo do vello trabador’, da autoría d@s tamén poetas Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira, quen o prepararan para o recital ‘Ergueremos a esperanza’ celebrado o pasado mes de abril na Universidade de Deusto (velaquí o é).

Entremedias de todo este gurgullar artístico —do que podedes consultar o índice clicando na imaxe que figura ao pé deste parágrafo—, quen isto escribe tivo a honra de dicir dúas palabras sobre a vida e obra dos escritores homenaxeados, convidando o público a recuperar a lectura dun Celso Emilio integral (non unicamente lírico-social) e un Leiras Pulpeiro de plena actualidade (tanto dende o anco do literario coma tamén dende o seu exemplo cívico de cidadán admirable).

O epílogo a tan feliz xornada púxoo Encarna Lago, xerente da Rede Museística, quen se congratulou pola consolidada andaina da revista e a homenaxe a Leiras e Celso Emilio.

O Pazo das Musas, excepcional celebración onde as haxa, contou coa axuda no deseño gráfico e animación dixital do Equipo Tatata e tamén da complicidade de moitas persoas que, dende o propio Museo Provincial ata outros ámbitos, fixeron posible o seu desenvolvemento. Mais é de xustiza salientar que antes, durante e despois de cada pequeno treito do camiño estivo decote o ombreiro puxante dun infatigable Antonio Reigosa, alma mater dunha iniciativa senlleira  á que desexamos moitos lustros de permanencia.