Loisista, sempre

Nordesía (Lois Pereiro, 1-7-2018)Hai máis de vinte anos, poucos meses despois de el se nos ir, escribín sobre Lois Pereiro que os seus eran “poemas de amor e morte, esperanzados pero feros, arestados embates do corazón que sofre, que ama e loita contra a fatalidade dun destino adverso e destrutivo”, pero que, á fin, “ofrecen un alento solidario que cifra no amor á especie humana, no sacro valor da amizade, a salvación e superación do final biolóxico do individuo creador”.

Sigo pensando, no esencial, o mesmo que hai dúas décadas. Talvez porque a poesía de Pereiro lograra entón conmoverme fondamente, abraiado pola modernidade dunha escrita que xa daquela estaba nunha dimensión outra de todo o que ía publicándose.

En Pereiro aprendín o eclecticismo integrador de obras, nomes e culturas, que igual dialogaban con Carver que con Valèry, Dillinger e Chiapas, Octavio Paz e Rilke, os simbolistas e románticos alemáns e o Baghavad Gita, Sartre e Camões e aínda Joyce e Hölderlin. Todo para crear un mundo de persoal e inconfundible selo, no que tamén tiña cabida o ensaio e un afouto experimentalismo formal e temático.

A súa foi decote unha escrita “sudario de radicalidade e precisión lírica”, unha obra na que, como el deixou dito, “hai desolación, hai soidade, mais tamén hai desexos de vivir, hai amor. Non amor con maiúsculas. O amor que se vive habitualmente. E esa tenrura que sinto polas persoas que amo, que sempre permanece”.

Por iso, cando souben da aparición de Poesia ultima di amore e malattia (1992-1995), a tradución ao italiano do seu derradeiro e máis coñecido poemario, Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), regresou a min a lembranza do sismo interior que provocara a súa primeira lectura. E quixen volver lelo. E prestoume, moito, facelo a través da voz ventrílocua de Marco Paone, quen lle deu vida na lingua do Dante, el, que tamén é poeta ademais de excelente tradutor.

A Poesia ultima di amore e malattia (1992-1995) vén á luz no seo do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia, do que é director Paone. Foi alí onde se xestou este volume, que tirou do prelo Aguaplano (www.aguaplano.eu), responsable dunha edición exquisita, magnificamente impresa.

As composicións de Pereiro vertidas ao italiano acompañáronse de dous textos prologais de mérito. Dunha parte, o brillante proemio que baixo o título “Il ragazzo che scriveva dietro agli specchi” (“O rapaz que escribía tras os espellos”) asina Manuel Rivas, autoridade na biobibliografía do poeta, do que foi tamén grande amigo. Doutra banda, o precioso e preciso estudo introdutorio “Oltre la vita, oltre la morte” (“Alén da vida, alén da morte”) que rubrica o propio Paone, valioso guieiro para se aventurar na volcánica escrita do monfortino.

Como grato colofón, esta edición engade un capítulo coas traducións ao italiano das abondosas citas dos poemas de Pereiro, que incorporou ás súas composicións textos en francés, alemán, portugués, castelán e inglés, o que dá idea do cosmopolitismo da súa escrita e tamén do mérito do traballo de Paone, quen non só tivo que esforzarse por acomodar a complexidade semántica e retórica do autor, senón tamén as numerosas alusións e homenaxes, máis ou menos explícitas, que encerran os seus versos.

O resultado de todo este afán é unha óptima Poesia ultima di amore e malattia (1992-1995), que nos dá a alegría de ver trasladada a un novo idioma a escrita dun Lois Pereiro que xa fora antes traducido ao catalán, éuscaro, castelán, inglés e búlgaro.

Estou seguro de que en todas esas linguas os que o xa leron houberon de experimentar unha conmoción semellante á que agora vivirán os que o gocen en italiano, a mesma vibración que eu experimentei hai vinte anos cando visitei estes poemas por vez primeira, un estremecemento que me gañou sen reservas e que levo dende aquela como unha divisa: loisista, sempre.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 1-7-2018]

Efervescencias poéticas

Miriam ReyesDei gorentoso remate á lectura de Punto de ebullición, antoloxía de poetas galegos das últimas xeracións publicada no prestixioso selo hispanoamericano Fondo de Cultura Económica a través da súa filial madrileña.

Punto de ebullición é unha escolma bilingüe na que os orixinais galegos son vertidos ao castelán pola tamén poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974), unha das voces máis recoñecidas da escrita peninsular do novo milenio.

Videopoeta e artista multimedia, Reyes deixou os eidos ourensáns con oito anos para marchar a Venezuela, onde estudou Letras na Universidade Central. Regresou logo a España e, tras residir en diferentes cidades, acabou instalándose en Zaragoza. Dende alí deu a coñecer algún dos poemarios máis suxestivos dos tres últimos lustros, como Espejo negro (2001), La bella durmiente (2004), Desalojos (2008), Yo, interior, cuerpo (2013) ou o moi recente Haz lo que te digo (2015), publicados en ben afamados selos: Hiperión, Bartleby, DVD Ediciones.

Responsable da elección, tradución e prólogo desta “Antología de la poesía contemporánea en callego”, Reyes achega ao lector en castelán quince poetas que escolma entre os creadores da Xeración dos 80, a Xeración dos 90 e aqueloutros que se revelaron a mediados da década pasada.

Decididamente interxeracional, politemática e mulitestética, Punto de ebullición observa, exquisitamente, o equilibrio xenérico e incorpora propostas de oito escritoras e sete escritores, abondo diverxentes na súa aposta autorial e aos que, de querer verlles algún punto de contacto, talvez só podería sinalárselles a súa patente vontade de anovar e abrir novas landas para a poética de noso.

Punto de ebulliciónXosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias, Ana Romaní, Manuel Outeriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado son, cronoloxicamente dispostos, os quince nomes dos que se espigan textos, todos eles tomados de libros xa coñecidos, agás un poema de María do Cebreiro que se publica por vez primeira aquí.

Reyes salva con oficio o difícil transo de verter a unha lingua outra a palabra poética. Neste sentido, máis alá de consideracións de matiz perfectamente discutibles (poño por caso, se é fiel ao noso “balbordo/ da escuma” o “murmullo de la espuma” e similares), cómpre subliñar o coidado labor de acomodación da responsable da escolma, quen ofrece ao público castelán unha lectura da escrita orixinal non só respectuosa, senón moi ben axeitada.

Canto ao prólogo, ha cumprir tamén coas expectativas de quen, dende outras coordenadas culturais, queira coñecer o curso da poesía galega de 1975 ata os nosos días, pois as principais liñas de forza deste camiñar son salientadas con acerto pola editora. Secasí, para min son de especial interese os breves pero moi ben perfilados parágrafos dedicados a caracterizar a poética dos diferentes autores antologados, onde Reyes amosa ser unha poeta de moi fino espírito crítico.

Unhas nótulas biobibliográficas mínimas pero moi informativas completan esta selecta que arredonda as trescentas páxinas, onde cada poeta achegou arredor dunha decena de textos, un libro editado con sumo gusto polo Fondo de Cultura Económica mercé ao deseño de (sobre)cuberta de Armando Hatzacorsián e as fotografías de (sobre)capa de Miguel Saavedra.

Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego é un moi loable mosaico que cómpre agradecerlle a Miriam Reyes, ourensá de raíz, que non esquece a verba matricial e a regala, plural, a quen pola súa voz queira coñecernos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-7-2015]

Red Lois, proud Lois, sad Lois

Teño de vello querenza pola escrita e a figura de Lois Pereiro, sempre tan anticonvencional, tan radical e esencialmente allea a modas e estéticas acomodadas.

Esa é, seguramente, a razón pola que, ao pouco de se nos ir, cando a revista barcelonesa Quimera andaba a preparar un especial sobre literatura galega que, finalmente, viu luz por maio-xuño do 97, dediquei boa parte dun artigo que daquela se me pedira a glosar a súa poesía.

Hoxe, pasados tres lustros, sigo subscribindo o que entón manifestei, ao que apenas se faría mínimas matizacións. Por iso mesmo volvo agora compartir —traducidas do castelán ao galego— aquelas reflexións sobre a súa biopoética, unha das máis lúcidas e fondas de toda a literatura galega do século XX. E velaí:

«A poesía de Lois Pereiro aparece compilada en dous únicos libros Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, que constitúen practicamente toda a súa obra coñecida. Posuidor dunha singular voz, a súa obra é o resultado dun crisol de temas e de formas que apostan sempre pola apertura a outras literaturas, outras culturas, outras linguas. As citas en inglés, francés ou alemán e as referencias a autores e obras das distintas tradicións literarias europeas salferen as súas composicións, polas que desfilan Thomas Bernhard, Peter Handke, Paul Celan, Yeats ou Eliot, a carón de Ovidio, Shakespeare ou Quevedo. Tampouco as creacións doutras artes son alleas á súa arquitectura poética, onde se dan a man músicos como Mahler e cineastas como David Lean, Win Wenders ou Eric Rohmer.

Son os seus poemas de amor e morte, esperanzados pero duros, arestados embates do corazón que sofre, que ama e loita contra a fatalidade dun sino adverso e destrutivo (o do propio poeta, morto a causa do mal da colza).

O eclecticismo integrador de obras, nomes e culturas (Carver, Dillinger, Chiapas, Octavio Paz, Valéry, os simbolistas e románticos alemáns e ingleses, Bousoño, o Baghavad Gita, Rilke, Sartre, Camões, Joyce, Hölderlin…) crea un mundo de persoal e inconfundible selo, no que tamén hai lugar para o ensaio, en pequenas doses, de certo experimentalismo formal e temático.

Poesía, en fin, como salvación, como “sudario de radicalidade e precisión lírica”; poemas nos que, en palabras do autor, “hai desolación, hai soidade, pero tamén hai desexos de vivir, hai amor. Non amor con maiúsculas, que non é máis que unha palabra, senón amor con minúsculas. O amor que se vive de xeito cotián. E esa tenrura que sinto polas persoas que amo, que sempre permanece”. Poemas que ante o inminente crepúsculo vital que acompañou o autor durante a redacción do seu testamento lírico, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, ofrecen un alento solidario que cifra no amor á especie humana, no sacro valor da amizade, a salvación e superación da fin biolóxica do individuo creador».

[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 17-5-2011]

Apuntamentos para una cartografía lectora de Lois Pereiro

Cando un engarra na poesía de Lois Pereiro unha das impresións de maior impacto que recibe é a do oceánico caudal de lecturas que agochan os seus versos. Son tantas e tan variadas as fontes literarias que gravitan sobre dos poemas que causa admiración o extraordinario tecido de citas e de homenaxes, de re, contra e postescritas que asolagan as pregas todas da súa poesía.

Pereiro foi un lector voraz, atreveríame a dicir que case compulsivo. Ben poucas tradicións próximas, contados períodos literarios e escasos grandes autores da contorna europea lle foron alleos. Viviu proxectado nas súas lecturas, foi un con elas, porque o camiño das palabras que o precederon e lle eran coetáneas foi o vieiro polo que, naturalmente, agromou a escrita propia.

Quen desembarque nos palimpsestos literarios —felizmente posprocesados e feitos propios— que son Poemas 1981/1991 (1992), Poesía última de amor e enfermidade (1995) e Poemas para unha Loia (1997) descubrirá ata que punto ler a Pereiro é deixarse sorprender por unha particularísima loxa literaria que presta a palabra ao seu irmán para que este module o verso ata atopar a súa singular, xenuína e incomparable voz.

Seguir lendo

Lois Pereiro reloaded

Unha escolma é sempre un vitral a través do cal ollar a luz que deita a escrita dos autores.

E como escaparate, como crisol no que atesourar as luzadas todas do lostreguear lírico do incomparable Lois Pereiro, a Antoloxía poética que asina o xornalista e poeta Daniel Salgado é miradoiro privilexiado.

Ideada como amplo e representativo mostrario do conxunto da produción do monfortino, a selecta de Salgado vai antecedida dun elaborado estudio introdutorio no que repasa non só os principais socalcos que caracterizan a súa obra poética e aínda narrativa, senón tamén outras circunstancias que teñen que ver coa recepción desta, así como coa súa inserción no momento literario que a viu xurdir.

Neste sentido, son especialmente reveladoras as palabras do editor cando afirma que Pereiro “na literatura do seu tempo, enfrontouse á morte e aos poetas profesorais, incorporou as tebras postindustriais á súa escrita, desprezou a indolencia política nos seus pares, denunciou a quen pretenden allear o poema do sangue e da carne”.

Preciso, suxestivo e lúcido, Daniel Salgado ofrece nesta Antoloxía poética de Lois Pereiro un catálogo textual que satisfará por igual a estudantes e curiosos e mais a lectores avezados.