O holandés Leo Lionni (1910-1999) medrou cando neno rodeado de artistas e fascinado polos animaliños. Súa nai fora cantante de ópera, seu tío Piet era pintor e el pasaba as horas coidando dun pequeno terrario que convertera no seu particular parque xurásico a escala.
Non é de estrañar, pois, que cando se fixo adulto se dedicase profesionalmente a dirixir a parte artística de varias publicacións e que, a punto de facer o medio século, decidise pór palabras e imaxes sobre o papel, recollendo nel as fantásticas historias que contaba aos seus netos.
Así naceu o seu primeiro libro, Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, durante unha viaxe en tren na que fora recortando anaquiños de papeis de cores para enredar a imaxinación dos pequenos da familia. Logo virían unha chea de obras máis e a fama e recoñecemento unánimes, que fixeron dos seus títulos auténticos long sellers que pasan de xeración en xeración.
Entre nós ten sido a viguesa Kalandraka a que popularizou as historias de Lionni para as noviñas e noviños. A casa máis grande do mundo, Frederick ou Nadarín son outros tantos títulos traducidos do autor, quen en moitos dos seus textos escolleu ratiños como protagonistas das súas modernas fábulas.
É este o caso do relato O soño de Matías (Matthew’s Dream), que agora publica o selo de Vigo en versión de Xosé Manuel González Barreiro, quen xa se encargara de traducir outros libros deste artista para a editora.
O argumento deste O soño de Matías preséntanos un rato cativiño, fillo dunha familia moi humilde, que, logo dun momento inicial de indecisión e a raíz da súa primeira visita a un museo, decide que, de maior, quererá ser pintor. A partir deste momento o mundo de Matías, que así se chama o roedor, cobra sentido e as cores, as formas e os volumes ordénanse para dar paso a un cadoiro de posibilidades pictóricas que o levarán a converterse nun famoso artista admirado pola comunidade múrida.
Esta historia agrada grandemente tanto pola vistosidade das súas ilustracións, cheas de cor e máxicas colaxes, coma pola aparente inxeleza e segura positividade da súa mensaxe textual, que para os máis novos e novas ha representar un convite á superación persoal e a aposta polas ilusións futuras, pero que tamén poderá ser lido polos adultos como unha reflexiva parábola sobre a definición mesma do concepto de arte e a súa interpretación á luz do propio proceso creador.
Álbum de calidade contrastada, por tanto, este O soño de Matías de Leo Lionni, unha colorista e soñadora declaración da fascinación pola creatividade e firme vontade de mellora traducida con moito ben por González Barreiro.