Radiocrítica 20-1-2014

Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM).

Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Dessertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo R. Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).

       http://www.goear.com/embed/sound/1ac4b3f

a     http://www.goear.com/embed/sound/69c7a75

a     http://www.goear.com/embed/sound/d151d24

Treboada desértica

Hai uns meses saudei con agradable sorpresa a publicación de Dessertstorm, o minilibro no que os poemas da catalá Laura Luna e as fotografías do compostelán José María Picón deixaban claro que o seu era un transfundir artístico bidireccional de probado interese.

Pois ben, hoxe quero facerme eco da grata nova de que xa foi publicado Dessertstorm II, obra que continúa as liñas mestras visotextuais que Luna e Picón deixaron xa ben perfiladas na primeira entrega: exploración sentimental, amatoria e de problemático conflito no poético e captación dos claroscuros, da pel habitada e do contraste obxectual dérmico no fotográfico.

Luna e Picón convidan a ollar a contraluz, a sentir a hímnica dos corpos vulnerados, na demanda da tenrura que apaxe tanta corga vencida, tanto esterno cangado, tanto lombo percorrido nun cendal bélico de psique acurralada que se revolta ante a imposición das bandeiras.

Brevemente prologado por Fernando M. Cimadevila, con traducións ao catalán dende o castelán pola propia Luna (revisadas por Xavier Cifre Quatresols) e ao galego por David Cortizo, esta nova entrega do proxecto Dessertstorm dá a razón ao que o biógrafo de ambos os autores, Toni Bascoy, di deles no epílogo á obra: que Picón é quen de facer as cousas máis interesantes e epifánicas e que Luna sabe dende nena da importancia de perseguir unicornios e, sobre todo, de contar da súa procura. Tal dispendio de orixinalidade non podía menos que cristalizar nunha treboada desértica tamén inusual á que non pode deixarse de lle botar enriba un ollo, ou dous.

Tormenta da pel

Verdadeiramente orixinal é a proposta fotopoética que Laura Luna e José María Picón achegan en Dessertstorm, volume trilingüe galego-catalán-castelán autoeditado e prologado por Xavier Cifre Quatresols con biografías dos autores de Toni Bascoy.

Os poemas breves de Luna acompasan as instantáneas de Picón para ofrecer un diálogo onde o erótico e o antibélico se dan a man nunha singularísima poética do corpo e as súas feridas.

Os espidos femininos cos que se ilustran as páxinas figuran percorridos por pequenas reproducións a escala de tanques, jeeps e outros vehículos militares que simbolizan ese esmagar da pel —a loucura e o acabamento que as guerras fan tanto da ánima coma da materia que a sostén— e a témera vivencia do terror, a anguria e o desvalemento.

Avanzan, pois, por estas planas os carros de combate ao ritmo dos “tambores sedentos”, perfilando “tecidos de invasión” que negan o auxilio e condenan os individuos á extinción, arrastrándoos á contemplación horrorizada dos “restos de corpos que un día se axitaron/ a outros compases felices”.

Como queira que este moi interesante Dessertstorm, polo que cómpre transmitir parabéns a Laura Luna e José María Picón, é feliz obxecto artístico pensado tanto para ver como para ler, deixo aquí o correspondente enlace para que se goce desta suxestiva tormenta de pel e lañas bélicas.