A cociña onírica

Maurice Sendak (1928-2012) é un dos grandes da ilustración da segunda metade do XX. Este neiorquino, que nos deixou aínda hai pouco, ten recibibo os galardóns máis importantes no mundo da creación infantoxuvenil, como o Premio Andersen ou o Astrid Lindgren, e é unánimemente recoñecido como un dos nomes que revolucionou o xeito de entender o álbum ilustrado nos tempos modernos.

De entre a moi prolífica produción de Sendak, hai dous títulos que sobrancean: Onde viven os monstros e Na cociña de noite, ambos os dous vertidos para o galego nos pasados meses por Xosé Manuel González.

Na cociña de noite é un álbum que me interesou pois dáse nel unha mestura de humor e onirismo infrecuente, anoada nun adozado de imaxinativa inocencia que non refuga a transgresión nos modos e mesmo nas imaxes. Tanto é así que os inxenuos espidos do neno protagonista ergueron no seu tempo certa problemática para a reproducción e distribución desta obra, emporiso provista dun candor natural que en absoluto xustifica aquela retrógrada reacción inicial.

Na cociña de noite atrapa pola fantasía das solucións narrativas, mais tamén polo suxestivo das ilustracións, nas que Sendak soubo aproveitar iconas cinematográficas como a de Oliver Hardy (o máis groso dos que entre nós foron sempre coñecidos como O Gordo e O Fraco), rostro que caracteriza os tres pasteleiros que, xunto ao neno protagonista, son os personaxes principais deste relato.

Os moi afectos ao xénero recoñecerán porén outras presenzas, como a homenaxe visual ao Little Nemo in Slumberland de Winsor McCay, pois hai en Sendak unha narración da memoria, da nenez e o seu mundo de ensoñacións que arrinca dese común pouso que alimenta a maxia do inxel infante.

Ben recomendable, con certeza, este Na cociña de noite, de Maurice Sendak, agora ao alcance do lectorado galego da man da referencial Kalandraka.