Ser da Illa

Teño para min que a voz de Josep Lluís Aguiló é unha das máis sonoras da poesía en lingua catalá dos últimos lustros. Libros como L’estació de les ombres (2004), Monstres (2006) ou Llunari (2008) confirman o que digo, como tamén o fan os numerosos galardóns que recibiu e as abondosas traducións das que foi obxecto.

Por tanto, a aparición de Banderes dins la mar en edición bilingüe catalán-castelán da man da prestixiosa Colección Visor de Poesía non é senón a consecuencia lóxica dun camiño poético ascensional, que o autor leva andando dende hai tempo e que dá con el por segunda vez no selo que dirixe Chus Visor, o que non é mérito menor, pois son poucos os poetas que poden presumir de ter varios volumes editados nesta referencial colección.

Banderes dins la mar vai acompañado da correspondente tradución ao castelán de Francisco Díaz de Castro, tamén el poeta, ademais de crítico e profesor da Universidade das Illas Baleares, quen xa trasladara os versos de Aguiló noutras ocasións ―poño por caso en Monstruos y otros (2014)―, o que fai deles un binomio poético onde o entendemento e a percepción creativa espellan en froito sempre celmoso.

Estes poemas de Aguiló son unha sorte de atlas lírico do ser antropolóxico insular. A Mallorca de nacenza e residencia do escritor é o obxecto poético e columna vertebral do seu libro, que incorpora outros textos complementarios en diálogo coa que é, como digo, a súa trabe mestra: a cartografía histórica, xeográfica, cultural e espiritual da illa.

O propio título, Banderes dins la mar, é xa un sintagma ben entrañado, pois forma parte do cancioneiro tradicional illego: “Mumareta meva, dau-me berenar/ que es corsaris vénen i me n’he d’anar./ En una barqueta partiré d’Artà/ a posar banderes enmig de la mar”. Logo del, o conxunto de poemas ocúpanse da morfoloxía e hábitat da illa, a personalidade e peculiaridades dos seus poboadores, os seus hábitos sociais e comportamentais, relacións cos foráneos, ritos e mitos e mesmo tipoloxía e lendas.

Cunha metafórica soberbia, chea de imaxes poderosas e unha musicalidade de superior harmonía os versos de Aguiló van tecendo unha mesta arañeira de evocacións, reflexións e intuicións que chegan ao cerne mesmo da idiosincrasia insular, dalgunha maneira epítome universal, tamén singular e diferenciada tribo con xenuínas especificidades.

Cómpre ler este Banderes dins la mar e deixarse arrolar pola marea lírica que Aguiló nos propón, aprehender a complexa relación interior/exterior, insular/continental, radicado/estranxeiro, identificado/apátrida que esta obra traza dende todos os puntos de vista posibles. É un exercicio de ductilidade mental necesario, tamén un gozo para o padal poético.

Como ben sendo adoito en todo o que sobre Aguiló escribo, remato hoxe anosando uns seus versos como escaparate improvisado dunha estética de excelencia literaria que recomendo con entusiasmo. Á fin, ler boa poesía é a mellor maneira de sementar bandeiras no mar da beleza. E velaí “Da lingua da Illa”, tan ben pensada para o idioma balear que case parece escrito para o noso galego: “O seu idioma é endémico,/ dificilmente clasificable/ e de ben complexa aprendizaxe./ A oralidade e xestualidade/ da lingua teñen que cravarse/ no entendemento do falante/ como dardos de astucia irónica.// Os neófitos teñen que ser quen/ de distinguir no interlocutor/ o significado do que di,/ o que quere que pensen que pensa,/ o que realmente pensou/ e o que desexaría dicir se non/ fose da illa e crese inxenuamente/ que é posible sobrevivir/ sen se converter nun enigma”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 30-7-2017]

O monstruario poético de Aguiló

Teño querenza, dende hai tempo, polos versos do poeta mallorquino Josep Lluís Aguiló. Souben del vai para unha década, cando se fixo co Premio da Crítica ao mellor poemario en lingua catalá polo magnífico Monstres (2006), do que mesmo cheguei a traducir daquela uns poemas para o suplemento ‘A rama no aire’, que coordinaba o tamén poeta e pintor Anxo Pastor.

Por tanto, que agora a súa poesía reunida sexa traducida ao castelán pola prestixiosa colección Visor baixo o título Monstruos y otros non me produce sorpresa ningunha; antes ben, coido que non é senón a consecuencia natural dunha moi sólida traxectoria na que, alén do libro amentado, sobrancean obras como La biblioteca secreta (2004), L’estació de les ombres (2004) e Llunari (2008), textos todos que se compilan neste novo volume e que constitúen, xunto aos xuvenís Cants d’arjau (1986), a opera omnia dun autor sobresaliente.

Nos versos de Aguiló hai unha dicción substantiva, depurada de adxectivacións espurias, un discorrer en relanzos versais que gusta da música dos sintagmas, das alusións a espazos míticos de sonoro nome e, sobre todo, dunha arquitectura que emparenta, naturalmente, co poema discursivo, case narrativo, onde son gratas as referencias a espazos exóticos e lonxincuos, tantas veces imaxinarios, territorios da palabra que outros escritores bautizaron.

Os monstros literarios, os días do amor, os instantes fugaces nos que un misto se acende ou unha estrela esmorece, os pazos ocultos da memoria, as caravanas que cruzan os desertos, os paralelismos imposibles, a épica aérea, as parasitas e as normas do labirinto, a estática televisiva e letal, o cabo dos contos e os genii loci, os ollos de Argos, as flores de algodón, os espellos de tinta e o absurdo do Paradiso son algúns dos moitos motivos poetizados por Aguiló, poeta ao que tema ningún lle é refractario.

Monstruos y otros é tamén unha inmensa caixa de resonancia na que reverberan ecos amigos, dende Baudelaire ata Blake pasando por Shelley, Rimbaud ou Llul, nunha variación estesa e ubérrima que fai da arxila dos mestres devanceiros na cantería da verba unha sorte de Santa Compaña cómplice que Aguiló codifica nunha simbolística de particular selo: as unllas dos mortos, os mapas fantasma ou os tigres imaxinarios.

Foi un acerto, e grande, que os responsables de Visor contasen cun tradutor tan experimentado como o poeta e crítico profesor da Universidade das Illas Baleares Francisco Díaz de Castro, quen asina neste Monstruos y otros un traballo óptimo, pleno de achados no difícil transvase dunha poética como a de Aguiló, inzada de referencias culturais e cunha selección lexical moi vizosa no seu catalán baleárico.

Se, como escribe Aguiló, “la poesía/ sólo es ese poso que se queda/ una vez se ha olvidado este poema”, quero eu pensar que algo tamén de convite lírico ha quedar unha vez que ti, que andas agora nesta liña, remates de ler o comentario, que non pretende senón convencerte de que a literatura que verdadeiramente paga a pena acaba por traspasar todas as fronteiras ata ofrecérsenos, como neste caso, en traducións tan acuradas como Monstruos y otros da Colección Visor de Poesía, unha inmellorable ocasión para abeirar nunha das escritas máis sólidas da Insula Maior, a terra na que as columnas áureas de Randa sosteñen o universo orbe.

                                                          [El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 30-6-2014]