A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

XIII Premio de Poesía Díaz Jácome

Unha mañá ventosa pero cálida acolleu no día de onte a entrega do XIII Premio Díaz Jácome para nov@s creador@s no salón nobre do Concello de Mondoñedo. Un certame, cómpre lembralo, que se ten consolidado nos últimos anos como todo un referente no descubrimento de novas voces da nosa escrita, pois nel foron distinguidos autoras e autores que xa son unha realidade asentada das nosas letras, como acontece con Estíbaliz Espinosa, Elías Portela, Diana Varela Puñal ou Xosé Daniel Costas, entre outr@s.

Que Mondoñedo é terra de letras onde as haxa é verdade incuestionable a estas alturas, así que as autoridades que presidiron a mesa non puideron menos que lembrar, máis unha vez, o especialísimo dunha celebración desta natureza nun enclave tan privilexiado. Así o fixo Antón Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, mariñao de nacenza, quen tivo palabras para recordar a importancia da literatura e a cultura en momentos tan difíciles como os que socialmente estamos a atravesar, citando para demostralo os célebres versos de Novoneyra para quen a forza do noso amor non pode ser inútil. Do mesmo xeito, o catedrático da USC e expresidente da RAG Xosé Ramón Barreiro Fernández quixo chamar a atención sobre o papel fundamental d@s creador@s en tempo tan avolto, destacando o que de máis comprometido ten de seu a escrita literaria. Por último, o alcalde da cidade, Orlando González, congratulouse por tan feliz xuntanza, invalidadora da negra profecía maia e confirmadora dun futuro brillante para as nosas letras na palabra da premiada e dos premiados.

Tivo o acto na persoa de Gil Ares o seu presentador natural, quen salientou a presenza no mesmo de moitos familiares do autor que dá nome ao premio, entre eles o seu fillo Juan Ramón Díaz, director xeral do grupo de comunicación La Capital, así como tamén do pleno da corporación e diversas outras personalidades da cidade.

Nesta ocasión, @s galardoad@s alzáronse cos premios entre un moi nutrido grupo de participantes, sendo escolleitos por un xurado que tivo nas persoas de Félix Villares, Xosé Manuel e mais Aurea Ramil os responsables do fallo.

Anxo Mena Rodríguez, poeta e oceanógrafo da UVI natural de Carral, quen recentemente obtivera tamén un terceiro premio no concurso da A. C. Rosalía de Castro de Cornellà, foi quen desta volta conseguiu o primeiro por “Comezando a loita”, conxunto lírico no que sobrancea a mensaxe socialmente comprometida para un discurso estético que engasta as imaxes extraídas do eido do científico en versos de acesa rotundida amatoria.

Da súa parte, o pastoricense Jesús Castro Yáñez obtivo o segundo dos galardóns por “Paisaxe con afogado”, que sumou a distincións anteriores como o Premio Minerva ou o Xela Arias. As súas composicións conxugan telurismo, xogo simbólico e predominancia da temática amorosa nunha poesía de destino dorido con consciencia plena do instante e sabia mestura da tradición e a modernidade.

Finalmente, unha novísima María Elena López González, de apenas dezasete anos, fíxose co terceiro premio polo seu poema “Poñentes”, un novo chanzo na súa traxectoria autorial, na que xa contaba tamén co Premio Minerva ou o Trapero Pardo, entre outros. Na súa escrita resoaron con forza os recendos mareiros e lunares que tradean toda unha poética de intimismo sonoro e musical con preferencia polos ambientes nocturnos e, xaora, o amoroso como cerna do dicir.

Tamén si, no transcurso do acto, moitos dos asistentes tiveron ocasión de verse agasallados polo impresor mindoniense Fernando López González, quen fixo alí entrega dunha pequena alfaia literaria xurdida da man do poeta que dá nome ao premio. Un fermoso tarxetón contendo unha felicitación natalicia en forma de vilancete poético foi o galano a través do que se recuperaba un texto descoñecido de Xosé Díaz Jácome escrito nos anos 50 co destino de parabenizar os seus máis íntimos e familiares, o mesmo que figura ao pé destas liñas e que podedes ler comodamente se clicades na imaxe, versos cos que, quen isto escribe, quere tamén felicitar estas datas a tod@s @s que por aquí vos achegades asiduamente.

Literatura novel

De paxaros e outros minerais é o título co que se publican os poemas e relatos gañadores do XXXVIII Premios Literarios Minerva, concedidos o pasado mes de maio e convocados polo prestixioso Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela.

Cómpre chamar a atención, máis unha vez, sobre a importancia dun certame coma este, dos máis antigos de Galicia (leva celebrándose dende 1963) e, sobre todo, canteira inesgotable de novas promocións literarias, pois nestas últimas décadas foron sendo premiados nos Minerva moitos nomes hoxe ben referenciados no noso panorama editorial: Xosé Antón Neira Cruz, Olga Novo,  María Reimóndez, Samuel Solleiro, Roque Cameselle, Berta Dávila, Lucía Novas, Eva Moreda, Lucía Aldao… e, ben antes deles, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Anxo Rei Ballesteros, Suso de Toro, Xavier Queipo…

Nesta ocasión, o Minerva distinguiu o verso cultista e surreal de Jesús Castro Yáñez nos textos que dan nome ao volume; as composicións coloquialistas e irónicas de José I. Ramos Castelo na súa “Oda á Cafeína” (quen tamén foi premiado na modalidade de narrativa polo intimista e delicado “O factor humano ou a vida privada dos pronomes”); os poemas metaliterarios de Daniel Martínez Mariño en “Lingua franca” (tamén presente no apartado de narrativa cunha homenaxe kafkiana ben humorada, descritivamente titulada “Transformación”); as poesías do eu asediado e anticursi de Jéssica Amado Dosil en “Tritetricismos de corpo morto”; a escrita pronominalizada e antisistémica de Alfonso F. Traficante Fernández en “Grotesque” ou a musa urbana, paralelística e francófona de Sabela Rodríguez Lorenzo.

Mais tamén se recollen aquí relatos de interese certo como “Talento por encargo”, de Brais Lamela Gómez, sarcástica historia sobre o mundo dos falsarios promotores artísticos; como as “Crónicas do cotián”, de Marta González González, debuxo dun mundo violento cheo de psiques atormentadas; como, en fin, a imposible viaxe de retorno ao cor da infancia que latexa en “Viaxe ao corazón”, de Óscar Rivero Salgado.

Os interesados en saber de nomes que, con certeza, poderán dar que ler entre nós nos próximos anos farían ben en facerse con este De paxaros e outros minerais, editado e distribuído pola Editorial Galaxia, que suma así ao seu catálogo as voces primeiras destes prometedores autores noveis.