Radiocrítica 29-6-2015

radio_amesVelaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 29 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López da peza de teatro Raclette de Santiago Cortegoso (0:08); do poemario Inventario do prohibido de Luz Campello (8:20); do volume de ensaios A conxura do Capitán Gosende de Calros Solla (16:45) e do álbum infantil O xardín de Irene de Xosé Neira Vilas (25:10).

Audio 1

Advertisements

Vilares de Poesía Labrada

luz campelloTiña noticia de Luz Campello García dende hai certo tempo mercé a varios bos amigos guitiricenses. Investigo, agora, e descubro que xa no 2005 gañara o Certame de Poesía da Irmandade dos Centros Galegos de Euskadi co poemario Muller, que logo editou No corazón da terra (2009) baixo os auspicios da Asociación Cultural Xermolos e aínda a plaquette Do xardín que agora pisas (2010) da man da Concellería de Cultura de Culleredo. Secasí, o meu primeiro —e ledicioso — contacto coa súa escrita prodúcese a través da lectura de Inventario do prohibido, o volume que Miguel Anxo Fernán Vello integra na prestixiosa colección Poesía de Espiral Maior, camiño xa dos trescentos títulos.

Campello García padece dun mal bieito: o determinismo biopoético tribal. A autora non naceu en calquera lugar, veu ao mundo na parroquia de Labrada, contigua á dos Vilares de Parga, de onde proceden os seus devanceiros. Medrou, por tanto, á sombra benéfica da memoria do Poeta fundacional da lírica daquelas terras e, aínda que os seus versos non teñan moito de diazcastrianos, é evidente que as airexas nimbadas son tamén para ela unha ascendencia grata.

inventario do prohibidoAsí pois, Campello García vén sumarse coa súa voz a un coro guitiricense e vilarego cada vez máis numeroso, no que se contan Marica Campo (presentadora de Inventario do prohibido en Guitiriz a primeiriños deste mes de San Xoán), Xavier Lorenzo Tomé e José Lorenzo Tomé (o último tamén estes días con novo libro no mercado: Delourando os días, publicado por Axóuxere), Xacobe Sánchez Quintela ‘Jaki’ (que deu a coñecer Delta hai nada) ou Xosé Antón Cascudo, entre outros.

As case tres ducias de composicións de Inventario do prohibido repártense en cinco seccións que xiran, dende complementarios enfoques, arredor dun monotema: a afirmación xenérica a través da denuncia da subalternidade da muller e a reivindicación do seu lugar. Dende os propios títulos dos poemas pasando pola escolla das marcas de xénero gramatical hai en todo o libro un transparente posicionamento que refuga da caterva falócrata e das inercias androcéntricas.

A poeta rebélase, négase á invisibilidade invertebrada que pretende para a muller o machismo imperante, esixe ser desaprendida, moito máis que submiso cero á esquerda, libre de prendeduras, desglaciada e impenitente. Para iso, amósase completamente núa, sabedora de que as súas reclamacións son como un berro tatuado, a soberanía das invencibles, eus emancipados que afincan nunha cartografía cismática.

presentación Inventario do prohibidoNin teitos de cristal nin cúpulas de Nefertiti: mulleres poliédricas, voces sen voz que procuran a súa reverberación igualitaria, apóstatas dos credos que as relegan ao plácido reino do fogar, das mainas cocedoras do pan. Adeus á mater castisima, amabilis, admirabilis, boni consilii. A de Labrada teno claro: “nin puta/ nin monxa/ nin tola/ nin naiesposa/ nin corpomatriz/ nin casamuller/ nin mullermazá/ nin corpo escindido/ nin sexo violado/ nin goce/ usufrutuado/ nin unha prendedura máis”.

Vai neste Inventario do prohibido moito das irmás maiores que foron marcando roteiros: a Olga Novo dos enxertos das mazairas, a Yolanda Castaño erofánica, a Marica Campo balterizadamente rebelde, a Xohana Torres tamén a navegar, as poéticas do corpo de María do Cebreiro e as deconstrucións históricas de Chus Pato, alén de abondas outras visións, dende o queer de radical reformulación ata as teorías da identidade ciborg.

Hai modo de saber máis e mellor sobre este Inventario do prohibido de Luz Campello García: o mergullo a pulmón nos seus versos. E, para os que precisen de escafandro, recomendo o formidable prólogo de Eva Veiga, “De luZ a lúA”, peza para ler e reler.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 28-6-2015]