Entre miserias e alegrías

interferenciasHabía ben tempo que Manuel Seixas non regresaba á actualidade literaria para nos ofrecer unha nova proposta narrativa. Aínda non dera a volta o século cando soubemos del por última vez e comentamos a interesante Bailarina (1999). Logo, o deserto da voz, un baleiro que apenas se mitigaron as súas incursións poéticas ―Diario de Ausencias (2001)― e a súa literatura musical ―o disco en solitario Presentimento (2001) e mais as gravacións coa Neuroband que se chamaron Microse (2004), Proceso amniótico (2011) e, aínda hai nada, Verde (2015).

Por tanto, é xa un feito positivo que Seixas retorne, sobre todo cando o fai para brindarnos Interferencias, suxestiva novela curta que publica a que vén sendo a súa editora de cabeceira, Xerais, quen lle concedera o premio homónimo en 1996 á súa narración A velocidade do frío.

Interferencias é a historia de dous personaxes, María e Xosé. Ela, fisoterapeuta nunha residencia en Vilagarcía. El, profesor nun instituto da mesma vila. Ela, orfa e solteira, ten para alugar o segundo andar da súa vivenda unifamiliar. El, divorciado e senlleiro, procura un novo espazo no que reconstruírse como persoa. Ambos os dous, náufragos dun pasado violento que desexan deixar atrás definitivamente.

O encontro destes personaxes redefinirá as súas circunstancias vitais, axudaralles a reinterpretar o seu pasado e, sobre todo, abrirá unha esperanza a un luminoso futuro en común. Mais a realidade é complexa, a vida arrastra limos do camiño andado e as dificultades son sempre sombras ominosas.

Interferencias é, neste sentido, unha novela sobre a identidade e o destino, sobre a capacidade de vencer a natureza propia, unha sorte de fatum caracteriolóxico do que cómpre escapar. Eros e Tánatos enfrontados e, ao seu redor, as forzas positivas da amizade e as negativas da premente sociedade.

O resultado deste choque de enerxías é unha historia de amor que soergue do seu abatemento os personaxes, frustrados no inicio, ancorados nunha vida zombie que comeza a darlles unha tregua no mesmo instante que se coñecen, pero que ao final reclamará tamén o seu óbolo.

manuel seixasTodo este fluír de paixóns encontradas nárrao Seixas co saber ao que nos ten adoito, engastando capítulos breves, lóstregos de prosa que se suceden nunha continuidade de engrenaxe en perfecto mecano, mostra da pericia que é quen de desenvolver o autor á hora de tecer os fíos dun relato que intriga dende a primeira páxina, pois un vai ficando atrapado na curiosidade por saber qué vai ser deses dous personaxes que semellan empeñados en recuperar o temón das súas vidas pese a todo.

Como nunha constelación de soles secundarios, en Interferencias orbitan tamén outros corpos temáticos de indubidable interese, como a reflexión a propósito dos tratamentos médicos nos centros de saúde ou vía farmacopea, a soidade da vida urbanita moderna e outros que fan desta novela un retrato non sempre amable da sociedade dos nosos días, especialmente atinada á hora de describir algúns dos males que nos atoan: “A dor física como evidencia da cara dura do mundo. A dor psíquica como constatación da insufríbel dor que causa en ocasións pretender estar no mundo. Ser no mundo. Ser e estar no medio de miserias e alegrías”.

Venturosa nova, por tanto, esta da volta de Manuel Seixas ao panorama literario galego con Interferencias, unha novela que agradará pola súa capacidade para levigar as grandes cuestións daqueloutras realidades pulverulentas que tantas veces nos distraen do que de verdade importa e o escritor vilagarcián tan ben sabe retratar.

[Faro de Vigo, 5-11-2015]

Letras escolleitas

Mosaico cos libros destacados do 2015Traspasada a soleira do aninovo, acáelle facermos reconto do que o ano vello nos deixou literariamente, separar o gran da palla e gardar no celeiro o mellor e mais madurecido froito.

No eido da narrativa, o 2015 que se nos foi agasallounos con media ducia de títulos sobresalientes. É o caso desa homenaxe ao mundo dos libros, a liberdade e os soños que Manuel Rivas nos lega en O último día de Terranova. Tamén da historia de descubrimentos que mergullan nun pasado ilusionado e afinca nun presente rabudo que Antón Riveiro Coello debuxa en Os elefantes de Sokúrov. Evidentemente, o Eros e a Política que gobernan a revolución bolxevique de Inesa Armand e Lenin na Ostrácia de Teresa Moure, intensa alegoría de nós. De igual maneira, a memoria colectiva do Vigo que foi e que é e mais a peripecia familiar inzada de escuros segredos que Fran P. Lorenzo asina en Cabalos e lobos. Tamén si, a recreación do feraz universo trobadoresco que Manuel Portas deseña en Lourenço, xograr, avolto territorio de pugnas monárquicas, tiranías clasistas e amores non só corteses. Por remate, igual as Interferencias de Manuel Seixas, recuperado para a escrita pública tras un longo período de silencio que ve a luz ao final do túnel con este seu poderoso relato sobre a identidade e o destino.

O verso tamén brillou con forza o pasado ano. Fulgurou na (meta)poética dixital de Fran Alonso no seu vivificante Poetic@. Ardorou nesa cartografía hibridada entre o emotivo e o cognitivo que debroca na intuición pura en Zonas de tránsito de Ramón Neto. Espellou na estética disidente e subversiva de Elías Portela e o seu Bazar de traidores. Irisou en O que precede a caída é branco de Oriana Méndez, himno á esperanza silandeira, ao rumor rebelde do océano que agarda polo tsunami operario. E, xaora, eclosionou na epifanía cosmogónica, a revelación da raíz que tradea a poesía skáldica de Manuel Rivas en A boca da terra.

biblioteca america uscO teatro de noso vive horas difíciles, escasas. Emporiso, a calidade da súa escrita dramática está salva. Confírmao a metafísica sinfónica, o menos é máis contra o capitalismo cínico e hipócrita que berra Santiago Cortegoso en Smoke on the Water. Tamén as imaxes imantadoras, as personaxes agónicas e o fatum irremediable que todo o arrastra en Ela, piedade dos suicidas (Baía), do poliédrico Xavier Lama.

Houbo ceifa abondosa tamén na agra do infantoxuvenil. De entre o moito sementado, préstame espigar o onírico de imaxinación desbordante co que María Solar inzou O meu pesadelo favorito. Tamén o terror albo que arrepía en A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, mestría na arquitectura do relato ao servizo de poderosas pulsións. Por descontado, a recuperación do noso acervo lendario na recreación versal e a refacta relatística de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa en Lendo lendas, digo versos.

Ano de seca, ano de seda. Así foi para deixarnos páxinas farturentas coas que seguírmonos acompañando neste 2016 que agora escomezamos e ao que haberá que lle pedir, ao seu tempo, que renda non menor proveito.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-1-2016]