Andamos nos comezos dun novo ano e coido que un xeito inmellorable de botar a camiñar por el pode ser tentar responder unha serie de preguntas fundamentais: ¿que queremos dicir, exactamente, cando falamos de ‘nación’?; ¿hai diferentes tipos de ‘nación’?; ¿cales son as marcas que a definen? e, o máis importante para o noso caso: ¿é Galicia unha nación? Co moi revelador título de Identidade e afectos patrios Ramón Villares reúne unha decena de longos artigos sobre estas cuestións nun volume que edita Galaxia e que constitúe, ao meu ver, unha lectura imprescindible para ben aquilatar a interpretación de tan sensibles e problemáticas realidades.
Seguindo o ronsel deixado polos estudos culturalistas e a súa provisión de construtos ou artefactos culturais, Villares supera a visión factual das análises históricas para debrocarse nos procesos de construción no tempo dos acontecementos e determinar o seu significado e interpretación social; dito noutras palabras: do que se trata é de “narrar a nación”, estudar como se tece toda unha mesta rede de tradicións e símbolos cos que se identifica unha comunidade e que acaban por xerar unha arañeira de emocións e afectos aos que adoitamos chamar ‘patriotismo’ na adhesión a unha “comunidade imaxinada”.
Dende esta perspectiva, Galicia sería para Villares unha “nación-cultura”; ou sexa, un territorio cunha “personalidade cultural moi afirmada” que reside “na súa matriz antropolóxica e cultural, máis por ter asumida unha memoria histórica colectiva que por posuír unha conciencia nacional galega”. En consecuencia, a “nación galega”, sempre segundo o historiador chairego, “pode recoñecerse en hábitos aparentemente elementais, pero profundamente interiorizados desde o punto de vista civilizacional, como a relación coa natureza, nas formas de mesa, no modo de celebrar as festas, na posesión dunha lingua de seu”.
Por tanto, o obxectivo último destes ensaios non é outro que o de “analizar os procesos de construción deses símbolos e valores, onde se advirten ademais momentos de mutación, de re-significación e, naturalmente, dunha funcionalidade cambiante”.
¿Que cales son eses momentos de diáclase histórica? Aqueles aos que dedica a súa atención en cada un dos artigos: as fronteiras políticas e os muros simbólicos na relación Galicia-Portugal; a cuestión do celtismo galego; a loita simbólico-social irmandiña; o papel político-identitario xogado por Xelmírez; a importancia da creación de símbolos como o himno ou a bandeira polas comunidades galegas en América; o emblemático rol do bardo céltico encarnado por Pondal e aínda o interpretable sentido da sublevación dos heroes/mártires de Carral.
Como se bota a ver, esta revisión de momentos axiais da nosa Historia pretende pór de relevo a “vontade de forxar unha comunidade política e cultural poboada por mitos propios e por referentes que axuden a crear esa comunidade imaxinada”, que é, en gran medida, unha “enxeñería cultural” que contribuíron a crear Vicetto, Murguía, Risco, Otero Pedrayo, Castelao e tantos outros que “construíron ou ‘lavraron’ unha imaxe de Galicia”, vale dicir: unha nationis imago malia o que ―ou mellor, xustamente polo que― sostiña Cunqueiro: “Galicia é un país ahistórico, cos pés no río Leteo”, pois, a pesar do innegable peso da súa base etnocultural identitaria “expresada na lingua, no territorio, na paisaxe e, sobre todo, nun arsenal de valores comúns (familia, relixiosidade, morte, natureza)”, en moitas máis ocasións do que sería desexable os seus individuos parecemos esquecer este herdo que nos configura e nos define, por máis ‘líquido’ e mutable que nos pareza no presente contexto globalizado.
A acuidade nas aproximacións e o luminoso do seu escalpelo interpretativo, a erudición e largueza nas fontes documentais das que se provee, mais tamén a magnífica prosa coa que traslada os máis densos pensamentos fan deste Identidade e afectos patrios de Ramón Villares un libro que debe lerse para comprender, cabalmente, quen fomos, quen vimos sendo e en quen podemos dar.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 7-1-2018]