Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 22 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras de Álvaro Cunqueiro El año del cometa, Vida y fugas de Fanto Fantini e Flores del año mil y pico de ave (00:50); de Atravesar a fantasma, de Carlos Callón (6:40), da Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (11:00) e de Ícaro, de Federico Delicado (16:25).
Arquivo por etiquetas: Ícaro
Paseriformes
A historia de Ícaro é a dunha feliz metamorfose: a dunha familia humana que devén paseriforme. O libro co que Federico Delicado gañou o VII Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados convocado por Kalandraka non só é un meritorio traballo pictórico, senón unha tenra narración na que o amor e a liberdade traman todas e cada unha das fermosas secuencias destas páxinas.
Alén das sutís ilustracións do álbum —óleo, cera e carbonciño mesturados en distintas proporcións para crear planas de fermosa luz esvaída— hai en todo o relato un pouso de serenidade e asunción ilusionada do porvir que resulta balsámico, motivador.
Este canto á diversidade e o anticonvencionalismo que é Ícaro, coas reminiscencias do mito clásico e Kafka ao fondo, é un belo álbum traducido do castelán que convida a ver máis alá do aparente e a soñar, o que, nos días que corren, é a mellor das menciñas.