Taishi Asaka

taishiAs voces do Finisterrae levan a súa luz ata o País do Sol Nacente. Velaí o pequeno gran milagre literario: poder contemplar como unha parte da nosa mellor escrita cobra nova vida na lingua nipoa. Que as creadoras e creadores galegos poidan ser coñecidos polos lectores de tan arredado Oriente non é algo fortuíto. Constitúe o froito do labor entregue e xeneroso de quen é, sen dúbida ningunha, o noso mellor taishi, o noso máis xenuíno embaixador (que iso é o que significa en xaponés taishi) naquelas terras: o profesor, tradutor e ensaísta Takekazu Asaka.

Asaka tomou contacto con Galicia, a súa cultura e lingua a finais dos anos setenta e viaxou á nosa terra por vez primeira a principios dos oitenta. Dende aquela, a súa paixón pola nosa lingua e literatura non parou de medrar e o noso idioma foi un dos investigados na súa tese sobre lingüística comparada de 1985, estando presente tamén na súa docencia de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Toquio.

A este nipogalego debémoslle a publicación en xaponés de importantes traballos lingüísticos como a súa Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversación en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), unha monografía sobre As linguas de España e Portugal (2005) e unha Nova gramática galega (2016 e 2018).

Mais o eido no que Asaka ten traballado con máis dedicación é, con certeza, o da tradución poética. Mercé aos seus esforzos hoxe poden lerse en xaponés os Seis poemas galegos (1993) de Federico García Lorca, os Cantares gallegos (2002 e 2009), Follas novas (2018) e os Contos da miña terra (2014) de Rosalía, así como Os eidos (2017) de Uxío Novoneyra.

A estas excelentes versións suma agora a tradución íntegra do poemario A rosa de cen follas (Hyakuyō nô bara) de Ramón Cabanillas, un libro orixinalmente publicado polo cambadés en 1927 que representa o cume da súa lírica amorosa, xa parcialmente presente en libros anteriores como No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).

takeEsta edición do profesor Asaka reproduce o texto galego ao carón da súa translación nipoa e dispón como apéndice un amplo vocabulario con aquelas palabras que poden resultar máis complexas para o lector xaponés. Ao tempo, engade tamén unha escolleita bibliografía sobre Cabanillas e a súa poesía e dous textos breves coa biografía e currículo do tradutor. Enriquecendo todas estas achegas figura un valioso limiar do académico Francisco Fernández Rei, tamén el cambadés de nación e especialista na obra caballineana. Nestas páxinas ofrécese un moi acaído compendio da poesía de tema amoroso do autor e, asemade, proporciónanse as principais claves para entender a importancia de A rosa de cen follas no conxunto da súa produción e a plausible recepción da que foi merecente dende un punto de vista histórico-literario.

Cabanillas foi, como deixou dito Ricardo Carballo Calero, un ‘poeta total’ que cantou á loita acendida, ao imo extremo, á saudade perenne, á mítica propia, aos costumes do pobo, ao fero combate anticaciquil, á musa transcendente e aínda ás paisaxes e paisanaxes todas. En palabras de Álvaro Cunqueiro, o seu nume atendeu por igual “aos santos, os heroes, os amadores, os mariñeiros, os labregos, os mendiños, as rosas, o viño, os piñeiros, o mar e tamén á esperanza humana e aos soños”. Que toda esta regalía poida agora ser lida polo público xaponés grazas á dilixencia e ao extremo talento de Asaka é unha beizón que nunca seremos quen de agradecerlle o suficiente.

Galicia, a súa lingua e a súa literatura existen no Xapón porque alí está o noso taishi Takekazu Asaka, eminente profesor, consumado tradutor e, sobre todo e ante todo, bo e xeneroso amigo das galegas e galegos que o consideramos un de nós, e dos mellores.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 4-8-2019]