Mentres escribo estas liñas teño cabo min un libro miúdo, deses que os clásicos chamaban de formato dun oitavo. É a segunda entrega dunha colección que no seu día patrocinaran as deputacións, a Biblioteca Básica da Cultura Galega. Neste caso, o deseño de cuberta de F. Mantecón e M. Janeiro amosa unha serie fractalizada de rectángulos sobre un fondo azul do que apenas se destacan o título e o autor: A Historia, Ramón Villares.
Aquel pequeno libro de 1984 foi para min un descubrimento. Dei con el por recomendación dun benquerido profesor do bacharelato, R. Cabanillas Redondas, quen me insistiu, vivamente, na conveniencia da súa lectura. Corría o outono de 1985 e habitaba en min toda a curiosidade do alumno arroutado dos catorce anos, leña verde que conta con entender o que aínda non é quen de comprender cabalmente.
Mais, alén da razón lampexa a intuición. E o sentimento. E algúns vagalumes de intelección, abondos para decatarme de que aquel libro falaba de Nosoutros, do que fomos e somos e queremos ser. E quen mo contaba era, segundo aclaraba o limiar, un profesor da Universidade de Santiago do que entón nada sabía, pero que me engaiolaba coa súa prosa dúctil ao relatarme un pasado que, ata ese momento, fora para min unha nebulosa.
Cunqueiro deixou escrito que, sendo rapaz, o seu “gran encontro” co país galego foi o achado nos corredores do Instituto de Lugo do mítico mapa de Domingo Fontán. A Historia de Ramón Villares foi o meu mapa de Fontán, os anteollos cos que aprendín que a Terra hai que lembrala, pero tamén pensala e, sobre todo querela, aínda que sexa co rigor crítico da ciencia.
Aquela primeira edición reimprentouse unha ducia de veces e foi traducida a outras linguas. Unha nova versión, ampliada, publicouse no 2004 baixo o título Historia de Galicia, sempre da man da Editorial Galaxia. É esta a edición que, revisada e mellorada, dá a coñecer o selo vigués na súa división Mar Maior, onde aparece en tradución ao castelán polo propio autor.
Quen non tivese aínda a oportunidade de ler este volume fundamental na historiografía e no pensamento galego do noso tempo ten de se facer, por forza, con esta nova entrega. A formación da Gallaecia, a Galicia altomedieval e da Era Compostelana, a crise baixomedieval e a Galicia do Antigo Réxime, a decadencia do XIX e a alborada modernizadora do primeiro terzo do XX, pero tamén a Galicia actual dende os anos da Guerra Civil ata os da Autonomía van sendo degraídos por Villares neste valioso ensaio, que tamén dedica reveladoras páxinas a Lucus Augusti como cidade ben murada, as orixes britonienses de Mondoñedo, a Compostela de Xelmírez, a Pontevedra de mercadores e mareantes, o Ferrol cidade arsenal, a Coruña liberal e republicana, o Vigo novísimo rico e anglófono, o Ourense da Xeración Nós e a Buenos Aires máis galega.
Ler a Villares nesta Historia de Galicia é adeprender a mirar o mundo noso con outro celme. Sabernos montañeses de Estrabón, comprendernos no milagre do Camiño, atoparnos nas revoltas irmandiñas e no milagre do Rexurdimento, tamén nos fugaces soños republicanos e mesmo no soerguemento dunha nación-cultura tantas veces negada. Para contarnos os camiños que deixamos andado, mellor cartografía non pode haber.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 14-6-2015]