Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

Do noso rizoma literario moderno

Ao ritmo ao que se suceden as investigacións e descubertas do patrimonio literario agradécese que, de cada canto, haxa novos manuais que se debrucen sobre a diacronía da nosa escrita para compendiar o que dela imos sabendo. Á parte, as novas correntes metodolóxicas e hermenéuticas posibilitan tamén asedios alternativos a ese pasado que, por forza, han de ofrecer reveladores ancos dunha realidade que cómpre revisitar periodicamente.

Estas razóns abondan para xustificar a pertinencia da Historia da Literatura Galega do profesor e crítico Xosé Ramón Pena, que chega agora á segunda entrega da man de Xerais co transparente subtítulo De 1853 a 1916. O Rexurdimento. Por tanto, este volume acomete un repaso integral a todo o producido dende a publicación do libro A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos ata a presentación pública (a xuntanza constitutiva fora un ano antes) das Irmandades da Fala.

O manual de Pena salienta entre os do seu xénero por dous motivos: primeiro, polo amplo e actualizado tratamento da obra das principais voces do período e, en segundo lugar, pola extensa exposición da realidade política, cultural e sociolingüística na que se desenvolve a escrita deste tempo, con profusión de datos, circunstancias e procesos históricos, ideolóxicos e mesmo periodísticos que axudan a mellor comprender o contexto no que se desenvolveu a literatura galega daqueles anos.

Extremos como a determinación de ata que punto o Rexurdimento foi ou non un movemento de pegada romántica, de se pode (ou debe) considerarse escrita literaria galega a producida en castelán no Prerrexurdimento ou onde teñen de se situar as bisagras periodolóxicas desta época son, ao meu ver, do máis interesante e orixinal na achega de Pena, quen aposta forte aquí para revisar (pre)conceptos e inercias que viñan funcionando ata o de agora como perniciosa crítica hidráulica. A Galiza histórica de 1853 a 1880 e de entón ata 1916; as coordenadas lingüísticas e culturais do Prerrexurdimento e o Rexurdimento pleno; o Rexurdimento como conceptualización e o que nel influíu o Provincialismo e a renacenza cultural, coa súa continuación no Rexionalismo; o labor dos cuberta historia da literatura galega IIPrecursores; o legado de Rosalía, Curros e Pondal e a lírica entre dous séculos de Lamas Carvajal, Benito Losada, Manuel Leiras Pulpeiro, Evaristo Martelo Paumán, Florencio Vaamonde Lores ou Alberto García Ferreiro; e, tamén si, a prosa anterior ás Irmandades (Antonio López Ferreiro, Lamas Carvajal, Xesús Rodríguez López, Xan de Masma, Luís Otero Pimentel, Heraclio Pérez Placer, Francisco Álvarez de Nóvoa) e o teatro rexionalista (a Escola Rexional Galega de Declamación, a obra de Galo Salinas e compañía) son os aspectos dos que se ocupa, in extenso, este volume, que remata cunha xenerosa bibliografía final (máis de vinte páxinas) onde figura toda a produción científica de relevo para o período estudado.

Moi valiosa contribución esta Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, un esforzo de categorización e consideración integral da nosa escrita nese algo máis de medio século decisivo para sentar os alicerces da actualidade creativa que vivimos, o próximo reto que se lle abre a Xosé Ramón Pena para historiar, natural continuación destes cimentos que con tanto ben fican analizados para os que gusten de saber o onde e o como do noso rizoma literario moderno.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 7-12-2014]