A salvo da deriva

nordesía (henrique dacosta, 13-5-2018)Hai anos que sigo con atención a andaina literaria de Henrique Dacosta. De resultas, xa son varias as ocasións nas que me ocupei da súa escrita, comentando tanto libros de contos (Unha mada de doce relatos) coma novelas (Os desherdados, Entrada ao xardín do saber) e mesmo libros de ensaio (Ferroláns na Historia da Literatura Galega).

Por tanto, síntome suficientemente familiarizado coa creación do autor, que tende a recuncar en temas e motivos que lle son ben caros. Entre estes, algúns dos que caracterizan Á deriva, o novo volume de relatos que dá á luz da man de Belagua.

Media ducia de historias compoñen esta obra na que o fantástico e o real fican xunguidos e onde as tramas ambientadas no presente e os relanzos históricos alternan naturalmente.

O conto co que se abre o conxunto é o que dá título ao propio libro. Unha historia que recrea a noite na que o Discoverer Enterprise tronzou a Ponte das Pías, relatada, iso si, dende a singular óptica dun trapeiro que está a punto de ser engulipado polo buque petrolífero na súa colisión e, chegado a unha taberna próxima á ponte, non é quen de convencer aos seareiros do incrible accidente que vén de contemplar. A ambientación e o pulso co que se conta teñen non pouco de cinematográfico e todo o que lemos figura vaporizado dunha atmosfera nebulosa que contribúe a acentuar o patetismo de personaxes e sucesos.

“Belarmino e o robalo”, o segundo dos relatos, é unha revisitación en clave enxebre do Moby Dick ou, se se prefire, de O vello e o mar, só que aquí a balea branca é un descomunal robalo co que o mergullador Belarmino se obsesiona ata tal punto que deixa a vida para conseguir capturalo. O episodio, alén das concomitancias advertidas, ten o engado de abrirnos á reflexión sobre a condición teimuda de certos individuos, que acaban por inmolarse nunha deriva misántropa que só se explica patoloxicamente.

A lacra da Guerra Civil, tan presente en boa parte da obra de Dacosta, regresa en “Canción de arrolar”, páxinas abondo líricas que rememoran o asasinato dunha activista republicana de Ferrolterra e a ignominiosa fin que lle coubo a mans dos militares fascistas.

Moi diferente é o ton de “Maxia real”, literaturización dun episodio témero no que un matrimonio está a punto de fenecer na noite de Reis por mor dun escape de gas e é salvado, no último momento, pola súa filla. Entre a crónica de sucesos e a escrita do experiencial, estas páxinas conseguen transmitirnos vividamente esa estraña paisaxe de irrealidade e concatenación fatídica que por veces, case irrisoriamente, dá connosco ás portas da traxedia.

En “Ofelia Seis Dedas” Dacosta recupera un personaxe que xa aparecera noutras entregas narrativas, Isabel de Barreto, almiranta dos Mares do Sur. Mais aquí o protagonismo trasládase a unha súa descendente, a trasneta Ofelia, que nimbando o onírico e o real traza un delirio de mantis religiosa que homenaxea outras barbantesas ben coñecidas nas nosas letras.

Por remate, “Patria do vento tourón”, o máis extenso dos relatos do conxunto, é unha narración na que a centralidade pivota sobre Margarida, unha serea da que namoran fatalmente varios homes, entre eles o torreiro Terencio, o outro protagonista deste drama neorromántico que tamén ten sobexa literatura precedente como ancoradoiro.

Amenas e ben construídas, as historias deste Á deriva confirman as liñas temáticas e estilísticas dun Henrique Dacosta que continúa aquí os vieiros dun longo camiñar narrativo que xa aproa ás tres décadas con títulos de interese coma o presente.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 13-5-2018]

 

 

 

 

 

Xardín de intrigas

Entrada ao xardín do saberHenrique Dacosta é narrador experimentado con case un cuarto de século de traxectoria no seu ronsel. Autor de relatos e novelas, tamén responsable dun valioso manual de historiografía literaria, o seu camiño tense caracterizado pola diversidade nos asuntos tratados e pola procura incesante dunha voz propia.

O escritor ferrolán regresa á actualidade literaria galega con Entrada ao xardín do saber, novela longa que ve luz baixo o selo Redelibros e nos propón unha elaborada intriga onde o real e o ficcional se mesturan para lograr un relato de acción e airexas detectivescas.

Hildegart, precocísima líder socialista e abandeirada da revolución política e sexual da España republicana; súa nai, a autoritaria e iluminada Aurora Rodríguez Carballeira, tamén ela personaxe destacado da escena intelectual do seu tempo, e mais o mesmísimo Vicente Risco son os tres vértices dun triángulo narrativo que protagoniza unha historia na que deberá profundar, para desvelar os seus segredos, un periodista de hoxe, Henrique de Sas.

A imaxinaria revista Letras Vivas propón a De Sas que investigue para a realización dun artigo conmemorativo centrado na fascinante Hildegart (quen no seu propio nome explica o título da novela, pois hilde, en alemán, significa sabedoría ou coñecemento e gart xardín), enfant terrible da escena política da Preguerra que, con só dezanove anos, veu truncada unha ascendente carreira a mans de súa nai, filicida que non aturou a crecente independencia que a filla ía gañando e a maior notoriedade que alcanzou, desprazándoa a ela do centro de atención social do seu tempo. Polo medio, un Risco aínda novo que coñece de primeira man a ambas as dúas e mesmo trata estreitamente a Rodríguez Carballeira nos seus anos como estudante en Madrid.

A novela alterna dous eixes cronolóxicos: o da capital do Estado a mediados dos anos 50 (momento no que morre, recluída nun psiquiátrico, Rodríguez Carballeira) e o presente dende o que Henrique de Sas investiga e segue as pistas da vida dos tres personaxes e, nese seu profundar, se entrevista con persoeiros tan significados do galeguismo recente como Francisco Fernández del Riego, entre outros.

Henrique DacostaO mellor de Entrada ao xardín do saber está na capacidade para xerar un misterio arredor dese triángulo de personaxes imantadores, protagonistas principais dun tempo histórico singular. Tamén si, a súa capacidade para entrefebrar o real e o ficticio e crear, deste xeito, un relato no que, aqueles que saiban o suficiente do noso pasado máis próximo, gozarán regresando a episodios e momentos claves deste. Que logo se abuse das exposicións informativas sobre circunstancias e pormenores da intrahistoria literaria de noso, que se reiteren pasaxes explicativas da propia peripecia fatal que rodeou as Rodríguez Carballeira ou haxa paxinado sobrante na resolución de certos aspectos que poderían terse substanciado con ben sen tanta profusión de misivas, diálogos e treitos de prosa expositiva non evita que esta novela de Dacosta resulte de interesante lectura para todos os que vaian na procura dun thriller distinto, moi documentado e de referente galego manifesto.

Entrada ao xardín do saber, nova proposta de Henrique Dacosta, pode ser a perfecta escusa para deixarse atrapar por unha historia que volve traer á actualidade personaxes tan atractivos como os de Hildegart, Aurora Rodríguez Carballeira e Vicente Risco, testemuñas dunha época decisiva, chea de relacións intensas que, como se bota a ver, sempre paga a pena revisitar.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 24-8-2014]