A viaxe heroica de Guendufe

guendufeOs máis avisados seguro que recoñecerán pronto o nome de Juan Andrés Fernández Castro. Os seus traballos como ensaísta e estudoso son ben coñecidos no ámbito da investigación historiográfica galega, principalmente por ser o responsable da veterana revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural (que este ano chega ao seu vinte aniversario), alén de director do Museo Manuel Reimóndez Portela.

Pola contra, o que ha resultar menos sabido é a súa revelación como narrador de ficción, eido no que aínda non se tiña manifestado publicamente. Faino agora dando á luz Guendufe o anano, un relato de aventuras e iniciación en Edicións Fervenza.

Editado baixo a forma de álbum ilustrado, Guendufe o anano é unha narración sen límite de idade, de lectura máis que recomendable para toda a familia, pois tanto pode ser saboreado polos máis novos da casa (que atoparán nela unha historia chea de aventuras e emocións) coma polos máis medrados (que descubrirán no texto un relato inzado de fondas reflexións e proveitosas ensinanzas).

O que aquí nos propón Fernández Castro é unha viaxe dupla: unha viaxe do mundo subterráneo ata o da superficie, dende os reinos ananos ata as aldeas dos ferreiros humanos; e mais unha viaxe interior, unha viaxe epopeica na que cómpre superar unhas probas, uns ritos de paso para se converter en heroe.

Como viaxe do inframundo anano ao mundo humano dáse unha contraposición entre o imaxinario, o transreal, o fantástico, tradicional e mítico e mais a complexidade da vida e as relacións, tanto familiares coma interpersoais.

Como viaxe heroica a narración é propiamente un bildungsroman, un relato de aprendizaxe, de paso da vida adolescente á adulta, con todo o que iso supón de maduración e plenitude vivencial.

Por tanto, Guendufe o anano é unha historia rebordante de valores, unha escrita do emocional no que espellan cuestións de tanto alcance como a amizade, a valentía, a capacidade de superación e a adaptabilidade, a curiosidade, a responsabilidade e o aprecio ás tradicións ou o respecto pola diferenza.

Escrito cunha estrutura a un tempo progresiva e circular, este relato responde ao canon da literatura de viaxe e aventuras que arrinca nos clásicos entre os clásicos como son a Odisea, a Eneida, a Divina Comedia ou o Quixote, entre outros, historias todas de viaxes e descubrimentos, da complexidade da vida e da diversidade dos seres.

Guendufe o anano bebe tanto da literatura de tradición oral coma dos relatos nórdicos e centroeuropeos sobre estes seres diminutos. Autores como Tolkien ou, entre os galegos, Cunqueiro gravitan nestas páxinas que recrean todo un universo anano perfectamente descrito e caracterizado.

O volume conta, amais, coas magníficas ilustracións de Gabriel Iglesias, profesional da bd que ofrece aquí un traballo de admirable definición no trazo, gran forza colorista e moi rica información visual, logrando un diálogo máis que proveitoso co texto de Fernández Castro.

Este relato visotextual ten a fortuna de se concretar nunha obra tecnicamente moi ben executada por Edicións Fervenza, quen deseñou un álbum en cartoné con cubertas ilustradas a plana enteira, con papel satinado de alta gramaxe nas páxinas da historia, tintados a varias cores nas letras, capitulares e orlas textuais, moi coidada tipografía e gardas interiores tamén ilustradas.

En definitiva: que todo se alía para que Gandufe o anano sexa un máis que posible galano para estas datas de Papá Noel, Apalpador ou Reis que xa se van achegando. Un libro para regalar e para regalarse, unha narración de hoxe e de sempre que agradará a todos e axudará a afirmar a maxia e a ilusión de vivir.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 16-12-2018]