Reubicando a Díaz Castro

reubicando a diaz castroHai tempo que quería escribir sobre Reubicando a Díaz Castro, o valioso documental de Gonzalo Enríquez Veloso sobre o poeta de Guitiriz que estrou a TVG o pasado 18 de maio.

Non é mérito menor ter asinado unha proposta como esta nun ano no que, á parte doutras achegas puntuais, foron filmados varios outros documentais sobre o autor tamén moi interesantes. Mais Reubicando a Díaz Castro engade a todos eles unha ben persoal visión do universo diazcastriano, o que logra cunha xenuína mestizaxe de voces e imaxes que nos achega ao mundo do escritor guitiricense como antes non se fixera.

Reubicando a Díaz Castro avanza no visual combinando imaxe en movemento e estática, deixándose levar no fío da narración pola profusión de primeiros planos e planos xerais e o xogo de luces, con paisaxes interiores e exteriores que percorren toda a xeografía matricial de Díaz Castro: a Serra de Montouto, os soutos e carballeiras dos Vilares, os espazos do Vilariño.

Nese ir e vir de postais de beleza certa van coséndose como voces en off as opinións de coñecedores e expertos da biobibliografía diazcastriana, que só aparecen en pantalla ocasionalmente, pero que acompañan o relato visual ao longo de todo o documental.

Por parellas ou en solitario, Carmen Blanco, Alfonso Blanco Torrado, Enrique Cal Pardo, Xosé Antón Cascudo, Luís González Tosar, Mario Regueira, Raúl Río, Claudio Rodríguez Fer, Luciano Rodríguez, Félix Villares e Xulio Xiz deluvan aspectos da figura de Díaz Castro, dende a infancia no Vilariño ata a vida de tradutor profesional en Madrid durante décadas, pasando pola estancia no Seminario de Mondoñedo como estudante, as xeiras en Vilagarcía de Arousa como profesor do prestixioso Colexio León XIII ou o regreso a Guitiriz nos derradeiros anos.

Dirixido, guionado, montado e producido por Gonzalo Enríquez Veloso, executivamente producido por el e mais Fran Naveira e Santiago Teijelo Vázquez (este último tamén posprodutor e director de Fotografía), co son de Manuel Rega, a música da Quenlla e a asesoría de Sandra Expósito, este Reubicando a Díaz Castro é unha importante contribución para o coñecemento e difusión da vida e a obra dun autor que nas luces e tomas aéreas de Enríquez Veloso, nos seus singulares enfoques e na atrevida narrativa fílmica que ideou cobra novo pulo e se fai máis accesible a todos.

Velaquí Reubicando a Díaz Castro:

caratula reubicando

Visolectura bolañesa

Nesta ponte das Letras Galegas na que andamos vén máis ao caso que nunca recomendarlles unha lectura sobre Roberto Vidal Bolaño, o autor homenaxeado, pois ben está que, pasado o vendaval festivo, fique nun algo desa maxia literaria coa que anualmente comungamos.

Así pois, hoxe o libro do que lles quero falar non é outro que Un chapeu negro e un nariz de pallaso, da autoría da crítica e estudosa Montse Pena Presas e mais o ensaísta e director de documentais Gonzalo Enríquez Veloso.

E escribo ‘libro’ e mellor debería escribir ‘libro-cd’ ou mesmo ‘videolibro’, pois iso é o que ofrece Un chapeu negro…: dunha banda, un ameno á par que informado perfil biográfico de Vidal Bolaño no que tamén hai espazo para a análise panorámica dos principais fitos e características da súa produción teatral, contribución que redacta e asina Pena Presas, e, doutra parte, esta publicación inclúe tamén un cd cun moi interesante documental sobre o universo bolañés do que se responsabilizou Enríquez Veloso.

Na parte escrita, quero salientar o oficio de Pena Presas para, dun xeito moi accesible para calquera público —non hai que perder de vista que a obra se publica nunha colección de audiencia potencialmente escolar—, ir espigando os máis decisivos socalcos vitais e referentes literarios que conforman o mundo de Vidal Bolaño. Mesmo a arquitectura capitular, deliberadamente escénica, acae ben a esta achega, alicerzada en apartados breves, espidos de vacuo academicismo e contaxiosos na súa ilusionante aposta por (re)descubrir o autor, a obra e o tempo no que foi.

Tamén si, merece destacarse, e moito, o labor documental de Enríquez Veloso, quen soubo dar á súa aproximación visual un ton entre o divulgativo e o informado máis que pertinente, pois contou con estudos@s, compañeir@s de profesión e familiares do escritor que iluminaron reveladoramente moitas das facetas dese poliedro creativo que Vidal Bolaño foi.

Neste sentido, as palabras dedicadas polo seu fillo Roi Vidal á memoria do pai ou polas súas dúas compañeiras en vida —Laura Ponte e mais Belén Quintáns— proporcionan o coñecemento máis próximo de quen foi o cidadán, saber que se complementa co retrato ‘intra bambalinas’ de actores ou técnicos das que foron as súas compañías teatrais (caso de X. C. Mejuto ou Rubén Ruibal, por exemplo), alén doutras voces autorizadas que achegan pulo analítico, como as dos editores das súas Obras completas, Paco Macías —director de Edicións Positivas— e mais Xosé Manuel Fernández Castro ‘Pepes’, o máximo especialista na súa figura.

Atinada aposta, por tanto, a daqueles que se deixen introducir no cativador mundo de Roberto Vidal Bolaño da man deste Un chapeu negro e un nariz de pallaso de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso, unha contribución de valor da que presta dar noticia.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 19-5-2013]