Na tarde de onte, nos locais que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ten en Gondomar, tivo lugar a presentación do volume facsimilar Lembranza da tecedeira, un poema autógrafo e inédito de Victoriano Taibo escrito en 1947 e que foi recuperado para esta edición dende o orixinal que conservaba a familia de Juan Novás Guillán, no seu día inspector de Educación e grande amigo do poeta.
O volume acompáñase de moi valiosos prólogos e estudos introdutorios de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño e complétase cun cd no que o longo poema é recitado pola poderosa voz de Anxo Angueira sobre unha fermosa base musical ideada por Antón Seoane.
A poética de Taibo fica así incrementada con este achado, que trae ao seu corpus coñecido ata o de agora unha nova alfaia, confirmándoo como unha das voces senlleiras do Tempo das Irmandades e, por extensión, de toda a nosa lírica do pasado século.
Mais o acto do IEM de onte serviu tamén de homenaxe a Miguel Rodríguez Rodríguez, xenro do poeta e persoa clave no proceso de recuperación e divulgación da obra do seu parente. Con tal motivo, estiveron presentes na sala —ateigada de público— varios dos seus familiares: a súa viúva Gloria Taibo Rebollar e mais os seus fillos Fuco e Ildara, esta última responsable de pronunciar unhas sentidas palabras de agradecemento.
Acompañando as sabias reflexións de Marta Dacosta verbo desta magnífica edición de Lembranza da tecedeira e mais o vibrante recitado de Anxo Angueira do poema, tiven a honra de achegar unha laudatio de Miguel Rodríguez Rodríguez na que salientei o papel fundamental que este tivo na redescuberta da obra de Victoriano Taibo, extremo este ao que xa me referira nalgunha outra ocasión.
Deixo aquí as palabras que alí pronuncei, testemuño de admiración e recoñecemento a quen foi entusiasta valedor da causa taibiana, bo e xeneroso ao que tanto debemos.
Benqueridas e benqueridos todos:
Comparezo hoxe ante vós a pedimento dos infatigables e admirables amigos do Instituto de Estudos Miñoranos. Un dos seus máis activos e meritorios membros, Miguel Anxo Mouriño, púxose en contacto comigo a primeiros deste mes para noticiarme a feliz aparición do facsímile de Lembranza da tecedeira, que agora se presenta con gozo unánime dos que aquí nos reunimos. Informoume, amais, de que estaba na vontade da organización que este acto servise asemade como xusta homenaxe ao xenro do escritor, don Miguel Rodríguez Rodríguez, belísima persoa que nos abandonou recentemente e a quen me unía unha amizade admirativa e sen reservas.
Xa que logo, cando Miguel Anxo me propuxo a posibilidade de pronunciar unhas palabras neste acto en memoria e agradecemento por tanto e tan bo como sempre lle deberemos ao xeneroso Miguel, sentín que o convite non era só unha obriga amigable, senón un auténtico galano que se me facía, pois nada me emociona máis nin me enche de maior orgullo que poder recordar hoxe convosco o vello amigo que se foi deixando en nós engramas indelebles.
Eu, como seguramente tantas e tantos dos que aquí estades, coñecín a Miguel por mor de Taibo. Foi alá polos primeiriños do 2008, tempo no que adquirín a responsabilidade de editar a poesía inédita do escritor que acabou vendo a luz andando ese mesmo ano nun volume que titulamos Abicedo. Cabrinfollas e que logo presentamos en Guillufe, Morgadáns, aquel 14 de novembro, nun acto presidido, xustamente, polos familiares do poeta, entre os que Miguel ocupou papel cómplice e desprendidamente destacado.
Por tanto, ao longo dos meses daquel ano tiven a oportunidade de frecuentar o seu trato e ir coñecéndoo mellor, ao tempo que vivía a gratísima experiencia de poder tratar a adorable Gloria e o seu fillo Rubén, sabendo tamén puntualmente das angueiras dos demais membros do núcleo familiar.