Velasco, Hermo e Grela gañan o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

bases_leirasO pasado sábado día 25 de outubro, coincidindo co 160 aniversario do natalicio de Manuel Leiras Pulpeiro decidiuse en Mondoñedo, a terceira convocatoria dos premios de poesía que levan o seu nome.

Con tal fin, reunímonos ás 11:30h. da mañá nas dependencias da Biblioteca Municipal a profesora Áurea Fernández, o investigador e profesor Xosé María Felpeto Enríquez e mais eu coordinados polo técnico de cultura do Concello, Gil Ares.

Logo das pertinentes deliberacións e tras considerar atentamente o case medio cento de orixinais presentados a concurso, os membros do xurado decidimos outorgar os tres premios por unanimidade, salientando non só o nivel destes senón, en xeral, o de varios outros dos que concorreran.

Tras abrir as plicas sóubose que o conxunto poético que obtivo o 1º Premio e que se presentara baixo o título Mentres o tacto e lema ‘A estas alturas’ era da autoría de Eduard Velasco (Barcelona, 1982), tradutor catalán-galego ao que debemos importantes versións de autores e títulos referenciais de ambas as literaturas.

eduard velasco

En Mentres o tacto Velasco reflexiona sobre a propia praxe poética desmitificando a súa transcendencia e ironizando sobre a lírica amatoria. Tamén si, avanza polos roteiros da serena paixón compartida, das paisaxes olladas ao unísono e a laña que o gume do amoroso deixa na pel que se reinventa e descobre na carne que emerxe, na saliva compartida.

Esvaran
pingas escuras
polo branco que che tingue a ollada.
 
Na cama volves á conciencia
cun poema que fala de camiños,
pero que non di nada de marchar
co sabor a ferro aínda na boca
e a certeza precisa de facer algo mal.
 
Mais cando os corpos nos volven ao lugar
e son eu quen molla os dedos no sangue que me ofreces,
e che deixo no lombo o paso vermello das mans
coma pinceladas brutas,
é cando me vingo do azar que nos uniu
só para aprendernos que a palabra
                                                           lonxe
é unha folla afiada que non erra no corte.
 

Ao abrir a seguinte plica sóubose que o conxunto titulado Marchamos presentado co lema ‘Richard Brown’ pertencía a Gonzalo Hermo (Santiago, 1987), poeta das novas promocións que xa deu á luz traballos como Crac (2011) e exerce un importante labor de dinamización cultural en foros como as Redes Escarlata.

gonzalo hermoOs poemas de Hermo anuncian a desolación, a loucura da tensa paz, dos mercados dos arrabaldes nos que non hai consolo e todo se volve éxodo. E, porén, o Sur existe alén das prohibicións, das ocultacións, e debe aprenderse o camiño de regreso da visión dese mundo de cascallos de limo onde só o amor nos pode facer puros.

Faláronnos do Sur como dun lugar prohibido.
Dixéronnos:
‘Todo canto foi materia ou corpo hoxe é dogma.
E organízase contra
nós’.
Pregúntome que sensación me invadirá cando dea regresado por fin sen restos
Se haberá cinza que recorde
carne capaz de comprender
a altura deste
encontro.
 

Finalmente, ao abrir a plica do conxunto titulado Arno de Viveiro coñecemos a autoría de José Antonio Grela Martínez (Santiago, 1971), doutor en Filoloxía e profesor quen nos presentou un poemario de dez composicións escritas en metro e antecedidas de textos latinos de grandes autores clásicos a modo de introito sobre o que crear a glosa poemática. Son, por tanto, un exercicio de virtuosismo rítmico, arroupado por unha selección léxica culta e abondosas citas a persoeiros da mitoloxía grecolatina e outros, que conforman un mostrario ao que non se subtraen puntuais airexas humorísticas.

Máis pesados cos tabaos á xaneira,
ca pesca con miñocas no Leteo,
ca un relixioso óso fariseo,
foron os teus bicos de rateira.
 
As túas cinzas non terán sentido
e po serán, mais po envelenado,
de oncolóxico amor apetrarcado
entre varices e unto derretido.
 
Susurros de pega para ben durmir,
ronquidos arrincados do calleiro,
cheiros que xa se fartaron de fuxir.
 
Estimas de salitre e de ferreiro,
canizas que me obrigaron a sufrir,
foron as túas pernas en ranqueiro.
 

retrato leirasDebe, pois, parabenizarse aos tres gañadores, agradecer a alta participación e desexar ventura futura aos que desta volta non foron distinguidos e, sobre todo, aplaudir o esforzo que o Concello de Mondoñedo fai convocando este certame, que como abrocho noviño vai collendo a forza do seu terceiro ano para honrar a memoria do gran Manuel Leiras Pulpeiro, pois os premios (placa, diploma e 1.500, 600 e 300 euros respectivamente) entregaranse en acto público o sábado 15 de novembro. Alí estaremos, para celebrar a Poesía e saudar a Eduard Velasco, Gonzalo Hermo e José Antonio Grela Martínez, dende xa xunguidos á historia literaria mindoniense por medio dos seus versos.