Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

Homenaxe melancólica

fulguracion e silencioXavier Rodríguez Barrio é poeta Halley. Aparece só moi de vez en cando no ceo literario galego, mais, cando o fai, o seu brillo loce intenso no firmamento das nosas letras.

Fortuna quixo que hai pouco dese á luz Fulguración e Silencio, un poema longo dedicado á lembranza de Xosé María Díaz Castro que editou a Deputación Provincial de Lugo.

Confeccionado materialmente polo Obradoiro do Libro CENTRAD (esa magnífica factoría artesanal que tanto apoia a infatigable Rexina Polín), esta edición numerada é un obxecto artístico admirable. Impreso en papel rústicus fabiano de alta gramaxe, con portadas feitas en policarbonato gravado e encadernado nunha espiral de vimbio, protexido todo por un estoxo de cartón corrugado que deseñou Fonso Castro. Marabilla.

Toda a edición foi coidada ata o mínimo detalle: a publicación ten 14 páxinas, mide 14 x 14 e a espiral de vimbio desliza en 14 punteados, todo en homenaxe ao ano 14, o do nacemento de Díaz Castro e o do actual centenario.

Canto ao poema en si, Rodríguez Barrio lembra o vencello indisoluble que uniu a Díaz Castro con Galicia, máis concretamente cos eidos natais, tal se a eles os xunguise “un fío para o sangue/ un cíngulo de lúas”. Tamén incide no papel decisivo da mater familias, quen o fixo persoa pola “luz nos adentros dun ventre que se abre/ e disemina como un outonar para os días”. Do mesmo xeito, hai espazo para a acordanza dos amigos fraternos, ese “Aquilino evocando pedregais de Seivane/ decruando contigo o idioma, os entusiasmos lentos,/ a orde substantiva da palabra”. Incluso se vira a atención para os días nas Rías Baixas, coa memoria dos “poñentes de Arousa (…) as nubes submarinas dun ceo interminable,/ tratando de ancorar eternidades/ en cada baixamar de lonxanías”.

BarrioHai nos versos deste Fulguración e Silencio un procurado ton outonizo, unha luz cembada, indecisa, que deixa no tasto os claroscuros das “tempas doídas”, da “dor do equilibrio”, dos “veráns feridos”. É un dicir melancólico e evocador, de “tardes longas” e “sombras caladiñas”, de “anxos/ que non deixan o seu ronsel no aire/ senón no corazón de quen os mira”. Unha poética da Beleza a caer co “ruído do sangue”.

Excelente este Fulguración e Silencio, peza memorable dun Xabier Rodríguez Barrio que rende, así, homenaxe ao amigo e mestre neste ano tan sinalado.

[Praza Pública, 14-11-2014]

Radiocrítica 17-11-2014

Detalle ventá Ames RadioVelaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de novembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de  A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo (I, 0:30); Fulguración e silencio, de Xavier Rodríguez Barrio (4:22), Álvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía, de Anxo Tarrío (9:04) e Os amigos de Santi, de Araceli Gonda e Xosé Tomás (13:02).

Audio 1