Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

Biblioclastia franquista

bibliotecarias_e_bibliotecariosMoito se leva escrito sobre a represión que o profesorado do Ensino Público e o Maxisterio en xeral padeceu coa chegada da Guerra Civil Española e a longa Posguerra que a sucedeu. Porén, son ben máis contados os estudos que se centraron na depuración desoutro colectivo de vital importancia para o asentamento e expansión da cultura da lectura e a instrución pública que é o Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA). Grazas ao seu esforzado traballo, o analfabetismo da poboación española, que era antes dos tempos da II República escandaloso, reduciuse notablemente e iniciativas como as Misións Pedagóxicas ou a Xunta de Intercambio e Adquisición de libros para Bibliotecas Públicas (ambas botadas a andar en 1931) lograron cambiar o panorama formativo do territorio estatal, sobre todo facendo accesible a Cultura e o Libro ao eido rural, ata entón practicamente desatendido.

Mais todos estes avances esfarelaron coa sublevación militar do 17 de xullo en África polo xeneral Francisco Franco Bahamonde. A vitoria do bando fascista impuxo unha depuración a fondo do CFABA para purgar do mesmo calquera presenza que lembrase os ideais republicanos de alfabetización e instrución xeneralizada da poboación que ata entón viñeran promovéndose. Unha sentenza do que foi o primeiro dos ministros de Educación Nacional do réxime franquista (non escribo o seu nome porque non merece lembranza) resume o novo espírito apocalíptico que a Ditadura franquista impuxo contra un organismo que se significara tan positivamente na obxectiva mellora das condicións de aprendizaxe e formación das xentes ata ese momento: “Si en algún Ministerio hay que entrar a sangre y fuego, sin respeto a lo preexistente, es el de Instrución Pública, cuartel general de los enemigos de España”. E dentro dese ministerio, xaora, aos profesionais da CFABA tocoulles xogar o papel de ‘enemigos’ do ‘nuevo Estado’, polo que en moitos casos foron expulsados, postergados ou trasladados a unha situación marxinal para silencialos.

Toda esta lacerante realidade, das miserias e as inxustizas que provocou, mesmo dos episodios de biblioclastia aos que conduciu dá cumprida conta o moi documentado ensaio de Francisco Xavier Redondo Abal Bibliotecarias e bibliotecarios ‘infames’, publicado por Laiovento co revelador subtítulo de ‘A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego’. Máis aínda, mercé ao paciente labor deste estudoso pontevedrés sabemos tamén de máis de media ducia de casos paradigmáticos de bibliotecarios e/ou arquiveiros que tiveron que sufrir en carne propia a humillación de verse perseguidos e relevados dos seus postos simplemente por facer ben o traballo e non comungar cos ideais fascistas que a Ditadura franquista impuña. Profesionais como Teresa Vaamonde Valencia, Luisa Cuesta Gutiérrez, María Brey Mariño, Nicéforo Cocho Fernández, Ramón Iglesia Parga, Juan Vicens de la Llave, María Muñoz Cañizo ou Juana Capdevielle San Martín ven historiada a súa tráxica circunstancia por Redondo Abal, quen completa o seu impecable traballo con moi interesantes capítulos dedicados á política do ‘novo’ Ministerio de Educación Nacional, o ‘escuro funcionario’ que actuou como xuíz instrutor destes casos ou algunhas cuestións marco lexislativas que explican todo este francisco_xavier_redondodesastre. Por suposto, tamén son de lectura proveitosa o epílogo ‘Ai, dos vencidos!’, o apéndice documental no que se reproducen dous dos pregos de descargos dos casos amentados para exemplificar os absurdos procesos que contra destas persoas se incoaron e mais as listaxes finais sobre ‘Partidos políticos, sindicatos e agrupacións’, ‘Organismos oficiais e outras institucións’ e ‘Fontes primarias e a bibliografía citada’ que teñen ampla e abondosa presenza nas páxinas do libro, acaidamente prologado por Manuel Rivas.

A Francisco Xavier Redondo Abal debiamos xa O fulgor e as tebras: as bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (editado tamén por Laiovento no 2009). Pois ben, agora a nosa débeda aumenta con este ilustrativo Bibliotecarias e bibliotecarios ‘infames’: a depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego, que completa unha xeira investigadora que ben merece coñecerse e aplaudirse.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 17-8-2014]