Na cerna da Trabe

Cada vez queda menos para que unha das nosas máis prestixiosas revistas culturais chegue ao cento de números publicados: A Trabe de Ouro, referente indispensable no ensaísmo de pensamento crítico que aí atrás tiraba do prelo a entrega correspondente ao primeiro trimestre deste ano.

Como en tantas outras ocasións, tamén desta volta a cabeceira dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín reúne un feixe de colaboracións de moi alto nivel intelectual, entre as se contan tanto artigos longos coma nótulas, recensións literarias, discursos, presentación de libros e aínda recuperacións textuais de obras inéditas.

O carácter interdisciplinar e humanista da revista explica a diversidade temática das súas colaboracións, que atinxen por igual a cuestións sociohistóricas (así na escrita de Enzo Traverso) que a realidades psicosanitarias (Marcial Gondar Portasany), políticas (Francisco Sampedro, Ricardo Castro Buerguer), semióticas (Carmen García Cela) ou sociolingüísticas (Francisco Fernández Rei). Mais é nas contribucións de tipo literario onde se concentra a maior parte das achegas da revista e é xustamente nelas nas que agora quero reparar sequera brevemente.

Alén do introito editorial co que se abre o número baixo o explícito título de “50 anos e Paz Andrade” —texto sen asinar que, porén, hai que supoñer da autoría da dirección ou do consello de redacción da revista—, esta A Trabe de Ouro contén unha moi rigorosa análise do Coloquio de 24 rústicos debida a Anxo Angueira, dobremente apreciable se se pensa que son case inexistentes os traballos previos nos que a célebre obra do Padre Sarmiento foi abordada dende o estritamente literario.

Do mesmo xeito, nas seccións “Acoutacións” e mais “Publicacións” poden lerse recensións críticas da novela de Manuel Rivas Os libros arden mal, do volume colectivo Celso Emilio fai 100 anos e do estudo biográfico levado a cabo por Xurxo Martínez González Luís Soto. A xeira pola unidade galega, debidas, respectivamente, a Xabier Cordal, María González Salpurido e María Dolores Villanueva Gesteira. Estes textos compleméntanse coa transcrición da alocución “Muller para lonxe, de Uxío Novoneyra” que o profesor Luís Cochón pronunciou durante a presentación dunha recente reedición daquel poemario do escritor courelao. A maiores, cumpriría engadir aínda o amplo ensaio sobre a narrativa do autor de Memorias dun neno labrego realizado por Newton Sabbá Guimarães en “A arte do conto em Xosé Neira Vilas” e, sobre todo, a exhumación de Canto en catro ao Conde de Andrade, poemario inédito de Valentín Paz Andrade que foi recuperado como primicia para a revista por Miguel Anxo Seixas Seoane de entre o legado do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras e que agora figura tamén recollido na edición que Gregorio Ferreiro Fente fixo da súa Poesía completa.

Máis que interesante, por tanto, o conxunto de textos reunidos neste novo número da revista A Trabe de Ouro, emblemática cabeceira que con moi meritorio esforzo saca do tórculo Sotelo Blanco Edicións nunha bendada maridaxe coa aposta intelectual defendida polos seus responsables, que ben pronto ha de cumprir nada menos que dúas décadas de andaina. Sobran as palabras.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 5-7-2012]