Letras musicais

Sons de NósOs mellores sons chegan ás nosas letras. Nos últimos meses foron varios os discos que apareceron no mercado nos que se musican textos galegos, en moitos casos de orixe literaria. Hoxe préstame dar razón aquí de tres deles, de procedencias ben diversas e estilos musicais dispares, mais todos coincidentes na aposta pola nosa lingua e, particularmente, a súa koiné poética como principal razón de ser.

O primeiro destes traballos leva por título Dende a beira do Masma e recolle trece temas nos que Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música O Pallarego, pon melodía a temas de Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

As voces de Xulia Nogueira e Sabela Carballal acompañan o acordeón, a arpa, a zanfona, a guitarra, o clarinete, o violín, a viola, o chelo e as percusións para que os versos de Do ermo, Cantares gallegos ou Herba aquí e acolá cobren vida musical, confirmando, máis unha vez, a indubidable sonoridade da lírica mindoniense, que aquí corporeíza mercé á Fundación TIC lucense, dependente da Deputación Provincial.

ApelónNon menos interesante é a seguinte das propostas, neste caso chegada dende a cidade departamental e titulada Apelón. Quen a asina é un experimentado cantautor, cunha sólida traxectoria ás costas: Roger de Flor, unha das voces máis orixinais e independentes do actual panorama.

En Apelón, disco editado por Feiticeira Producións, inclúense tres temas galegos: “Estoupará”, “Ferrol Vello” e mais “Na ialma zoaba o vento”. Xunto a eles, outras cancións non menos literarias, como “Spring”, versión dun poema do gran poeta inglés William Blake. Mais a pluralidade de rexistros deste traballo é tamén perceptible na inserción de temas en castelán e italiano e, sobre todo, na variedade de estéticas ensaiadas, que integran por igual o rock, o pop ou os acenos country, entre outros.

Por último, o dúo 2naFronteira dá a luz Sons de Nós, a súa particular homenaxe á revista Nós e as Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario. Trece temas editados por Inquedanzas Sonoras nos que a felicísima voz de Carmen Penim se acompaña das virtuosas mans de Maurizio Polsinelli para recrear atmosferas de harmonio, piano e shruti box engalanadas de guitarras, violíns, violas de teclas, zanfonas, contrabaixos, baterías e percusións varias.

Dende a beira do MasmaSons de Nós dá a Euterpe o verso requintado de Eduardo Blanco Amor, o testemuñal de Xosé Velo, as liricidades de Fermín Bouza Brey, o dicir primeiro de Ricardo Carballo Calero, a voz inxel de Francisca Herrera Garrido, a arquitectura florida de Ramón Otero Pedrayo e o enxebrismo de Francisco Luis Bernárdez, compoñendo todos un retábulo sonoro de indubidable atractivo.

Non hai escusa, por tanto, para non se deleitar con Dende a beira do Masma, Apelón e mais Sons de Nós na tranquilidade do fogar, na vertixe do guiar automobilístico, nos minutos de lecer e ambientación laboral ou en calquera outra situación ou contexto. Boa compaña.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-3-2016]

Francisco Luis Bernárdez, galego polo nobre sangue

bernardez (II)Arxentino polo nacemento, mais galego polo nobre sangue. Así se autodefiniu Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978), un dos poetas máis destacados da literatura da nación de José de San Martín e Manuel Belgrano, voz decisiva en libros como Alcándara (1925), El buque (1935), Cielo de tierra (1937) e, sobre todo, La ciudad sin Laura (1938), onde poden lerse textos que os rapaces daquelas latitudes aprenden de memoria nas aulas, como o memorable “Estar enamorado”, tan popular que os noivos o teñen por prezado regalo que testemuña a súa paixón no día do Amor.

Bernárdez é alí o gran poeta do transcendental, tamén a voz de Eros que rivaliza con Neruda, con Parra e, máis preto de nós, con Bécquer. É, amais, o inventor na lírica panhispánica do verso de vinte e dúas sílabas, do que foi un maxistral cultivador.

Mais o que se cadra non foi tan divulgado é a súa inequívoca pertenza ao sistema literario galego, pois non só escribiu na nosa lingua, senón que foi un activo axente cultural en moi diversos sentidos.

bernardez (I)O ser galego era nel unha predestinación. Seus pais e devanceiros proviñan de Dacón e Maside por parte paterna e de Compostela pola banda materna. A Galicia veu por vez primeira con apenas seis anos, volveu con dez e aínda regresou con dezanove en xaneiro de 1920, estancia que se prolongou ata decembro de 1924.

Durante ese tempo, contactou coa xente do Grupo Nós, que o introduciu de cheo no galeguismo en faladoiros como o do Royalty de Ourense, onde sentou á mesa con Risco, Otero Pedrayo, Fernández Mazas ou Montes. Son os anos nos que comezou a traballar como xornalista, primeiro en La Zarpa, logo no Faro de Vigo (onde publicou entre 1923 e 1924 poemas e unha columna de crónicas municipais titulada “De mi espejo cóncavo” que asinou co pseudónimo Artemio) e, dende febreiro ata maio de 1924, en El Pueblo Gallego, onde era respectado como redactor de prestixio.

Naqueles primeiros vinte Bernárdez foi amigo de Castelao, Cabanillas, Noriega Varela, Amado Carballo, Dieste, Blanco Torres, Paz-Andrade, Pimentel e moitos outros. Mais, por tratalos en Galicia, en Portugal ou en Madrid, tamén alternou con Gómez de la Serna (que lle prologou Bazar en 1922), Valle-Inclán, D’Ors, Teixeira de Pascoaes ou Unamuno.

Amigo entrañable de Borges (ambos fatigaron xuntos os arrabaldes porteños dos compadritos) e cuñado que foi de Cortázar, Bernárdez estivo presente cos seus versos, poemas en prosa e artigos en galego nas principais revistas da Preguerra: Nós, Ronsel, Vida Gallega ou Céltiga, e aínda noutras como Marineda, Alfar ou Vida Céltica.

La lengua gallega en voces argentinasCóntanse por ducias os seus artigos sobre escritores ou realidades galegas e a el debemos o imperecedoiro Discurso encol do idioma galego, pronunciado en 1952 en B. Aires e editado alí, un ano despois, por Seoane. Só ese texto (ao que habería que lle sumar o célebre “El idioma prohibido”, que tanto fixo a prol da causa da nosa lingua no Congreso da UNESCO celebrado en Montevideo en 1954) abondarían para asegurarlle un posto nas letras de noso. Pero houbo máis, todo un río de afectos e complicidades con Piñeiro, García-Sabell e outros galeguistas de Posguerra namentres foi agregado cultural da embaixada de Arxentina en Madrid entre 1955 e 1960. E as súas colaboracións en Grial, na Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, no Suplemento del Sábado de La Noche e, en fin, noutras empresas culturais nas que demostrou, decote, seguir vencellado á nosa literatura, á que mesmo dedicou a antoloxía bilingüe Florilegio del Cancionero Vaticano (1952).

De todas estas facetas do poliédrico e xenial escritor trata o volume colectivo Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia (Centro Pen Galicia, 2015), onde, baixo a coordinación de Luís González Tosar, escriben sobre este memorable arxentino-galego ensaístas de ambas as terras nunha edición patrocinada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, coa colaboración institucional tanto da AAL coma da RAG. Un convite inmellorable para mellor coñecer a quen foi escritor de patria arxentina e matria galega.

[Faro de Vigo, 7-5-2015]

Francisco Luis Bernárdez: entrando en materia

Francisco Luis Bernárdez (esquerda) coa súa esposa Laura, súa irmá Aurora Bernárdez e Julio Cortázar, seu cuñadoHai tempo que medra en min o interese pola figura do escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Bos Aires, 5-10-1900—24-10-1978), gran poeta arxentino e destacado ensaísta en galego ao que ben poucos parecen lembrar neste país de desmemoriados no que nos empeñamos en exportar a faramallada, condenando o pano a ser trazado na arca pola couza.

A súa estirpe procedía de San Martiño de Lago, na parroquia do concello ourensao de Maside, e alí regresou o poeta sempre que puido. Por exemplo, sendo mozo de apenas vinte e dous anos, cando pasou en Galicia tres anos traballando como redactor de El Pueblo Gallego, medio no que publicou algún dos primeiros escritos de tema galego.

Ata o seu regreso a Bos Aires en 1925 (e aínda nos anos posteriores deica a chegada da Guerra Civil) a sinatura de Bernárdez fíxose habitual en xornais e revistas como La Zarpa, Vida Gallega, Céltiga, Ronsel, Marineda, Vida Céltiga, Alfar e, por suposto, Nós, o que dá boa idea da comuñón que o xunguiu ao ideario galeguista daquel tempo, contando como amigos algúns dos máis significados próceres das Irmandades da Fala e a Xeración Nós.

Francisco Luís BernárdezÉ máis, un dos seus primeiros textos publicados (se non o primeiro) foi, xustamente, o poema en galego “Morriña”, aparecido o 10 de maio de 1919 na revista viguesa Vida Gallega, cando o autor contaba só dezaoito anos. O verso, ben rosaliano todo el, é unha longa evocación patriótica e saudosa que transparenta o fondo sentimento de pertenza á Terra en metro octosilábico e estética bucólica.

No tempo desa adolescencia galega agromaron os que foron os seus primeiros libros de poesía: Orto (1922), Bazar (1922) e Kindergarten (1924), volumes ultraístas aos que seguiron cos anos un sennúmero de obras xa viradas cara ao clasicismo formal e transcendente que habita textos referenciais como El buque (1935), La ciudad sin Laura (1938), Poemas elementales (1942) ou Poemas de carne y hueso (1943), por citar só algunhas significadas mostras.

Como autor na nosa lingua ―amén de poemas en prensa aínda non compilados― non pode esquecerse a importancia do Discurso encol do idioma galego, publicado polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires en 1953, un texto que por si só debería asegurarlle a presenza en calquera historia ou manual literario o que, infelizmente, non ocorre porque somos o país que somos.

Encol do idioma galegoSe a todo o anterior sumamos os magníficos artigos que escribiu en castelán sobre os trobadores medievais, Rosalía, Castelao, Pimentel ou Cabanillas (tamén verbo do Camiño de Santiago, Portomarín ou os eidos matriciais de Dacón e outros) en libros como La copa de agua (1963) ou Mundo de las Españas (1967) ou escolmas como Florilegio del cancionero Vaticano (1952) entenderase a importancia que para as nosas letras ten Bernárdez, do que tamén existe obra galega espallada en La Zarpa, La Nación e mesmo versos nalgún libro colectivo, como a Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1958).

Grande amigo de Borges e cuñado de Cortázar, compañeiro de Bioy Casares e colega de Sábato, membro da Academia Arxentina de Letras e agregado cultural que foi do seu país en Madrid, Francisco Luis Bernárdez é tamén un nome a destacar na Galicia literaria de Pre e Posguerra, autor dunha valiosa produción que cómpre rescatar e editar por xunto para legárllela as novas xeracións e desoxidar informativamente as non tan novas. Velaí o reto.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-10-2014]

Ars dedicandi: Francisco Luis Bernárdez

dedicatoria francisco luis bernardezO escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978) tivo dende novo unha querenza polo noso que o levou a escribir poemas e artigos en galego que alternou coa escrita en castelán. Nesta última lingua chegou a ser unha das figuras cimeiras da literatura arxentina, o que non o privou de se converter nunha voz de interese certo nas nosas letras do tempo das Irmandades e a República, mesmo na de despois, pois tamén na Posguerra contactou co grupo Galaxia e deixou escritos de tema galego en diversos libros.

Entre as figuras que de sempre tratou está a do incomparable Eduardo Blanco-Amor, tan parello a el no seu periplo vital, escritor de dúas linguas e autor principal para a patria galega e a arxentina. Coñecíanse dende novos e estimábanse reciprocamente, como demostra o epistolario que entre ambos cruzaron e as consideracións que fixeron o un do outro en entrevistas e declaracións públicas.

Velaquí deixo o testemuño dese afecto cruzado na dedicatoria do exemplar de Alcándara (1925), publicado en Buenos Aires e asinado para o ‘hirmán’ Blanco-Amor, coa inequívoca cruz de Santiago ao pé, símbolo dunha galeguidade compartida da que nunca abdicou.