Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG

ars_dedicandi_rpineiro_rag

Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.

O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.

O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.

A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.

Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López.

Unicamente o recipendiario e quen lle contesta inseriron texto na dedicatoria. O primeiro saudando a “Luisa Crestar, betanceira que sinte cos ‘bós e xenerosos’, coa cordial amistade de Ramón Piñeiro”. O segundo dando “Apertas, boa amiga, D. García-Sabell”.

Neste cabodano acae a lembranza de Ramón Piñeiro e o feixe de colegas e amigos que, a canda el, protagonizaron a escena cultural, social e política galega da pasada centuria.

Ars dedicandi: Rafael Dieste

ars_dedicandi_diesteUn 29 de xaneiro pero de 1899 nacía en Rianxo Rafael Dieste. De neno tiráballe a pintura, o piano e, xaora, a escrita, afeccións que alimentaba o carburante dos feitos insólitos, tal o varar dun cachalote na praia de Tanxil cando era apenas un rapazolo, suceso que logo literaturizou en relato ben coñecido. Cos anos viñeron os libros de todos sabidos: Dos arquivos do trasno e, tamén si, A fiestra valdeira.

Nun exemplar da primeira edición desta peza de teatro estampou o autor a dedicatoria que aquí se reproduce, regalada a quen foi un bo amigo seu: Francisco Fernández del Riego.

A data de sinatura é 1962. Por tanto, uns meses despois de regresar do exilio en Bos Aires. Obsérvese que, malia terse publicado en 1958 unha nova edición da obra teatral, Del Riego posuía tamén unha copia da orixinal de 1927, que foi a que asinou Dieste en Vigo para o vello amigo.

Na dedicatoria faise constar a ledicia polo reencontro e a fraternidade compartida tras o afastamento de tantos anos. Tamén o agradecemento polo moito que Del Riego fixera polos escritores galegos e, entre eles, polo propio Dieste.

Cando o de Rianxo regresou da América o 21 de agosto de 1961 un dos que os estaba agardando no café Alameda de Vigo era Del Riego. Cando houbo que volver imprimir a segunda edición revisada e aumentada de Dos arquivos do trasno en 1962 quen estivo detrás da iniciativa foi Del Riego. Cando en 1965 Dieste quixo autoeditar Diálogo de Manuel e David foi Del Riego quen xestionou a impresión nos talleres do Faro de Vigo. Cando, ese mesmo ano, apareceu unha antoloxía de cinco contistas galegos en Galaxia foi Del Riego quen o escolmou xunto a nada menos que Castelao, Otero Pedrayo, Blanco-Amor, Cunqueiro e Fole. Cando Dieste foi designado membro da RAG en xuño de 1967 un dos principais impulsores da iniciativa foi Del Riego. E cando o rianxeiro deu á luz, novamente en autoedición, ¿Qué es un axioma?, volveu ser Del Riego quen conseguiu que se imprimise nos talleres outravolta do Faro de Vigo e quen se encargou de que a obra fose distribuída por Galaxia.

Non debe estrañar, por tanto, tan garimosa dedicatoria de Rafael Dieste a Francisco Fernández del Riego, dous bos e xenerosos aos que nin sequera un océano de por medio conseguiu distanciar.

Nas páxinas de FerrolAnálisis

Levo anos admirado pola impecable factura dunha revista galega. Cada novo número seu que chega á casa é unha festa para a mente e ollos, un desafío lector pola variedade e fondura dos artigos que inclúe, mais tamén unha experiencia gozosa pola altísima calidade material da publicación, un artefacto que un sostén nas mans e vai ollando co maior dos agrados.

Ese festival da escrita e a edición ten un nome xa asentado e recoñecido entre o melloriño das revistas que aquí se publican dende hai máis de vinte anos: FerrolAnálisis, cabeceira que naceu en setembro de 1990 e na que tivo —e ten— papel protagónico o infatigable xornalista ferrolán de ascendencia guitiricense Xermán Castro Tomé, presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol, grupo que a botou a andar e que hoxe coordina Xan Morales coa axuda de María Ares Sanmartín como directora de publicacións.

Presentado agora como anuario —en tempos foi semestral—, FerrolAnálisis puxo na rúa a finais de mes pasado o número vinte e oito, extensa entrega de máis de trescentas páxinas en formato folio ampliado onde se recolle case unha corentena de traballos distribuídos nas diversas seccións das que a revista se compón: Pensamento e Política; Comunicación; Historia; Arte e Arquitectura; Literatura; Curso Gurméndez; Ferrolterra-Perfiles; Defensa e Seguridade e mais Ciencia e Tecnoloxía.

Como me faría prolixo de máis dando conta aquí de todos e cada un destes valiosos traballos, centrareime unicamente naqueles que, por proximidade temática, espertaron en min maior interese. Secasí, non quero deixar de recomendar vivamente a lectura ao completo do número, pois non facelo privaría ao que a ela se achegue das interesantes reflexións dun Federico Mayor Zaragoza sobre a Cultura da Paz, un José Manuel González Herrán sobre Emilia Pardo Bazán e as óperas wagnerianas ou un Emilio Pérez Touriño sobre a reforma do Estado e as autonomías.

Do meu particular agrado foron os artigos asinados por un banda por Xesús Alonso Montero e doutra por Francisco Rodríguez. O primeiro por debruzarse sobre un persoeiro que entendo clave na historia da literatura e o galeguismo do pasado século, o laurentino Francisco Fernández del Riego. O segundo por ocuparse da curiosa conexión textual que vencella dúas das escritoras máis fascinantes e xeniais do século XIX en Galicia e España: Concepción Arenal e Rosalía de Castro.

O artigo de Alonso Montero ofrece un perfil biográfico de Fernández del Riego que percorre a vida deste dende os tempos da República ata mediados dos sesenta da pasada centuria. Coa acuidade que o caracteriza, o profesor Alonso Montero lévanos da man por eses intensos anos que viron mudar a política e a sociedade española (República-Guerra Civil-Ditadura) para tracexar o retrato dun Del Riego entregue á causa democrática e galega, promotor incansable de plataformas a prol da terra, cidadán comprometido politicamente na Preguerra e esforzado estratego na clandestinidade da primeira Posguerra para que non crebase o cordón umbilical da tradición galeguista nos escuros anos da barbarie franquista.

O relato —moi ben contado, solidamente documentado— interrómpese a fins dos 60, con promesa por parte do autor dunha continuación nunha vindeira entrega que ficamos a agardar.

Pola súa banda, Francisco Rodríguez dedica a súa atención a unha súa conterránea, Concepción Arenal, póndoa en relación con Rosalía de Castro para ver ata que punto as súas visións de España e Galiza, e a súa concepción da estrutura do social en sentido amplo, son complementarias entre si e diferentes ás que sostiña unha outra célebre dese século, Emilia Pardo Bazán, quen tamén asoma puntualmente no artigo de Rodríguez, unha moi suxestiva análise comparativa entre textos de Arenal e Rosalía publicados tanto el libro (Cantares gallegos fronte a La Voz que clama en el desierto) coma en prensa (na contraposición dun poema ao político liberal Salustiano Olózaga Almandez publicado por Arenal en 1866 en La Iberia e outro dedicado por Rosalía ao mesmo personaxe en La Soberanía Nacional dese ano).

FerrolAnálisis volve sorprendernos ledamente con este número, facendo máis grande unha andaina que a confirma como unha das revistas referenciais desta hora entre nós. Haberá que facer votos para que o siga sendo por moito tempo.

         [El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 9-3-2014]

A propósito das exposicións de Penzol e Del Riego

Hai uns días que tiña pendente unha visita á exposición que a Editorial Galaxia inaugurou para conmemorar o cincuenta aniversario do nacemento da Fundación Penzol: ‘Fermín Penzol. Unha obra para un país’, que pode visitarse dende o pasado 8 de xullo e ata o vindeiro 31 de agosto na Sala 1 do Pazo de Fonseca, en Santiago.

Digo que quería eu achegarme ata alí, pois non fun quen de poder facelo no día da inauguración. E ben que o sentín, porque un vello amigo tíñame dito que era cita á que non podía de xeito ningún faltar. E levaba razón, moita razón. Unha exposición soberbia, definitiva.

@s que vos animedes a acercarvos a esta exposición comisariada por María Dolores Cabrera Iglesias e Henrique Monteagudo e coordinada por Xosé Manuel Soutullo poderedes gozar (e nunca este verbo tivo máis sentido) non só contemplando paneis explicativos e vídeos documentais sobre Penzol —o que, xaora, tería xustificado sobradamente a exposición—, senón que tamén farán as vosas delicias os orixinais de libros e documentos da nosa historia literaria que poucas, moi poucas veces poden verse: pergameos do rei Afonso VII, incunables varios, exemplares auténticos das Festas Minervais de 1697, os cadros cos debuxos do Álbum de auto-caricaturas de Castelao, reproducións dos mapas de Fontán e Ojea, a Xeografía de Molina, o caderno manuscrito coa Égloga de Nicomedes Pastor Díaz, primeiras edicións de De catro a catro, Poemas do si e non, Cómaros verdes, Á lus do candil…, fotografías descoñecidas e pouco divulgadas con protagonistas da nosa literatura, cartas manuscritas de Cabanillas, Risco, Piñeiro… en fin, un auténtico festival de pezas únicas que todo amante da nosa cultura e da nosa literatura non é que non debera perdelo é que non pode perdelo.

A sala de exposicións alberga quince paneis nos que se vai dando conta da singradura biográfica de Penzol, o significado histórico da súa fundación e o legado da súa Biblioteca, que se ven complementados coa reprodución do que foi o despacho de traballo do bibliófilo e algúns outros efectos como un busto seu tallado en madeira ou a súa vella máquina de escribir, entre outros.

Mais se todas estas marabillas non vos deciden aínda a abeirar polo Pazo de Fonseca, lembrareivos que na Sala 2 poderedes visitar unha outra exposición non menos espectacular: ‘Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito. Centenario do nacemento 1913-2013’, esta comisariada por María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira e tamén coordinada por Xosé Manuel Soutullo coa axuda de Mercedes Rosón. Nela teredes acceso a outros moitos materiais singulares: documentos fundacionais de Galaxia, cartas con diversos autores, o mecanoscrito da referencial Historia de la literatura gallega (asinado, por certo, en 1947, aínda que a obra non vería luz ata 1951), numerosas instantáneas do laurentino con diversa xente de letras e, por suposto, un outro vídeo documental que completa a información dos varios paneis.

@s máis devot@s deben saber que están a disposición do público, gratuitamente, amplos programas de man despregables esencializando o espírito das exposicións e que, amais, Galaxia editou recentemente cadanseu volume a partir das mesmas: Fermín Penzol unha obra para un país e mais Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, magníficos libros-catálogo nos que figura recollida unha parte substantiva do que nos salóns de Fonseca se ofrece.

Neste tempo máis ou menos vacacional (asegún para quen, como diría o mestre Risco), @s de Compostela e @s que non o son teñen nestas exposicións unha proposta perfecta para se achegar á cerna da nosa capital histórica e deixarse engadar por esta regalía visodocumental que Galaxia fai pública para deleite de lector@s e amantes do patrimonio de noso.

Laurentino do Sur

Remato de ler, con grande agrado, Vigo dende o corazón de Galicia, o volume homenaxe que María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira prepararon para a Editorial Galaxia con motivo do centenario de nacemento do exemplar Francisco Fernández del Riego, a quen van dedicados a totalidade dos traballos deste libro, que tamén recolle algúns textos do escritor e intelectual laurentino.

Tras os saúdas de rigor ―peaxes institucionais tan obrigadas coma perfectamente prescindibles―, as editoras da obra dispoñen unha ampla e documentada cronobiografía na que non faltan as referencias bibliográficas adoitas e grande outro número de informacións complementarias, que axudan a debuxar o currículo de vida deste admirable persoeiro.

Seguen logo dúas ducias de colaboracións de distinta natureza, que se ocupan dos principais socalcos autoriais e profesionais do homenaxeado para completar un volume extenso que se achega ao cento e medio de páxinas con abondosa profusión de material gráfico (fotografías, reprodución de documentos, caricaturas…).

Como acontece adoito neste tipo de publicacións, os diversos artigos que o compoñen amosan desparella proporcionalidade e ambición e, a carón de moi lúcidas e rigorosas aproximacións, hai tamén outros de ocasión nos que os convidados a participar se conforman con testemuñar o seu coñecemento persoal do homenaxeado e, todo o máis, narrar algunha anécdota ou vivencia compartida.

Mais, como adiantei, o libro conta tamén con excelentes achegas e ‘semblanzas’, pero, como ha ser talvez abusivo nomealas todas, conformareime con sinalar aquí tan só algunhas das que espertan para min maior interese, caso dos retratos de Xurxo Martínez González, Xesús Alonso Montero e a súa irmá Ana María Fernández del Riego ou os ensaios de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Víctor Freixanes, María Xosé Queizán e Villanueva Gesteira, aos que habería que sumar aínda a emotiva “Abreviatura para un poema épico” do tamén chorado Xaime Illa Couto coa que se fecha a publicación.

É ben certo que xa se publicaron ao longo destes anos outros volumes nos que a figura de Del Riego fora xustamente visitada, mais non é menor verdade que o excelente labor de coordinación de Cabrera Iglesias e Villanueva Gesteira levou a feliz termo a elaboración dunha obra á altura do homenaxeado, que fica aquí moi dignamente honrado e rememorado entre tantas e tan valiosas contributos, aos que a súa escrita pon o ramo cunha pequena escolma de escritos de temática viguesa que xustifica o patrocinio do concello olívico nesta publicación.

Vigo dende o corazón de Galicia ―impecable na súa materialidade, moi oportuno na súa execución― ofrece unha magnífica oportunidade para aprender do maxisterio vital e humano dun mestre bo e xeneroso como foi Francisco Fernández del Riego, un laurentino anainado polos do Sur que representa unha das trabes de ouro da nosa cultura na última centuria.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 3-2-2013]