Posdramaturxia galega

A literatura dramática galega vive momentos complicados. O actual contexto da covid-19 angosta a súa recepción e proxección, tanto nos escenarios do país onde se representan as obras coma nas editoras que as dan a coñecer. Agora ben, isto é de aplicación unicamente no eido da acollida pública destes produtos culturais, pois unha realidade moi outra é a que ten que ver coa excepcional calidade e vizosísimo momento creativo que os nosos dramaturgos levan demostrando nos últimos anos.

Esa máis que plausible andaina volve fulgurar coa publicación de DramaturGA 20, o volume colectivo que edita a Asociación Galega de Dramaturxia no que participan case unha ducia dos nosos mellores creadores teatrais.

As propostas reunidas en DramaturGA 20 son un bo expoñente da máis próvida das vangardas escénicas. Lonxe das fórmulas, temas e rexistros do teatro galego doutrora, as liñas de forza, conflitos e tramas que conforman a urda destas creacións sitúannos plenamente no novo milenio e nun concepto espectacular posdramático, onde —e valla o xogo de palabras— a forma conforma o que o texto informa. Dito doutro xeito: o no gordiano destas historias anóase nunha posta en escena múltiple, mestiza, multimodal e participativa, na que a cuarta parede desapareceu, as fronteiras xenéricas foron abolidas e a columna vertebral da performance escénica é só en parte verbal.

Por estas coordenadas avanzan os “Soños de cinza” de Ana Abad de Larriva, teatro danza, onde o proxémico e quinésico determinan en non poucas ocasións o lingüístico e a semántica da mensaxe abala na aduana da loucura lúcida. E outro tanto acontece co “Corporal” artefacto de Afonso Becerra de Becerreá, dramática enunciativa de monolóxico fluír da conciencia inquiridora, indagación sobre a metafísica da fusión dos corpos.

Non menos orixinal é a achega de Raquel Castro e o seu “Un bolso grande de máis”, alegación contra a tiranía da xornada dobre feminina e a ditadura dos atumes procreadores adxudicada ao rol feminino na sociedade patriarcal.

Autorreferencial e atrevidamente gráfica e musical é tamén “Play” de Sther F. Carrodeguas, ácida revisión dos preconceptos machistas que condicionan a educación na infancia e os roles sexuais. E velaí tamén a sutil prospección no limes da cordura roma e do lúcido psiquiátrico que Julio Fernández Peláez explora con “O corazón dos peixes”, profundar no labirinto do eu ata os baixíos da ulterior razón.

“Bisesto” de Fran Godón engada polo xogo paralelístico e por espellar as cicatrices que deixan ao ar os casos da mocidade que cae nas gadoupas da anorexia e doutras afeccións que devastan a estima propia e provocan o autoodio moitas veces lesivo.

“Aba e Don”, de Ernesto Is, é quen de crear un bucle espazotemporal que se dilata na delicada membrana do real e do fantástico, con alusións metaficcionais e de escuro bélico.

Carlos Labraña, voz autorial de abraiante plasticidade, codifica en “Alzheimer” a denuncia da barbarie do 36 e as feridas abertas pola incivil guerra, nun intelixente xogo de silencios ominosos, remorsos implacables e amnesias interesadas.

Francisco Oti Ríos, autor do limiar ao volume, é así mesmo o autor de “Unha cuestión familiar”, texto polo que recibiu o Premio de Teatro Mínimo Rafael Guerrero, peza intensa e reveladora, que xira arredor do esgazamento que se produce nas familias separadas polo exilio ao que obrigan os conflitos bélicos.

Pechando o libro figuran “Alicia morreu de sobredose” de Noelia Toledano, intertextualización lewiscarrolliana de epifánico monólogo, traxectorias cruzadas de absurdo deconstrutivo e traumático infantil; e, xa por último, “Por exemplo Biona” de Roi Vidal Ponte, dramapuzzle, cóctel escénico para montar e desmontar, ir e vir de flashes vitais nos que palpita a infinda vertixe dos días e das xentes.

Moito e moi bo reúne este volume DramaturGa 20. Oxalá sexan millenta as persoas que a el se acheguen para arroupar e facerlle xustiza ao noso teatro, hoxe especialmente necesitado de atención. Poderán comprobar, de propia man, a valía desta “proposta aberta e plural”, así como a innegable “excelencia e liberdade” que o seu prólogo anuncia e que as pezas que aquí se inclúen confirman.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-8-2020]