Na selva escura

suso de toro

¿Que é o real? ¿Existe o Destino? ¿Como nos configuran as circunstancias? ¿Que hai máis alá, fóra de nós? ¿U é a nosa identidade última?

Arredor destas e doutras preguntas xira a trama que Suso de Toro tece en Fóra de si, a súa máis recente novela, coa que segue a apontoar ese sólido macrotexto literario que leva anos construíndo.

Un cirurxián en crise profesional e persoal, un seu tío que morre, a ruptura coa súa muller e filla, a complexa relación con seu pai internado nun psiquiátrico ou a aparición dun novo amor son os convulsos acontecementos que se suceden na vida de Ricardo Marzoa, médico a punto de se xubilar que verá como todo aquilo que fora pedra de nadir da súa existencia esfarela dun día para outro poñéndoo, en todos os sentidos, fóra de si.

Conformada na súa cerna a partir dun longo monólogo hospitalario no que o fillo cirurxián lle fala a un pai que nunca responde e que, na súa demencia senil, parece non escoitalo, a novela incide unha e outra vez nos conceptos de realidade e identidade. A vida é un descenso aos infernos e todo se configura como un drama órfico do que regresamos transformados.

Por tanto, Fóra de si é, en non poucos sentidos, unha Divina comedia do século XXI, na que hai un Virxilio (o tío do protagonista) que guía o sobriño polos diversos círculos e hai tamén o amor salvífico dunha Beatriz, de Celeste Beatriz.

fóra de siMais Fóra de si é tamén unha odisea, unha nova Eneida, unha viaxe interior aos abismos, ao mouro reverso, á outra beira. Todo é fantasmal, a vida auténtica é unha procesión de espectros, de sombras e cómpre morrer para resucitar á nova vida, ser Lázaro. Daquela, é imprescindible espertar do soño irreal da vida especular da caverna e deixarse guiar pola Santa Compaña dos mortos en vida, polos resucitados, que son os que coñecen o camiño verdadeiro, como reza a cita de Miguel Torga coa que remata o libro: “Todos nos mentimos uns aos outros. Só os bichos e os mortos son verdadeiros”.

Considerada desde esta óptica, a longa conversa monologada do protagonista con seu pai presente, no físico, e ausente, no mental, debe entenderse como unha ladaíña, coma un esconxuro, a expiación necesaria para renacer á vida auténtica tras a superación do complexo edípico nel mezzo del cammin: “Tamén eu che veño a ti aquí a botar a merda. Porque moita da miña merda tamén é túa, meu pai”.

Noutras palabras: ten de se estar “fóra de si”, experimentar que “foi como se perdese o control. Como se estivese fóra de min” para chegar logo á conclusión de que “estaba fóra de min. Agora, non; xa pasou. Volvo a min, doutra maneira”. O ser humano novo, a ave fénix.

Nesa encrucillada definitiva, nesa selva oscura, selva selvaggia e aspra e forte na que as circunstancias gassetianas nos defrontan coa gran pregunta de quen nos deixamos ir sendo e quen, realmente, desexamos ser prende a raiceira metafísica que alimenta Fóra de si, narración coa que Suso de Toro regresa ás cobizadas landas da mellor literatura.

[Tempos Novos, setembro 2018]