Xente de noso

Fin de festaEscribir é, en non poucas ocasións, un exercicio de hipnose que nos conduce aos estratos máis fondos da conciencia, onde ancora o que fomos, o pasado persoal e tamén o camiño andado comunalmente, a pegada dos días que foron deixando en nós un ronsel que nos trouxo ata o noso ser presente. Por iso cando un autor regresa, a través da escrita, ao territorio da infancia e a mocidade e á paisanaxe que habitou eses eidos prodúcese unha anagnórise na que todo se explica e se fai latexante evidencia ante a epifanía do autorrecoñecemento, do encontro da raíz, da volta ao ónfalos primixenio.

Fin de festa, o volume de narrativa que asina Diana Varela Puñal para Laiovento Edicións, ten moito de viaxe a unha Ítaca sentimental que se recupera por medio da escrita para dicir un mundo que foi, pero que segue vivo e entrañado na memoria de quen o fabula.

Varela Puñal deseña un libro en pequenas entregas ou relatos nos que dispón unha estrutura trenzada, de xeito tal que catorce das prosas son seriadas e van contando a historia de Susi Arnela e os outros trece textos arroupan esa narración central contando peripecias e circunstancias doutros personaxes que cruzan coa protagonista e comparten con ela un tempo e un mundo.

Por tanto, Fin de festa confórmase como unha galería onde sabemos das xentes de Xuvino (ficcionalización do Corme natal da escritora) e daqueles episodios máis salientables no seu pasado recente. Hai nestes retratos un ollar benévolo e indulxente, que expón e evita xulgar, unha mirada comprensiva, humana, que tenta entender o porqué de cada decisión, de cada particular xeito de ser, de cada xenuína ruptura de sentido.

Os seres que cruzan este Fin de festa compoñen un cosmos identificado, unha especie de insua onde todo é posible e as regras que rexen o seu vivir só son admisibles e comprensibles nese contexto concreto.

Diana Varela PuñalDe entre todos os personaxes que o libro retrata Susi Arnela é, con diferenza, o mellor perfilado, o que no seu rol protagónico ofrece as páxinas máis celmosas. Nena e rapaza fermosísima, elegante e admirada ata o delirio, todo o pobo de Xuvino viviu a puberdade e adolescencia de Susi Arnela como a contemplación dun milagre de perfección. Ninguén podía subtraerse ao fascinio de tela preto, de lle falar, de compartir con ela os momentos de máis relevo. Mais Susi Arnela acaba por cruzar a liña prohibida e caer nunha adicción que a arrastrará á decadencia: a súa beleza desfalecerá, o seu espírito ledo ensombrecerá e o desfalecemento e a ruína farán presa dela.

Paralelamente, Fin de festa vai presentándonos tamén os contextos que levan a ese ocaso para amosar como, malia a todo, tras ese esmorecer, houbo tamén treguas escintilantes, persoas e amigos que andaron o camiño sen se perder, ou perdéndose mais gozosamente, sen o agre saibo da frustración pé dos beizos.

Varela Puñal cóntanos destes semellantes nosos de Xuvino cun dicir aveludado, suave pel dos parágrafos que esvaran oleosos e perfumados, deixando que un incenso adxectival aromatice os períodos en volutas recendentes de harmonía superior, prosa deliciosa onde as haxa.

Fin de festa non é un libro nin de gañadores nin de perdedores. É o relato dunhas xentes tan comúns coma extraordinarias, tan complexas coma inxeis; isto é, tan coma nós e, asemade, tan irrepetibles. Diana Varela Puñal soubo capturar nestas planas esa intemporal substancia, esa permanencia transcendente na que recoñecerse é doado porque o máis humano vai de seu.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-7-2015]