Reinterpretando a Manuel Antonio

A poesía de Manuel Antonio, a case un século de distancia, segue agochando escuros ancos que talvez nunca deamos iluminado.

A esa angueira aplícase Fidel Vidal no ensaio O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio, na que, axudado das teorías psicoanalíticas para a prospección literaria, realiza unha revisión da poética do rianxeiro na que a figura paterna —tamén si a materna— e a revisión da interpretación de coñecidos símbolos da escrita do autor de Catro a catro, como o do mar, o vento ou a viaxe, son reconsiderados nunha nova clave na que o paso do Tempo, a morte, a soidade e a liberdade tamén adquiren sentidos alternativos e trazan inesperadas relacións.

O libro conta, amais, cun prólogo asinado polo especialista Xosé Luís Axeitos e un epílogo debido a Manuel Fernández Blanco. Tanto un coma o outro axudan a calibrar a valía da achega de Vidal e fan patente o anovador da súa esexese.

Poderá coincidirse ou non coa lectura que dos versos de Manuel Antonio fai Fidel Vidal. Agora ben, do que non pode dubidarse é da coherencia interna das propostas interpretativas e do suxestivo da proposta, que convida a revisitar con novos ollos unha obra sempre enigmática.